Hai 3.758 casos positivos activos en Galicia e xa foron dadas de alta 187 persoas
Galicia superou este martes, 31 de marzo, a barreira dos 4.000 casos de coronavirus acumulados dende que a doenza comezou a ser detectada no país. Os datos actualizados polo Servizo Galego de Saúde indican que 3.758 destes casos están aínda activos, o que supón un incremento diario do 8,11%, o menor en vinte e catro horas dende o pasado 18 de marzo, nunha xornada na que segue descendendo o ritmo das hospitalizacións.
Mentres, non obstante, os falecementos certificados continúan a aumentar. Xa se achegan ao centenar, incrementándose a maior ritmo que as altas.
Os falecementos ligados á covid-19 en Galicia son xa 94
O balance do derradeiro día de marzo sinala que xa foron dadas de alta un total de 187 persoas -un 11% máis que no día previo-, o que supón que as altas aumentan a maior ritmo que as hospitalizacións nesta xornada, pero menos que o número total de falecementos. As persoas cuxa morte está ligada ao coronavirus, segundo o Sergas, son xa 94. [9 gráficos para coñecer a evolución da epidemia e a situación dos hospitais en Galicia]
Nun contexto no que o cómputo total de casos está intimamente relacionado co número de probas que se realizan -son xa 17.276 e vinte e catro horas antes contábanse 16.118-, o foco segue estando, moi especialmente, na carga asistencial dos servizos sanitarios. Os datos din que este indicador segue á alza, pero encadea xa varios días de enlentecemento.
Sete de cada dez persoas con positivos detectados e aínda activos están illadas no seus domicilios, un total de 2.789, mentres as hospitalizacións ordinarias aumentan ao 7% e as entradas na UCI, ao 9%
Así, as persoas que precisan este 31 de marzo asistencia na UCI por mor do coronavirus chegan ás 147, o que supón un incremento diario do 9,70% -na xornada previa aumentaba nun 9,84% e hai unha semana, máis dun 17%-. Mentres, as que están ingresadas en unidades ordinarias de hospitalización son 822, un 7,31% máis que no día previo, o que supón o menor crecemento nun día dende mediados de mes. Sete de cada dez persoas con positivos detectados e aínda activos están illadas no seus domicilios, un total de 2.789.
No conxunto do Estado, o balance deste martes indica que xa se superaron os 94.000 casos detectados e o incremento de persoas falecidas é de 849 nas últimas vinte e catro horas. A suba global rolda o 11%, fundamentalmente polo maior número de casos detectados en Madrid e Cataluña. O número de recuperacións constatadas xa supera as 19.000.
Vigo segue como área con máis casos
Por áreas sanitarias, a de Vigo é un día máis a que máis casos positivos por coronavirus activos rexistra no conxunto de Galicia, pasando de 866 a 928. Séguea a da Coruña, que tamén supera os 800, e a continuación está Santiago, con 547. Entre as áreas con menor número de casos, a de Lugo -que abrangue toda a provincia- supera por primeira vez á de Pontevedra, con 371 e 366 casos, respectivamente. Ferrol volve experimentar un forte incremento pero segue co menor número de positivos, 209.