Desde este pasado xoves, os centros de saúde empezan a levar a cabo as probas coas que a Xunta pretende deseñar un mapa epidemiolóxico de Galicia e coñecer os niveis de inmunidade ao coronavirus da poboación galega. Serán 100.000 as persoas galegas elixidas que se someterán aos test que o Goberno central cedeu á Xunta e será a Atención Primaria, principalmente a enfermería, quen se ocupe dun proceso do que non souberon nada nos ambulatorios ata que o anunciou Feijóo hai unha semana.
Profesionais da Atención Primaria denuncian a "irresponsabilidade" que supón que a Xunta destine 100.000 test ao estudo mentres o seu persoal non fai as probas
"Enterámonos pola prensa", critican varios traballadores dos centros de saúde, que recibiron o protocolo de actuación entre un e dous días antes do inicio das probas. Desde a Atención Primaria critícase a "sobrecarga" que este labor supón nunha área xa saturada de traballo pola atención asistencial habitual e o seguimento dos casos de coronavirus, dubídase da idoneidade do estudo e pregúntase, por riba de todo, como é que se destinan 100.000 test para a elaboración dun mapa epidemiolóxico mentres o persoal sanitario, agás que teña clara sintomatoloxía, segue sen ter acceso a eles.
"É kafkiano e irresponsable que a Xunta destine todos estes 100.000 test para este estudo, cando estatisticamente non lle eran necesarios tantos, e o persoal sanitario siga sen ter a posibilidade de saber se está contaxiado", denuncia Xosé María Dios, médico de Atención Primaria e secretario da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP).
"É irresponsable que a Xunta destine os ao estudo e o persoal sanitario siga sen poder saber se está contaxiado", di Xosé María Dios, da AGDSP
Na mesma crítica coincide Ramón Veras, doutor nun centro de saúde e portavoz da Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS), que lembra que, malia as peticións dos sanitarios para seren sometidos a test, "iso non está nin planeado por parte do Sergas". "Solicitamos que se lles fixeran probas ao persoal en risco e non tiñan test e agora que os hai, tampouco se nos fan", explica quen advirte que determinar que traballadores sanitarios están xa inmunizados "sería o mellor para lograr unha mellor organización do sistema" e para "evitar poñer en risco máis xente".
Jesús Sueiro, médico de familia e portavoz da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) considera tamén "unha irresponsabilidade" que o persoal sanitario "non teña aínda a seguridade de que non transmite o coronavirus". "Por suposto que os traballadores deberíamos facer as probas porque somos unha cadea de transmisión", insiste. Tamén o sindicato de enfermería SATSE pregúntase se as súas profesionais non van pasar o test antes de ter que facérllelo á poboación.
"O Sergas debe ter claro que non queremos a normalidade anterior porque é a de saturación e falta de recursos", di Ramón Veras, da Asemblea de Áreas Sanitarias
Ademais, desde a Atención Primaria censúrase tamén que se aumente o traballo "e mesmo Feijóo fale de ampliar horarios" pero non de reforzar con máis persoal os centros de saúde, como lembra Dios. "É unha sobrecarga máis, sobre todo para a enfermería, pero todo o persoal acabará implicada nun circuíto que inclúe chamar á xente varias veces, citala, facerlles unha enquisa, collerlles amostra, comunicarlles o resultado e actuar en función del", explica Ramón Veras, que advirte de que a iso hai que engadirlle o traballo habitual das consultas e o seguimento dos afectados por coronavirus. "Onte tiven 49 pacientes e hoxe, 52", engade.
"O Sergas debe ter claro que non queremos volver á normalidade anterior porque esa é a de saturación e falta de recursos; debe haber persoal suficiente", engade Veras, que considera que este labor extra pode facerse nos centros de saúde "pero se hai reforzos".
Sueiro, pola súa banda, cre que a realización de probas "é posiblemente asumible" pero ve "o problema" non tanto na carga senón no obxectivo do estudo. "A nosa preocupación é controlar a expansión do virus e todos os expertos din que iso faise co estudo dos positivos e dos seus contactos, co seu seguimento", explica quen cre que a aposta da Xunta "non está mal" pero que non acaba de ver "que se priorice por riba do que é interesante, que é o control da transmisibilidade".
Jesús Sueiro, de Agamfec, non entende que se "priorice" este estudo epidemiolóxico e non un para "o control da transmisibilidade do virus"
"Se non temos posibilidade de facer test a todo o mundo quedamos sen saber moitos casos, por iso se cadra o máis interesante era controlar os caos que xa hai, localizalos e avaliar tamén os seus contactos", engade Sueiro.
Son varios os profesionais sanitarios que insisten nesa crítica. "Imaxinemos que unha das persoas que fai o test dá positivo. Teríamos que illalo pero non sabemos se teremos a posibilidade de facerlles probas aos seus contactos", insiste un médico de familia. No fondo, a crítica remite ás que levan meses xurdindo do persoal do Sergas en moitos ámbitos. "É urxente que o Sergas, ademais de mandarnos instrucións, tamén nos escoite e fortaleza a Atención Primaria; hai moitas cousas que mudar", conclúe Ramón Veras.