A Xunta aínda non sabe que facer con Galicia Calidade no turismo

Promoción turística de Galicia en Fitur coa marca Galicia Calidade CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego encarga a unha consultora que lle diga como reestruturar a empresa pública un ano despois de estender ao turismo o uso dunha marca creada en 1990 para produtos e coa que o Goberno de Rueda gaba tamén a súa propia acción política 

Hai un ano Praza.gal avanzou como a Xunta estaba a estirar a marca Galicia Calidade, creada en 1990 para publicitar produtos galegos, empregándoa agora tamén como lema da acción de goberno de Alfonso Rueda e como identidade para as novas campañas turísticas do país. Porén, un ano despois o Goberno galego aínda non sabe que uso darlle a Galicia Calidade no eido do turismo máis alá de como reclamo publicitario e vén de sacar a concurso un contrato para que algunha consultora a asesore por 91.000 euros e lle diga desde se o seu persoal é suficiente e fai o seu traballo de forma eficiente ata que subsectores turísticos son os prioritarios ou que empresas turísticas poden acceder á marca Galicia Calidade.

Algunhas das actuacións que deberá desenvolver a consultora que contrate a Xunta para reestruturar Galicia Calidade CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Foi o 23 de abril do pasado ano, no debate de política xeral, cando Rueda pechou o seu discurso inicial tirando da marca: "O mundo aínda non sabe ata que punto Galicia é calidade. Demostrémosllo xuntos", dixo, para seguir empregando el e o seu goberno ese lema nos meses seguintes como exemplo do seu propio bo facer. Un lema que, como contratou hai un ano a Xunta, foi tamén o que guiou a promoción turística de Galicia en Fitur e o vai seguir facendo nas próximas campañas publicitarias ao respecto. 

Pero máis alá da publicidade turística, a Xunta aínda non sabe como reorientar a marca Galicia Calidade e a propia empresa pública Galicia Calidade SAU ao sector turístico logo de tres décadas centrada en produtos. Para iso vén de sacar a concurso "un servizo para o deseño e elaboración dun plan de acción" por 91.000 euros cun prazo de execución de 18 meses. 

Primeiro anuncio televisivo da historia de Galicia Calidade, en 1991

A consultora que contrate a Xunta deberá "revisar a estrutura organizativa, os recursos humanos" e definir os "criterios de acceso á marca" por parte das entidades turísticas

A consultoría que aínda agora vai contratar a Xunta deberá propoñer medidas en diversos eidos. En primeiro lugar, o Goberno galego pídelle "unha análise rigorosa dos recursos actuais de Galicia Calidade SAU, aplicables ao sector turístico" o que inclúe "revisar a súa estrutura organizativa, os seus recursos humanos dispoñibles, os medios económicos destinados á promoción turística e os procedementos actuais de traballo". Tras esa diagnose deberá propoñer mellores "fluxos de traballo".

A empresa contratada tamén deberá "definir cales son os subsectores turísticos prioritarios para a acción da marca Galicia Calidade" e avaliar a posibilidade de que a empresa Galicia Calidade SAU poida optar a ser entidade certificadora de calidade de empresas turísticas intelixentes. Nesa liña, tamén deberá definir os "criterios de acceso á marca" por parte das entidades turísticas que desexen ser Galicia Calidade, "redefinir as tarifas para a adhesión á marca" e "propoñer un plan de promoción dirixido especificamente ao sector turístico". Unhas actuacións de planificación de obxectivos e estratexias que chegarán meses despois de que a Xunta xa veña empregando Galicia Calidade como marca turística.

Imaxe do 25 aniversario da sociedade de certificación Galicia Calidade CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.