Así comeza a superar o coronavirus no seu primeiro mes nos hospitais galegos á gripe de todo un ano

O pico da gripe trae consigo cada ano unha forte carga asistencial no Sergas CC-BY-SA Fotografía: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Xa hai tantos ingresos en UCI ao tempo pola covid-19 como coa gripe durante toda unha campaña

O 4 de marzo confirmábase o primeiro caso de coronavirus en Galicia. Un mes despois, a enfermidade ten actualmente ingresados en hospitalización ordinaria case 900 persoas e máis de 160 están na UCI. Esta última cifra de atendidos a un tempo xa supera á de persoas con gripe que adoitan requirir deses coidados intensivos durante cada campaña anual. Mesmo a cifra de ingresados en hospitais ao mesmo tempo actualmente por coronavirus é xa a metade dos que se rexistran por gripe repartidos en todo un ano.

A concentración de casos, e o feito de que a curva de contaxios aínda siga en aumento e non se saiba durante canto tempo, é o que pon en risco a capacidade do sistema sanitario, que en Galicia conta cunhas 6.200 camas no sistema público (con outras 2.000 no privado) e ten habilitadas actualmente 274 de UCI (161 permanentes desde antes da actual crise e o resto habilitadas nas últimas semanas). Aínda que as enfermidades non son comparables, como diversos medios de comunicación e políticos chegaron a dicir fronte ás advertencias de expertos, estas son as cifras da gripe nos últimos anos que permiten facerse unha idea do impacto hospitalario do coronavirus.

Tras a pandemia de gripe de 2009, coñecida como a gripe porcina, melloráronse progresivamente o sistemas de contabilización e seguimento epidemiolóxico, especialmente nos últimos anos. Os propios informes do Sergas advirten das súas eivas e da dificultade de diagnosticar ben todos os casos, pero permiten aproximarse á intensidade moito máis baixa de esforzo do sistema sanitario coa gripe que o que está a requirir o coronavirus. [Galicia comeza a aplanar a curva de novos casos de coronavirus, ingresos en UCI e hospitalizacións]

Os informes semanais do Sergas sobre a gripe deste ano reflicten que a súa onda epidémica se concentrou entre a primeira semana de xaneiro e a primeira de marzo, momento en que apareceu o coronavirus en Galicia

O Sergas fai públicos dous tipos de análise, unha semanal, a medida que avanza cada campaña, que ten en conta os casos analizados nos centros de saúde e a través do 061 de atención sanitaria, e outra anual que se centra no impacto hospitalario da gripe. Para esta temporada de gripe 2019-20 aínda non hai informe anual e as semanais déronse por rematadas cos datos correspondentes á primeira semana de marzo, na que a curva da gripe xa baixaba do límite que se considera parte da onda epidémica (que superara dez semanas antes, na primeira de xaneiro) e, ao tempo, a aparición do coronavirus en Galicia comezaba a interferir, ata o punto de que ese último informe do Sergas advirte da existencia de “grupos de idade que non adoitan consultar moito por cadros respiratorios e que nesta semana continuaron a facelo, probablemente pola situación actual [daquela] de preocupación pola fase de contención do CoVID-19. 

Nese derradeiro informe de seguimento semanal da gripe o Sergas reflicte -á espera da maior concreción de datos do informe anual que se emita nos próximos meses- que desde o inicio da tempada a finais de 2019 e ata o 10 de marzo declaráranse 1.574 ingresos hospitalarios con gripe confirmada, dos que 132 requiriron de UCI. Ata ese momento, 71 persoas morreran, das que 67 tiñan indicada a vacina pero 38 non a puxeran, o 56,7%.

O Sergas mellorou os seus informes sobre a gripe tras a pandemia de 2009

Pero máis alá deses datos parciais deste ano, a efectos da ocupación de recursos hospitalarios son os informes anuais da gripe sobre ese eido os que máis datos achegan, malia as eivas que eles mesmos admiten. Ese “sistema de vixilancia dos ingresos hospitalarios con gripe confirmada polo laboratorio” deu comezo coa pandemia de 2009 e, malia recoñecer que nalgún ano dubida dos seus propios datos por sospeitar de que algúns hospitais non achegaron todos os datos, intenta ser o máis preciso posible recorrendo mesmo a cruzar datos da mortalidade por gripe coa xeral constatada polo rexistro civil. A evolución dos datos permite comprobar como, tras un progresivo aumento das principais variables nos primeiros anos despois da implantación do sistema en 2009, os datos estabilízanse nos últimos catro anos, con flutuacións en función da gravidade da epidemia de gripe de cada ano.

O último dos informes anuais é o correspondente a tempada de gripe 2018-19, que foi considerada de “baixa intensidade”. Nel dise que “o máis salientable desta tempada foi que, despois de tres tempadas consecutivas nas que sucesivamente foi medrando o número de ingresos con gripe confirmada, nesta tempada 2018/19 o número total de casos foi un 60% menor que na tempada anterior”. 

Eses casos da 2018/19 que requiriron hospitalización foron 2.353 durante toda a tempada -como comparación, no momento actual hai á vez máis de mil persoas hospitalizadas con coronavirus, e a curva aínda non parou de medrar. [Galicia comeza a aplanar a curva de novos casos de coronavirus, ingresos en UCI e hospitalizacións] Nesa mesma tempada pasada os ingresos en UCI totais contabilizados polo sistema de vixilancia da gripe foron 132, menos dos que xa hai actualmente en coidados intensivos ao mesmo tempo.

Na peor semana da gripe da peor tempada dos últimos anos, a 2017-18, rexistráronse 418 ingresos hospitalarios, cifra que xa duplica o coronavirus sen que aínda se perciba o seu pico

A tempada anterior, a 2017-18, a peor da serie, o sistema rexistrou un total de 3.849 ingresos hospitalarios, e o balance anual baralla dúas hipóteses para unha cifra tan elevada a respecto do resto de anos: “que o virus que circulou este ano fose máis “agresivo” que o de tempadas pasadas e iso se traducise nun maior número de casos de gripe complicada; e que ao aumento coñecido na intensidade e difusión dos virus desta tempada, se sumase un aumento na solicitude de mostras microbiolóxicas (favorecido polo acceso as probas rápidas de PCR)”. Ademais deses ingresos, os casos de gripe requiriron da UCI en 241 ocasións ao longo de toda esa tempada. 

Os informes anuais tamén recollen o número de ingresos hospitalarios nas semanas consideradas pico da epidemia de gripe en cada ano, 418 na peor tempada (2017/18) e 263 no último ano, cifras que hai tempo que quedaron superadas polo coronavirus.

Os informes anuais do Sergas sobre a gripe recollen tamén datos sobre número de falecementos, idade media e porcentaxe de falecidos vacinados ou non

Máis alá do efecto da gripe sobre as infraestruturas sanitarias, e sen entrar en consideracións epidemiolóxicas máis fondas, os informes anuais tamén ofrecen o número de falecementos con gripe (132 o pasado ano e 257 o anterior, o peor da serie), a súa idade media (foi aumentando progresivamente ata a contorna dos 79-80 anos) e a porcentaxe de falecidos que non estaban vacinados malia estarlles indicada por ser grupo de risco (o 45% nos dous últimos anos). Porén, esa última variable pon de relevo unha das principais diferenzas entre a gripe e o coronavirus. Para este aínda non hai vacina.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.