Ricardo Cao é un matemático galego mebro do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicación (Citic) da Universidade da Coruña (UDC). O Comité Español de Matemáticas nomenouno presidente do comité de expertos da Acción Matemática contra o Coronavirus, grupo que intenta axudar e achegar recomendacións, plans e propostas ás diferentes administracións co obxectivo reducir ou paliar os efectos da pandemia.
O comité de expertos pon a disposición das autoridades a súa capacidade de análise e modelización para comprender a Covid-19 e as súas consecuencias e, a partir dos datos facilitados polos gobernos, elaborar a modelización matemática da pandemia para estimar a evolución e permitir planificar da mellor maneira os recursos.
Como está a funcionar a colaboración entre o grupo que dirixe e as administracións?
Estamos tendo contacto e demandas de maneira irregular. Nós informamos a todas as autoridades, en particular ao comité que dirixe Fernando Simón, pero non estamos conseguindo un dos obxectivos principais: ter interlocutores claros que nos identifiquen problemas relevantes e urxentes nos que poidamos, con certo tempo, traballar para intentar solucionalos ou palialos. Entendemos que nesta situación todo o mundo está estresado co que é máis importante: a crise sanitaria, a atención aos enfermos... Pero creo que poderíamos estar sendo moito máis útiles malia estar facendo unha chea de cousas.
"Non conseguimos un dos obxectivos principais: ter interlocutores claros que identifiquen problemas relevantes para que traballemos en intentar palialos"
En que axudan os coñecementos matemáticos e estatísticos a paliar esta crise?
Desde a Matemática e a Estatística o básico é a modelización da epidemia, ver como se produce, como evoluciona... Para isto é moi importante ter información de moita calidade e datos claros en moi diferentes ámbitos. No caso do coronavirus, por exemplo, son moi importantes os datos de mobilidade, ver como se move a xente duns lugares a outros, cara a onde se despraza para ir traballar e como pode transmitir o virus... Estes datos de mobilidade basébanse en enquisas do INE, que agora tira de datos dos móbiles, unha fonte de información moito máis fiable e mellor que as anteriores, pero á que non podemos acceder porque son datos controlados por unha Secretaría de Estado que non os fixo públicos. Ao final, estamos utilizando datos de moita peor calidade.
Cales son os principais atrancos á hora de analizar os datos?
Nas series que saen todos os días na prensa (número de mortos, hospitalizados, casos activos..) temos un problema de homoxeneidade e harmonización dos datos porque ata a última publicación do BOE ao respecto, unha mesma magnitude estaba a ser comunicada e rexistrada de diferente maneira segundo a autonomía. Todo isto pode parecer algo moi técnico, sen importancia, pero si que a ten. Son atrancos que habería que evitar para que o noso traballo fose mellor e máis útil. De todos os xeitos, estamos sendo proactivos e anticipándonos.
"Botamos en falta que haxa moita máis comunicación porque podemos ser máis útiles; as administracións non sempre responden"
Colaboran coa enquisa epidemiolóxica que prepara o Goberno central?
Dentro do Comité Español puxemos a traballar varios expertos que fixeron algunha proposta, pero botamos en falta que haxa moita máis comunicación porque podemos ser máis útiles. Facemos chegar as nosas recomendacións ás administracións pero logo non sempre responden.
Manteñen colaboración coa Xunta?
Coa Xunta temos algún contacto, pero digamos que non a nivel institucional. O presidente do Comité mandou correos a responsables sanitarios de todas as autonomías e tan só obtivo resposta de dúas ou tres; do resto, nin tan sequera acuse de recibo. Iso non é moi positivo. Estabamos ofrecéndonos e a Xunta acabou contactando con nós, pero como grupo de investigación e non como comité porque non contestaron á proposta. Digamos que temos relación como investigadores, pero non como Acción Matemática contra o Coronavirus.
O estudo de seroprevalencia do virus a nivel estatal constará de 60.000 test para toda España e o de Galicia utiliza os 100.000 que lle mandou o Goberno central, ou un é moi escaso ou outro é excesivo, non é?
É unha magnfíca pregunta, pero para respondela deberíamos ter claro cal é o obxectivo preciso e técnico dos estudos, e en ningún dos casos temos os datos técnicos concretos. Se o que se quere é ter unha información moi boa da prevalencia da enfermidade a nivel dunha parroquia pequena con mil habitantes, precísase un tamaño mostral tremendamente grande, pero se abonda cunha información boa a nivel de sección censal ou de concello, cambian as cousas. A cuestión é que non temos claro cal é o obxectivo.
"Gustaríanos saber cal é o obxectivo preciso dos estudos epidemiolóxicos da Xunta e do Goberno central, pero en ningún dos casos temos os datos"
Cal sería o mínimo?
O mínimo que querería un saber é cal é a porcentaxe de poboación en España que pode ter ou tivo o virus. Para iso, con 60.000 persoas testadas pódese facer cunha fiabilidade moi alta porque estamos falando de menos do 1% de marxe de erro. Outra cousa é que queiras estimar a porcentaxe de poboación que pasou a enfermidade en Mazaricos, por poñer un exemplo. Daquela, o erro sería moito maior, claro. En todo caso, sería moi importante que contasen cos investigadores porque hai métodos que permiten mellorar os datos en áreas pequenas se tes pouca mostra, e en Galicia temos expertos internacionais. Se cadra, nalgún concello, aínda que a estimación fose moi variable, podíase mellorar. Pero non sei que é o que se vai facer con todos os test que se van facer en Galicia. Vanse dedicar 100.000 a isto? Haberá máis?
Que tipo de enquisa sería a máis axeitada?
Nós deseñamos un plan de mostraxe denominado en bóla de neve, porque unha cousa é comprobar a prevalencia do virus e outra é o que se fai cando se detectan positivos con estes test. Quedamos de brazos cruzados e non tiramos cara a atrás na historia deste positivo para detectar máis posibles contaxiados entre os seus contactos? Isto sería combinar a estimación coa detección e foi o que propuxemos ao Goberno central, que o desbotou. Non sei cal é a idea en Galicia, porque se fose esta si que podería ser preciso ese número grande de probas. O problema non é que non se explique o obxectivo concreto do estudo, senón que non hai ningún documento onde se poida ver. Aquí é rendible usar 50.000 test se consegues achar outros casos positivos.
Fóronse cumprindo as previsións matemáticas que fixeron?
En xeral, si, sobre todo nos datos que dan unha panorámica xeral, pero é relevante ter en conta a importancia de modelos precisos que nos serven para saber que vai acontecer nos días vindeiros, por exemplo para saber se vai haber problemas nas UCI ou se van chegar as camas. O certo é que a comunidade matemática deu un paso á fronte e hai ducias de equipos de investigación que achegan os seus datos e da que tiramos unha previsión combinada, sacando o mellor de cada unha. A curto prazo, estes modelos funcionan ben; tamén a longo prazo, pero neste caso é moi importante ter información fiable e o máis detallada posible.
"Non nos podemos permitir o luxo de ter sistemas de información diferentes e con diferentes criterios nas autonomías e nos Estados de Europa"
Non a teñen?
Precisamos saber cal é a calidade dos datos para poder homoxeneizalos, pero non somos quen de obter esa información. Cómpre tirar leccións de cara ao futuro porque non pode ser que teñamos sistemas de informacións diferentes e con diferentes criterios en diferentes comunidades autónomos ou nos diferentes Estados de Europa. Non nos podemos permitir o luxo de facer as cousas así porque a información é vital. Estamos achicando auga como podemos, pero temos que pensar nos protocolos que nos permitan pechar a chave de paso. Temos que aprender esta lección.
No caso da mobilidade tamén hai atrancos?
Por exemplo, agora estamos nunha situación de confinamento, polo que os modelos para analizar a mobilidade cambian ao non estarse transmitindo o virus libremente como acontecía antes. Nesta situación, é fundamental obter datos sobre a mobilidade da cidadanía e os de antes xa non valen, precisaríamos os actuais. Bastante ben o estamos facendo, pero poderíamos facelo mellor con mellor e máis detallada información.
Ve a luz ao final do túnel desta pandemia?
O descenso da famosa curva xa o estamos vendo, evidentemente. En Galicia, o día con máis casos foi o 29 de marzo, o que ocorre é que nos últimos días, ao facerse máis test, aparecen máis casos positivos dos que tocarían para continuar con esa evolución descendente, pero iso non significa que a cousa vaia a peor. Aquí tamén botamos en falta poder ter información moito máis precisa dos criterios que se seguían antes para facer as probas e os que se seguen agor, porque nos permitiría analizar mellor a tendencia, facer estimacións máis ricas e prescindir de perturbacións que alteran os datos.