Ricardo Cao será o novo reitor da Universidade da Coruña (UDC) logo de que a súa candidatura fora elixida maioritariamente pola comunidade universitaria para dirixir a institución académica durante os vindeiros seis anos.
O catedrático e candidato de Nova Luce acadou máis do 65% dos votos nas eleccións celebradas este luns e nas que estaba chamdada a participar toda a comunidade universitaria. Obtivo 2.983 apoios fronte aos 1.590 do outro aspirante, Fermín Navarrina.
Ricardo Cao obtivo máis do 65% dos votos nunhas eleccións na que a participación roldou o 25%
Cao, nada máis coñecerse os resultados, dixo estar "moi honrado" pola "confianza" que se depositara nel, ao tempo que sentía "unha gran responsabilidade ante as tarefas" que el e mais o seu equipo terán que levar a cabop durante os próximos anos.
No discurso ofrecido no reitorado, Cao destacou o "claro" apoio á súa candidatura e apostou por facer unha "Universidade da Coruña cada día mellor" a través dunha receita: "a participación, o diálogo cara á humanización e a equidade".
Entre os principais retos citou a implantación da LOSU (Lei Orgánica do Sistema Universitario, así como a busca dun maior financiamento ou a internacionalización da USC. "Sinto a enorme ilusión por facer da UDC a mellor universidade posible, feita por e para as persoas, con todas as persoas que conformamos a comunidade universitaria", rematou.
Cao obtivo unha vitoria ampla nunhas eleccións con voto telemático e que se celebraron durante todo o día do luns, sen problemas e cunha participación de pouco máis do 25% das persoas chamadas ás urnas: algo máis de 4.500 membros da comunidade universitaria das case 19.000 que tiñan dereito a voto. Malia a elevada participación nalgunha categoría, o estudantado volveu ser o menos mobilizado nos comicios.