O Servizo Galego de Saúde ten xa en marcha a apertura dos dous primeiros hospitais de campaña, oficialmente denominados "hospitais de reforzo", para afrontar a crise do coronavirus. Como xa avanzara o propio Goberno galego, as primeiras cidades nas que se porán en marcha estas instalacións son A Coruña e Santiago, concretamente nos recintos de Expocoruña e do Multiusos Fontes do Sar e con capacidade para arredor de 400 pacientes. Xa non desbota tampouco ter que tomar unha decisión semellante en Vigo.
A Xunta estima que instalará unhas 400 camas nos hospitais de campaña de Expocoruña e Fontes do Sar e mantén que toma a decisión asumindo tamén que vai usar "todas as camas dispoñibles nos centros privados"
Segundo o avanzado este martes en rolda de prensa telemática polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, estes recintos contarán con entre 200 e 300 camas na Coruña e con ata 150 en Santiago. Terán como obxectivo aliviar a presión asistencial aos centros sanitarios antes da chegada do "pico de hospitalizacións", porque "se marzo foi duro, máis duro será abril dende o punto de vista asistencial"
Afirma Feijóo a preguntas da prensa que a Xunta non vai "despregar hospitais de campaña sen antes utilizar todas as camas dispoñibles nos centros privados", baixo a orde da sanidade pública en virtude do estado de alarma. Non obstante, matiza, "hai xerencias" do Sergas que "queren utilizar os privados para a actividade cirúrxica" urxente que non pode ser reprogramada e non para doentes afectados pola covid-19. [Sanidade estima que precisará ata 4.000 camas hospitalarias para atender casos de coronavirus]
No que atinxe ao persoal, o titular do Goberno galego dá a entender que o Sergas non prevé maiores contratacións no eido sanitario tras esta decisión, senón atender as instalacións de campaña "cos seus recursos". Mentres que as unidades que atenden o coronavirus "están cunha enorme presión asistencial", existe "menos presión nos bloques cirúrxicos" e "polo tanto, hai persoal que pode ser reorientado", afirma. Non obstante, para outros labores si se está a procurar persoal mediante portais de busca de emprego, segundo adiantou Nós Diario no referido ao hospital de campaña do Multiusos Fontes do Sar.
Feijóo valora como "máis urxente" o hospital de campaña na Coruña e, malia desbotalo inicialmente, xa non "descarta" instalar outro no Ifevi de Vigo
Con estas premisas, a Xunta valora como "máis urxente" a apertura do hospital de campaña coruñés e xusto a continuación, o compostelán. Ambos comezarán a funcionar, segundo as previsións do Sergas, no remate desta primeira semana do mes de abril ou no comezo da segunda.
Este, detalla Feijóo, será a cuarta das catro fases do "plan de continxencia" deseñado para afrontar o coronavirus e nel o Executivo xa non "descarta" recorrer á instalación dun hospital de campaña en Vigo. Aínda que o pasado domingo el mesmo sinalaba que a capacidade do hospital Álvaro Cunqueiro e outros centros da área sanitaria podería chegar a ser dabondo, agora admite que Sanidade xa valora habilitar tamén un destes hospitais provisionais no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), aínda que non inmediatamente, como si sucede na Coruña e Santiago.
As UCI, "nos hospitais tradicionais"
Atendendo ao avanzado polo presidente da Xunta este martes, esas instalacións provisionais funcionarán unicamente como as plantas de hospitalización ordinaria que, atendendendo ao balance oficial deste propio partes, xa acollen a 822 persoas infectadas pola covid-19. Non se instalarán neles, daquela, unidades de coidados intensivos (UCI), que permanecerán "resgardadas nos hospitais tradicionais".
Precisamente, no referido a estas unidades, Feijóo asegura que o Sergas manexa cálculos segundoos cales as "274 camas despregadas" non van ser dabondo "ao ritmo no que estamos medrando". As existentes na rede pública antes da crise eran 160 e tras o primeiro incremento -nalgúns casos, asegura, con equipamento "requisado polos hospitais públicos" á sanidade privada, que conta con 44 destas camas en Galicia- terán que producirse outros.