Unha semana despois do izado da bandeira palestina na Reitoría da UDC "en sinal de repulsa contra o xenocidio perpetrado en Gaza", os populares intensifican a ofensiva contra o equipo de goberno da institución académica por colocárena nos mastros que habitualmente ocupa a bandeira de España
O pasado 22 de outubro a Universidade da Coruña izou a bandeira de Palestina no edificio da súa Reitoría e mais na seda da Vicerreitoría de Ferrol "en sinal de repulsa contra o xenocidio perpetrado en Gaza". En ambos edificios situounas nos mastros que habitualmente ocupa a bandeira de España coa intención de mantelas "ata a fin das agresións do goberno de Israel sobre o pobo gazatí", explicou a institución académica, que previamente xa desenvolvera outras accións no mesmo sentido.
A propia UDC divulgou este acto simbólico na mesma xornada en que o realizou. Non tivo maiores repercusións políticas ata que, despois de que webs vinculadas a extrema dereita o criticasen, o PP da Coruña emprendese unha campaña contra o equipo de goberno da universidade pola cuestión. Primeiro dende o seu grupo municipal no Concello coruñés e a continuación, dende a dirección galega do partido, parte da cal este venres se desprazou ante a Reitoría para incrementar a presión ao respecto.
 
        
            "Instamos á UDC a reflexionar e rectificar a súa decisión de retirar unha bandeira oficial, a de España, da Reitoría" porque "ningunha reivindicación o xustifica", indicou o PP da Coruña o pasado xoves nunha publicación nas redes sociais nas que amosaba un titular dun sitio web promovido por Vox. A crítica fíxoa ecoar pouco despois a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, sinalando a remuda temporal da bandeira como "decisión moi grave e inxustificada" o propio día 29 e cunha nova publicación en redes sociais, o día 30.
Co conflito por Medicina como pano de fondo, o PPdeG asume a escalada ao desprazar o seu voceiro parlamentario a instalacións da universidade, onde instou o reitor a "recuperar a cordura"
A escalada continuou este venres, cando o voceiro parlamentario do PP, Alberto Pazos, utilizou o exterior da Reitoría coruñesa como escenario para unha das conferencias de prensa que adoita ofrecer no Parlamento. Canda cargos do partido na cidade, Pazos adxectivou como "inasumible e intolerable" que "a Universidade da Coruña manteña hoxe a ocultación da bandeira española".
"Onte [polo xoves] denunciabamos un feito que podía ter sido un erro puntual; que hoxe se manteña esa situación non indica outra cousa que unha acción premeditada que busca a confrontación", afirma Pazos, cando en realidade a primeira crítica do PP chegou hai dous días, cando a acción simbólica da bandeira de Palestina na UDC levaba unha semana en marcha. "É necesario recuperar a cordura", agrega o voceiro conservador, porque "se alguén decide ondear unha bandeira e ocultar outras é evidente que está introducindo un nesgo que non corresponde co institucional", dixo antes de avogar por "evitar polémicas estériles".
A campaña do PP contra a UDC chega tras meses de tensións da universidade coa Xunta pola súa intención de implantar a carreira de Medicina. A propia Prado, nas súas críticas pola bandeira, referiuse implicitamente a ese conflito ao sinalar que "xa o avisei en xullo: o reitor dunha universidade non pode ser un activista político".
Esas críticas o pasado xullo lanzáraas a 'número dous' de Alfonso Rueda contra Ricardo Cao ao atribuírlle vontade de "confrontación" polos plans sobre os estudos sanitarios. Daquela Prado, como este venres Pazos, incluíron nas súas críticas a Cao que a UDC ten 13 millóns de euros en débeda, cuestión que o propio reitor vén destacando porque foi detectada "aos poucos meses de entrar o novo equipo de goberno" -tomou posesión en xaneiro de 2024-, tal e como sinalou nunha entrevista recente con Praza.gal.
O equipo reitoral que encabeza Ricardo Cao gañou as eleccións na UDC por ampla maioría a finais de 2023. O matemático, catedrático de Estatística e Investigación Operativa, estivo á fronte da candidatura Nova Luce, que vén aglutinando diversas sensibilidades progresistas da institución e logrando a reitoría dende hai dúas décadas.
 
                                 
                    