"O prioritario agora non é reivindicar nin mobilizarse, pero tampouco hai que esquecer o que levamos advertindo tantos anos". O colectivo de enfermeiras afronta en primeira liña a batalla contra o coronavirus. En contacto directo cos doentes e co seu sufrimento, con interminables xornadas de traballo e coa saturación, varias delas relatan a Praza.gal o seu día a día contra a Covid-19, os temores ao contaxio, o impacto emocional e a constatación --aínda que eviten agora calquera proclama-- de que os recortes e a falta de persoal non axudan en nada a afrontar esta crise.
"Emocionalmente é moi duro, non só polo que vives no hospital, senón porque é imposible desconectar"
Hugo Bermúdez, voceiro de Eventuais en Loita, colectivo que mobiliza unhas 7.000 enfermeiras contra a precariedade, insiste en que o principal nesta altura "non é a protesta nin a mobilización" malia que advirta de que a falta de previsión e de persoal e medios dificultan a loita contra unha pandemia cuxa virulencia "ninguén podía prever".
Desde dentro, as súas compañeiras (que prefiren non dar os nomes) recordan as semanas pasadas como "moi duras", aínda que desde hai uns días notan unha "considerable mellora", con menos colapso e menos casos atendidos. "Emocionalmente é moi duro, non só polo que vives no hospital, senón porque é imposible desconectar", explican.
"Os pacientes requiren moita demanda, botan de menos estar acompañados e que nós poidamos entrar máis cabo deles, pero temos que limitar o contacto... É moi duro", conta unha enfermeira. Moitos, ademais, non están ben, outros non superan a doenza e a "brutal carga de traballo" pode que non dea resultado. "Chegas a casa mal e non es tes posibilidade de desconexión", insiste.
O temor a contaxiar os seres queridos é constante: "A soidade que sofren os pacientes tamén a acabamos sufrindo nós na casa"
Entre outras cousas, porque son moitas as enfermeiras que ao volver coa súa familia teñen que permanecer illadas, separadas o máis posible das súas parellas ou fillos por temor a un posible contaxio. "Os test tan só se lles fan aos que teñen síntomas; cos primeiros casos, todo aquel que estivera en contacto dun contaxiado marchaba para a casa uns días, pero iso acabou por ser imposible polo avance da enfermidade... Non teríamos persoal suficiente", conta outra compañeira.
O medo a contaxiarse e, "sobre todo, a contaxiar a alguén" é outra das cousas que peor levan as enfermeiras, o colectivo máis exposto ao virus. "Hai quen ten que facer moita historia para evitar contaxiar os seus seres queridos; ao final, a soidade que sofren os pacientes tamén a acabamos sufrindo nós na casa", explica outra compañeira.
No conxunto do Estado, segundo datos do Ministerio de Sanidade, son 19.400 os profesionais santiarios que deron positivo en coronavirus, algo máis do 14% do total. No Sergas, preguntado ao respecto, aseguran que a Xunta non ten datos actualizados do persoal que foi infectado.
Alén disto, o "cansazo psicolóxico" que provoca a atención constante ás medidas de hixiene, a non tocar a cara "ou a meter toda a roupa na lavadora en canto chegas á casa". "Acabas obsesionándote coas medidas de seguridade, coa colocación de material de protección... Un material que non é suficiente", explica.
"A falta de medios é evidente e crea inseguridade"; "esprememos a vida útil das máscaras, levándoas máis tempo do que podemos"
Nesa crítica si coinciden todas. "Estamos loitando con fouces e paus, a falta de boas armas, para combater nesta guerra", contaba unha profesional nun artigo. "A falta de medios é evidente e iso crea inseguridade: eu dispoño dunha bata de plástico, unha máscara FPP2 e un gorro", explica unha enfermeira, que aclara que pon por riba outra máscara cirúrxica para "estirar o máximo posible" o uso da principal.
"Esprememos a vida útil das máscaras FFP2 ou FFP3, levándoas máis tempo do que en realidade se pode; se están feitas para que duren unha quenda de traballo, empregámolas en dúas ou tres", explica outro compañeiro, que lembra que esta protección é necesaria "para moitos máis casos nun hospital, máis aló da Covid-19". "En Urxencias non hai pantallas para todas, tiramos dos makers", engade outra.
Con todo, o compromiso é total. Tamén o apoio mutuo. "O compañeirismo aumentou moito, axudámonos en todo nunha situación de crise", explican. Agora, as contratacións por días ou semanas, a precariedade e a falta de oportunidades pasan a un segundo plano. "O Sergas precisa de todo o mundo e mesmo se puxeron en contacto con xente que aínda está rematando a carreira; virtualmente, o paro agora non existe... Pero isto é pan para hoxe e fame para mañá", lembran. Esperan que, cando pase o peor, a Xunta mude a súa política de contratación, pero non se fían.
"Non se poden permitir máis recortes"
"O que non se poderán permitir son máis recortes. O que fixeron en Galicia con nós nos últimos anos foi unha vergoza, recortándonos, beneficiando a privada e precarizando o noso labor", conta outra profesional, cansa de promesas. "Agora, cando a cousa é grave, é a sanidade pública a que ten que tirar do carro", insiste.
"Se sempre buscas funcionar co menos posible porque nunca pasa nada, cando ocorre, soprepásanos; estes son os efectos de traballar baixo mínimos"
Sen sinalar goberno nin cor política ningunha, outras enfermeiras aluden á "falta de previsión, de preparación para a catástrofe". "Non fixen un simulacro nunca para previr situacións parecidas a esta e sempre estamos improvisando. Faltounos anticipación", insiste.
Desde outro centro hospitalario, a reflexión é semellante. "Sei que a magnitude desta pandemia non se podía esperar, pero se desde o primeiro momento non estivesemos con servizos mínimos, podería terse afrontado mellor". "Non é momento de pensar niso, senón de traballar e empurrar, pero se as administracións buscan sempre funcionar co menos posible porque nunca pasa nada, e cando pasa acaba por sobrepasarnos. Estes son os efectos de estar sempre baixo mínimos: á hora da verdade, dependes da boa vontade, do compromiso e do esforzo do persoal sanitario, que fai todo o que pode e renuncia ás vacacións e ao que sexa, como debe facer", explica un profesional.
Ás 8 da tarde, cada día, os aplausos reconfortan, pero o castigo sufrido nos últimos anos provoca tamén desconfianza e cautela. "Queremos pensar que algo vai mudar e que a sociedade será máis consciente da importancia da sanidade pública e de que esta conte con medios", explica unha enfermeira que pide que "os aplausos nas fiestras sexan nun futuro apoio a nivel social, nas mobilizacións e nas eleccións".
"A queixa de sofá e de whatsapp non chega a ningures; pode que a cidadanía se decatase de que non hai nada máis importante que a educación e a sanidade"
"Cando a xente volva estar nas terrazas, nos hospitais e nos centros de saúde seguiremos traballando e reivindicando mellores condicións e acabar coa precariedade", explica outra profesional, que advirte de que "a queixa de sofá e de whatsapp non chega a ningures". "É a mobilización na rúa a que muda as cousas e se cadra agora a cidadanía decatouse de que non hai nada máis importante que a educación e a sanidade.. Pero sen saúde, non hai nada de todo o demais", remata.
Advírteno no Día Internacional da Saúde, no que varios colectivos piden que a cidadanía pendure prendas brancas nas ventás en apoio da sanidade pública e do seu persoal.