Entre o bombardeo de informacións que recibimos sobre a pandemia de coronavirus os datos xogan un papel central. Todos os días escoitamos novos indicadores sobre o número de positivos, de altas, de mortes, de ingresos hospitalarios. Vemos gráficas exponenciais, con liñas de tendencia, comparacións entre países e discursos que foron pasando de chamamentos a 'aplanar a curva' a prever o momento do 'pico' de contaxios ou do 'pico' de ingresos hospitalarios.
Os números dinnos moitas cousas sobre a evolución da epidemia, dado o seu masivo alcance e a necesidade de evitar que a cifra de persoas que necesitan atención hospitalaira exceda os límites de capacidade do noso sistema sanitario. As cifras, con todo, deben ser tomadas con precaución, sobre todo á hora de comparar distintos países, ao depender dos métodos de medición empregados en cada lugar, do número de probas realizadas, ou da contabilización ou non de determinados falecementos.
O número de casos activos segue incrementándose en Galicia, a diferenza do que sucede, aparentemente no conxunto do Estado
Á vista dos datos fornecidos polo Sergas, como é a situación hoxe en Galicia? Estamos mellor que outras partes do Estado? Superamos xa o pico da enfermidade? Cando o superaremos? Resistirá o noso sistema sanitario?
En primeiro lugar, o número de casos activos. En Galicia hai nestes momentos, segundo os últimos datos, difundidos este luns ao mediodía pola Consellería de Sanidade, un total de 3.476 casos activos de coronavirus, entre os que 134 pacientes graves se atopan na UCI, 766 están ingresados en unidades hospitalarias convencionais e unha gran maioría (2.576) se atopan nos seus domicilios, con síntomas leves.
Galicia realizou máis de 16.000 probas e o 77% deron un resultado negativo
Á vista do gráfico (no que os datos se amosan con medias dos últimos tres días, para limitar as alteracións puntuais), o número de casos activos segue incrementándose en Galicia, a diferenza do que sucede, aparentemente no conxunto do Estado e especialmente nos territorios con máis positivos, como Madrid ou Cataluña. Varias comunidades autónomas poderían ter acadado e mesmo superado o punto máximo da enfermidade, e a Galicia, onde a Covid-19 chegou algo máis tarde, poderían quedarlle aínda algúns días.
Segue aumentando, igualmente, a cifra de falecementos, cun total de 79, e que este luns acadaron o seu máximo diario, con 18. A media dos últimos tres días deixa a cifra en 12, pero reflicte igualmente esa tendencia aínda crecente, que semella que aínda se manterá durante algún tempo. A boa nova, en todo caso, é que tamén se están incrementando de forma clara as altas de pacientes, cunha media de 34 nos últimos dous días.
O gráfico amosa un importante incremento do número de casos en Galicia nos últimos días, especialmente nos datos deste luns. Pode que a enfermidade siga propagándose con forza, pero a outra hipótese sería que en Galicia se están realizando máis probas que noutros territorios, que hai xa tempo que renunciaron a testar aos pacientes con síntomas leves.
Aínda que este luns se rexistraron 551 novos casos activos, o que aumentou foi sobre todo o número de pacientes en illamento domiciliario (+480), mentres que só houbo 12 novos casos na UCI e 59 novos ingresos en unidades convencionais
Galicia superou este luns as 16.000 PRCs (proba diagnóstica do coronavirus) realizadas, das que ata agora o 77% deron un resultado negativo. A porcentaxe de probas positivas sobre o total continúa a medrar, aínda que de forma paseniña, como se pode ver neste gráfico.
Aínda que este luns se rexistraron 551 novos casos activos, o certo é que o que aumentou foi sobre todo o número de pacientes en illamento domiciliario (+480), mentres que só houbo 12 novos casos na UCI e 59 novos ingresos hospitalarios en unidades convencionais.
Sobre o total de casos activos, aquelas persoas que están na UCI representan cada vez unha porcentaxe menor, pasando nos últimos días de case roldar o 5%, a caer por debaixo do 4%. Tamén descendeu a proporción de pacientes no resto de unidades hospitalarias (do 27% ao 22%), mentres que medra a porcentaxe de casos positivos nos seus domicilios (do 68% ao 74%).
A tendencia de aumento no número de ingresos hospitalario detívose nos últimos días, tanto no que atinxe aos ingresos en UCI (unha media diaria de 12) coma no resto de unidades (unha media de 70 cada día)
En relación con isto, vemos aquí a evolución diaria (en medias de tres días) dos ingresos nas UCI e noutras unidades hospitalarias para pacientes non graves. O crecemento dos ingresos hospitalarios en Galicia vén sendo máis lento que noutras comunidades autónomas, e o nivel de saturación é moi inferior. Ademais, semella que a tendencia de aumento se detivo nos últimos días, tanto no que atinxe aos ingresos en UCI (unha media de 12 nos últimos días) coma no resto de unidades (unha media de 70 cada día).
Neste gráfico podemos ver como cada día que pasa a porcentaxe de aumento do número de persoas hospitalizadas por coronavirus é menor, con incrementos inferiores ao 10% nos últimos días.
Con todo, a realidade é que aínda son máis os casos que entran ao hospital que o número de persoas que reciben a alta. Porén, as dúas liñas van achegándose, con ao redor de 80 novos ingresos hospitalarios ao día, e algo máis de 30 altas diarias. Os expertos cualificaron de 'punto de inflexión' o momento en que o número de altas supere ao de novos casos activos. Ese escenario semella aínda lonxe.
Áreas Sanitarias
Ourense a área sanitaria que rexistra unha maior incidencia da enfermidade
Outro dos datos que a Xunta achega todos os días é o do número de casos activos rexistrados en cada área sanitaria. Nun comezo foi A Coruña a zonas que tivo un maior número de positivos, aínda que nos últimos días vén sendo Vigo a área con máis casos, seguida da Coruña, Santiago e Ourense, como se pode ver no seguinte gráfico.
Se vemos o gráfico que amosa a evolución diaria dos casos activos, atopamos como Lugo e Ferrol, que ata agora rexistraran un número reducido de positivos, comezaron a detectar cifras maiores nos dous últimos días, pode que debido á realización de máis probas.
En termos relativos (casos activos por habitante) é a provincia de Ourense a área que rexistra unha maior incidencia da enfermidade (157 casos por cada 100.000 habitantes), superando por pouco ás áreas coruñesa e viguesa.
Galicia, no contexto do Estado español
Mentres que Madrid presenta 14 falecementos por cada 100 positivos, Galicia non chega a 2, o que o converte no territorio con menor mortalidade
Este último gráfico permite comparar a incidencia do coronavirus en Galicia e noutas zonas do Estado. Os datos amosan, en principio, que Galicia presenta un número de casos positivos por habitante por debaixo da media e moi inferior ao que presentan A Rioxa, Madrid, Navarra, Castela-A Mancha ou País Vasco (aínda que superior ao doutras seis comunidades autónomas, sobre todo meridionais).
Chama poderosamente a atención as grandes diferenzas entre unhas outras zonas do Estado en canto á taxa de letalidade do coronavirus (a relación entre o número de mortes e a cifra de casos detectados). Mentres que Madrid presenta 14 falecementos por cada 100 positivos, Galicia non chega a 2, o que o converte no territorio con menor mortalidade. Esta marxe pode deberse ao maior número de probas realizadas en Galicia en relación a outras zonas, sobre todo a Comunidade de Madrid, onde ademais se produciron moitísimos falecementos en residencias de anciáns.