O turismo de cruceiros bate récords e achégase ao millón de pasaxeiros anuais en Galicia

Cinco cruceiros no porto da Coruña, o pasado 22 de abril © Autoridade Portuaria da Coruña

O pasado 22 de abril coincidiron no porto da Coruña cinco transatlánticos, unha "escala récord", como lembrou a Autoridade Portuaria, que supuxo un récord de cruceiristas nun só día na cidade: 15.000 persoas. A fotografía dos cinco grandes buques atracados a un tempo nos peiraos serviu como imaxe símbolo do enorme crecemento dun tipo de turismo, o de cruceiros, que non para de bater marcas en Galicia. E o que vén. 

Os datos definitivos do Instituto Galego de Estatística (IGE) —e recentemente revisados— de 2024 indican que os cinco portos de interese xeral do Estado en Galicia recibiron 281 cruceiros e algo máis de de 636.000 cruceiristas no pasado ano. 23 buques e case 80.000 pasaxeiros máis que en 2023, o que supón un incremento do 13% e mais do 14% respectivamente.

No conxunto do Estado, os case 13 millóns de pasaxeiros —concentrados fundamentalmente no Mediterráneo e nas Canarias— en 2024 supuxeron un incremento do 7%, mentres que os 4.700 cruceiros equivalen a unha suba do 4,8%. Aumentos, en todo caso, bastante inferiores xa aos que se dan en Galicia. 

Galicia recibiu 281 cruceiros e 636.000 pasaxeiros en 2024, un incremento de arredor do 14% en ambos casos

Porque o auxe do turismo de cruceiros tras a pandemia continúa e os datos para Galicia no que vai de 2025 así o corroboran. Entre xaneiro e maio (último mes contabilizado) fixeron xa escala 114 transatlánticos con perto de 250.000 visitantes. Equivalen ao 40% xa do total de pasaxeiros que en 2024 fixeron escala nos portos do país cando aínda quedan o verán e, sobre todo, o outono —a época do ano con máis cruceiros— por sumarlles a estas cifras. 

O incremento ata maio é de 66.000 visitantes e dun 36% con respecto ao mesmo período do pasado ano, con 20 cruceiros máis neses primeiros cinco meses en Galicia. Comparados os datos cos de hai tres anos, en 2022 cando este tipo de turismo volveu á normalidade tras a pandemia, o número de pasaxeiros que chegou a Galicia era daquela menos da metade. 

Entre xaneiro e maio, os portos galegos recibiron 66.000 cruceiristas, un 36% máis que no mesmo período do pasado ano

E as previsións non frean. Os dous grandes portos de Galicia, o de Vigo e o da Coruña, prevén para o vindeiro mes de xullo a escala de 10 e 15 transatlánticos respectivamente, unhas cifras que xa superan ás do mesmo mes do pasado ano. 

De feito, esta mesma semana, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, advertiu dos "rexistros históricos" previstos para o turismo de cruceiros este ano, con 125 escalas e máis de 300.000 pasaxeiros (ata un máximo de 350.000), o que suporía un crecemento do máis de 40% tanto en atraques como en pasaxeiros respecto a 2024. Ata 2027, o porto vigués prevé recibir un millón de cruceiristas e 360 transatlánticos. 

Na Coruña, pola súa banda, a Autoridade Portuaria prevé rematar 2025 con 180 escalas, as mesmas que calcula para 2026 logo de pechar diversos acordos, o que suporá a chegada de 450.000 pasaxeiros cada un deses anos, unha nova marca para os peiraos coruñeses. 

Só os portos da Coruña e Vigo prevén uns 800.000 pasaxeiros e máis de 300 escalas en 2025

Xa que logo, os cálculos sinalan que só entre os portos da Coruña e Vigo Galicia podería sumar máis de 300 escalas e arredor de 800.000 pasaxeiros, un número que, sumados os entre 15.000 e 20.000 máis que se prevén nos peiraos de Ferrol, Vilagarcía e Marín, achega cada vez máis Galicia á simbólica cifra de 1 millón de cruceiristas nun ano. Ademais, o número de transatlánticos superará amplamente os 300, roldando os 325. 

Abonda con ollar dez anos atrás para se decatar do enorme incremento deste tipo de turismo, que en 2015 non superou os 370.000 pasaxeiros e quedou nos 194 cruceiros. Neste tivo un papel fundamental o porto da Coruña, que comezou a competir e mesmo adiantou o de Vigo, que fora o dominante durante as décadas previas non só en Galicia senón en todo o noroeste peninsular, de Bilbao ata O Porto. 

A Coruña lidera con moito o número de escalas e pasaxeiros cando en 2010 Vigo dobraba en transatlánticos ao porto coruñés

En 2010, por exemplo, Vigo acollía practicamente o dobre de cruceiros (114 fronte a 62) e máis do triplo de pasaxeiros (arredor de 234.000 fronte a uns 71.000) que A Coruña. Ao porto vigués chegoulle a competencia do coruñés pero tamén do do Porto, onde se abriu en 2015 unha nova terminal de cruceiros, con barcos que fan escala nesas dúas cidades e xa non no porto vigués intermedio. 

Ante o balance de cifras, que sitúan A Coruña con 100.000 cruceiros máis anuais que en Vigo, o presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Botana, asegura que non pretenden "competir" nin co peirao coruñés nin co de Porto. "Estamos noutro camiño e sen alcanzar o turismo masivo", explica. 

A taxa turística na Coruña

Segundo a Autoridade Portuaria da Coruña, só hai un factor que poida frear o auxe deste tipo de turismo nos seus peiraos e desviar buques cara a outras zonas: a taxa turística que vén de aprobar o Concello da Coruña. Aínda que neste ano non será aplicada aos cruceiros, Martín Fernández Prado, presidente do Porto, xa se amosou contrario a ela porque "non a abonaría os viaxeiros, senón as navieiras" polo que suporía un sobrecusto "moi significativo" no importe total da escala. Segundo asegura, o feito de que non existan outras instalacións portuarias no norte de España nesta situación fará que perdan competitividade. 

A normativa que regula este gravame prevé que a taxa para os cruceiros sexa de 1,5 euros por persoa e día. A lei da Xunta que impulsa esta ordenanza fiscal considera que toda estadía inferior ás 24 horas, como ocorre habitualmente no caso destes buques, se computará como unha única xornada. No caso de se cumprir as previsións de cifras para 2026, o Concello da Coruña ingresaría arredor de 650.000 euros en virtude da taxa aplicable a estes transatlánticos

Uns barcos cada vez máis grandes e con máis pasaxe nas dúas principais cidades galegas pero que seguen sendo puntuais no resto de portos galegos, con menos dunha vintena de buques máis pequenos cada ano en Ferrol e menos de dez en Vilagarcía, sendo a presenza destes buques en Marín testemuñal polo momento. 

Sumar presentou unha proposición non de lei para limitar os cruceiros: dous ao día e 3.500 pasaxeiros como máximo

Un desembarco turístico nun tempo e espazo limitados que as visións favorables do fenómeno presentan como unha inxección económica para a cidade (o Porto da Coruña cifra en case 40 millóns de euros o impacto en 2024). Porén, as visións máis críticas contrapóñeno coa contaminación que provocan esas grandes cidades flotantes e co custo e molestias para os lugares de acollida e os seus habitantes que implican eses desembarcos masivos.

A organización Transport & Environment (T&E) advertira nun estudo que os cruceiros que visitan peiraos da UE emiten tanto xofre tóxico como 1.000 millóns de coches, o que equivalería a que só un buque deste tipo consome tanto gasoil como 12.000 vehículos privados e con emisións cen veces máis tóxicas. 

Cruceiros no porto de Vigo © Autoridade Portuaria de Vigo

Precisamente, e tirando destes datos, Sumar vén de rexistrar unha proposición non de lei no Congreso coa que formula a aprobación dun marco regulatorio que restrinxa a chegada de cruceiros a cidades portuarias a un máximo de dous diarios e 3.500 pasaxeiros, así como a buques de 280 metros de eslora como máximo. O texto, rexistrado para o seu debate na Comisión de Industria e Turismo, ten o obxectivo de reducir a chegada masiva de cruceiristas ás costas españolas por usaren este "o medio de transporte máis contaminante por persoa e quilómetro". 

O pasado 22 de abril, tres dos cinco cruceiros que coincidiron na Coruña pasaban deses 280 metros de eslora que a proposición de Sumar marcaría como límite e só nun deles chegaron 4.314 pasaxeiros, case un milleiro máis da cifra que se establecería como máxima permitida. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.