Unha das grandes apostas político-comerciais do primeiro goberno de Manuel Fraga, a comezos dos anos 90, foi a creación de Galicia Calidade. Con altos e baixos, a marca asociada á empresa pública homónima conseguiu, durante dúas décadas, ligarse ao país no seu conxunto e, especialmente, aos seus atractivos gastronómicos, turísticos ou comerciais. Estas potencialidades foron as que tentaron aproveitarse co redeseño e impulso da marca na década pasada e unha intención semellante foi a enunciada polo actual presidente da Xunta ao propoñer un "plan de relanzamento" durante o último debate de política xeral. Trátase, sinalou, de que este "sexa o selo que distinga os produtos e os servizos galegos como garantía dunha calidade sobranceira". Pero o Executivo quere ir alén da gastronomía ou o turismo e aposta tamén por aproveitar a marca para promocionarse a si mesmo e, máis concretamente, a súa política económica.
No ano 2011, aínda con Javier Guerra como conselleiro, o departamento de Economía e Industria iniciaba a primeira operación neste sentido cunha campaña publicitaria na que o lema Galicia Calidade aparecía, por primeira vez, ligado a eloxios á xestión da Xunta, tales como a súa capacidade para "sentar as bases" da recuperación económica. Menos de tres anos despois daquela primeira campaña, que tivo un impacto de case 600.000 euros no erario, a mesma consellería disponse a contratar unha acción publicitaria cunha intención moi semellante, pero duplicando o gasto.
Dende este luns o Goberno galego está inmerso na contratación dunha campaña baixo o título A economía de Galicia como principal impulsora do desenvolvemento e o emprego dunha terra recoñecida como Galicia Calidade en tres eixos: internacionalización, investimento e emprendemento. No prego de condicións ao que se deben axustar as empresas publicitarias interesadas a Xunta desprega unha autogabanza que ilustra por onde irán os anuncios: "o Goberno galego está a traballar no asentamento dunhas bases sólidas que permitan fortalecer a economía e artellar un modelo produtivo xerador de riqueza e emprego", comeza.
O Goberno tenta asociar a marca 'Galicia calidade' á súa política de "asentamento dunhas bases sólidas" para "fortalecer a economía"
A Consellería de Economía e Industria, continúa o documento, está a desenvolver "unha planificación clara" en ámbitos como "o impulso dunha actitude emprendedora" ou o "apoio a empresas e empresarios" con "leis como a de Emprendemento" ou "a aposta polas enerxías renovables". Neste contexto, o "obxecto do contrato" é "sensibilizar a poboación sobre os valores de Galicia como unha terra solvente" na que é posible "confiar". "A creatividade proposta deberá sensibilizar os empresarios, innovadores, emprendedores e comerciantes en particular e a sociedade galega en xeral de que Galicia é unha terra na que confiar, con potencial para o desenvolvemento de todas as actividades económicas", abonda.
A nova campaña custará ata 1,4 millóns de euros
Esta, "en fin", é unha terra "recoñecida dende hai moitos anos como Galicia Calidade, calidade das persoas, e o seu modo de traballar, calidade das materias primas, calidade dos procesos, calidade das normas e regulamentacións", asegura. A mensaxe, especifica, "debe ir ligada á posta en valor daqueles atributos que fan de Galicia unha contorna solvente, fiable e competitiva para o desenvolvemento económico" grazas a "atributos como o noso saber facer" e "a nosa cultura no traballo". Para todo isto a Xunta saca a concurso dous lotes: a creatividade, deseño e produción da campaña e a súa difusión nos medios de comunicación. Todo custará, en total, ata 1,4 millóns de euros.