Afastados dos aplausos ás persoas recuperadas ou que saen da UCI, lonxe das cámaras que gravan as saturacións e o encomiable labor nos hospitais, a Atención Primaria segue a ser a primeira criba, a trincheira inicial na loita contra o coronavirus. Os e as profesionais dos centros de saúde seguen a atender --case na súa totalidade por teléfono-- doenzas habituais nos seus barrios ou vilas ao tempo que fan seguimento das persoas diagnosticadas ou sospeitosas de padecer Covid-19: das positivas que manteñen o illamento na casa, daquelas con síntomas e á espera do test ou de non empeorar e tamén das que foron contaxiadas e saen dos complexos hospitalarios.
Á marxe das consultas habituais, os persoal da Atención Primaria fai seguimento diario das persoas con coronavirus ou sospeitosas de estaren infectadas
"Cada 24 horas poñémonos en contacto coa persoa e controlamos a temperatura, se ten tose, se está cansado ou se nota mucosidade e de que tipo", explica a enfermeira dun centro de saúde dunha localidade da área metropolitana dunha gran cidade sobre un control que se segue estritamente os quince días desde que o doente comeza o illamento.
Cada médico da Primaria, na súa consulta, recibe do Sergas a relación dos seus pacientes aos que se lle fixo a proba, especificando se deron positivo ou non. Aí comeza ese seguimento telefónico en base a eses datos da historia clínica. No caso dos positivos, e pasadas esas dúas semanas, faise reconto dos días que o enfermo leva sen síntomas. Ao cumprir 14 sen eles, e segundo a súa evolución, valórase a conveniencia de facer unha nova proba que certifique a curación.
Pero antes de todo isto, os médicos da Primaria deben facer unha primeira criba. En parte, "para evitar saturar os hospitais". "Somos o primeiro elo da cadea", explica Ramón Veras, doutor nun centro de saúde da Coruña. Neste, como noutros, recíbense chamadas ou mesmo visitas de persoas con síntomas, aínda que algunhas delas nin o manifesten. "Hai xente que chega por outra doenza e na consulta diche que tamén ten tose...", advirte o médico.
Os profesionais dos centros de saúde fan a primeira criba na loita contra o coronavirus: "Somos o primeiro elo da cadea"
No caso de que ese paciente con afectación respiratoria requira máis probas, envíase directamente ao hospital. Se os síntomas son menos importantes, derívase ao seu domicilio e explícaselle o illamento. Daquela, Medicina Preventiva encárgase de valorar se o doente pode acudir a facer o test en coche a algunha das unidades adaptadas ou se require ser atendido na casa.
En todos os casos, como detallan varios profesionais, os centros de saúde do Sergas contan xa cun "circuíto diferente" para atender calquera persoa que teña síntomas compatibles coa Covid-19. "Entran por unha zona diferente ao resto e pasan a unha sala illada, onde é atendido por un profesional protexido para evitar contaxios para loga desinfectar a zona", explica Xosé María Dios, médico en Outes.
Os materiais de protección, segundo relatan varios profesionais, son suficientes en pequenos centros de saúde, pero non tanto nos das cidades ou grandes vilas. "Ao principio non eran dabondo, pero agora parece que van chegando", conta Pablo Vaamonde, dun ambulatorio nun barrio da Coruña.
Os centros de saúde estableceron xa un "circuíto diferente" e con espazos illados onde atenden as persoas con síntomas compatibles coa Covid-19
"Nos primeiros días tiñamos no centro catro equipos de protección individual (EPI) e acababámolos xa en dúas consultas, pero nesta segunda quincena foi chegando máis material", explica unha enfermeira. "As medidas de protección non están totalmente garantidas... Se cadra o sitio máis seguro é o espazo que se reserva para posibles contaxiados porque xa vas protexido e sabendo o que hai, pero hai persoas que din non ter síntomas e ao pouco dinche que están tendo tose...", explica Veras.
Aínda que hai casos sospeitosos e mesmo confirmados de contaxio entre o persoal da Primaria, non son os máis expostos, o que non evita o lóxico temor dos profesionais. De feito, o Sergas vén de trasladar aos sanitarios dos centros de saúde unhas indicacións de uso de máscaras cirúrxicas, que recomenda poñer cando resulte imposible manter as medidas de distanciamento físico pero que "non será necesario cando estean en espazos comúns no que a distancia pode manterse sen problemas".
En todo caso, a rutina mudou. "Cambiounos a vida, estamos de teleoperadores", bromea Vaamonde. El, como todos os profesionais consultados, advirte de que o 99% das consultas son telefónicas. "Procuramos demorar todo o que se pode, como os controis periódicos de enfermos, para evitar aglomeracións, sobre todo en salas como a de analítica, onde sempre se xunta moita xente", explica.
Case a práctica totalidade das consultas na Atención Primaria realízanse de maneira telefónica para evitar calquera risco de contaxio
Iso non evita que o choio se manteña. Entre 30 e 50 consultas telefónicas ao día é o habitual, ao unirse o seguimento telefónico dos afectados polo virus ás doenzas máis habituais. Nalgún centro, mesmo se habilitou un enderezo electrónico para que os pacientes enviasen fotos de erupcións ou eccemas para poder diagnosticalos e evitar calquera visita e risco de contaxio. Con todo, hai persoas que seguen insistindo en acudir ao médico. "Poucos, os dous ou tres de sempre que non hai maneira de convencer", explica un doutor.
Tamén se manteñen algunhas visitas domiciliarias obrigadas e, malia que na Atención Primaria están intentando "reconverter toda consulta a telefónica", hai voces que piden que os centros de especialidades comecen tamén a atender por teléfono nos casos que sexa posible e a iniciar as consultas pouco a pouco.