Os casos de coronavirus detectados en Galicia repuntan, segundo o balance feito público polo Servizo Galego de Sáude este luns, 30 de marzo. Cun chisco máis de demora do que é habitual, o Sergas divulgou que os positivos activos por covid-19 en Galicia son xa 3.476, o que supón o maior incremento absoluto en vinte e catro horas (551 casos coñecidos máis nun día), variable que está intimamente relacionada co número de test realizados, que xa chegan ás 16.118.
En termos absolutos, o número de casos detectados rexistra o maior incremento nun día ata 3.476; non obstante, o ritmo de aumento é semellante ao dalgunhas xornadas previas
En termos porcentuais, o incremento diario dos casos activos queda nun 18% -un ritmo maior ao da xornada previa, un 11%, e dez puntos por riba do incremento medio estatal deste luns- e contrasta co comportamento do ritmo de hospitalizacións, que segue a moderarse. Concretamente, o Sergas informa de 134 persoas que están a precisar atención en unidades de coidados intensivos por esta causa -un incremento algo superior ao 9%, o menor en das últimas semanas- e doutras 766 hospitalizadas, un aumento do 8% -no día previo este indicador aumentaba ao 8,44% e no anterior, por riba do 17%-.
O Sergas rexistra xa 79 falecementos ligados á covid-19, 18 máis que o día anterior
O indicador que amosa unha peor evolución da pandemia en Galicia neste luns, 30 de marzo, é o das persoas falecidas. O Sergas xa ten rexistradas 79 mortes, indica o Sergas, un 29% máis que na xornada previa, cando se rexistraban 18 menos. Un dos casos máis impactantes das últimas horas foi, como informaron medios como La Opinión de A Coruña, a morte dunha muller embarazada de 37 anos que deu positivo pola covid-19. Tanto ela como o bebé que esperaba faleceron tras unha cesárea de urxencia.
Aínda que a un ritmo menor que o resto de indicadores, tamén seguen aumentando as altas constatadas polo Sergas, e xa chegan a 168. Mentres, a maior parte dos pacientes que deron positivo continúan en illamento domiciliario, sen necesidade de hospitalización. Sempre segundo os datos fornecidos por Sanidade, esta é a situación na que se atopan 2.576 persoas, un 22% máis que no balance anterior.
As persoas illadas a domicilio aumentan este luns en maior proporción que as hospitalizadas tanto na UCI como en unidades ordinarias. Así, fronte a ese 22% das doentes na casa, as atencións en UCI soben un 9,84% e as hospitalizacións ordinarias, un 8,35%.
Vigo volve ser a área sanitaria con máis casos
Os datos divulgados este luns polo Sergas indican que este luns a área sanitaria de Vigo volve ser a que máis positivos por coronavirus rexistra en Galicia, cun pronunciado incremento ata os 866. Séguea a área da Coruña, que xa supera tamén os 800, e a continuación sitúase Santiago, con máis de 500. Nas áreas coruñesa e compostelá a Xunta contempla a instalación de hospitais de campaña, se fose preciso.
Cuns incrementos menores continúan as áreas de Ourense (479) e Pontevedra (348). Lugo segue sendo a segunda con menos casos (289) e Ferrol, malia aos fortes incrementos dos últimos días, mantense como a que menos casos positivos por covid-19 rexistra, con 158.