A Xunta estuda hospitais de campaña para A Coruña e Santiago e considera suficientes os espazos en Lugo e Vigo

Vista do Clínico de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Feijóo asegura que se están a empregar os recursos da sanidade privada “en función do equipamento e especialización” de cada centro

O Goberno galego xa está a avaliar onde serían os mellores emprazamentos para posibles hospitais de campaña nas cidades da Coruña e Santiago, as dúas que o Sergas considera máis necesitadas de novos espazos hospitalarios en caso de que a epidemia os requira. Así o confirmou este domingo o presidente Feijóo, que avanzou que o martes o Goberno galego podería ter claro cales serían os lugares nos que se instalarían. 

Na rolda de prensa posterior á videoconferencia que mantivo con Pedro Sánchez e o resto de presidentes autonómicos, Feijóo foi preguntado pola posibilidade de ter que instalar hospitais de campaña. Sen dicir se o Sergas considera que vaian ser necesarios e cando, Feijóo admitiu que xa se está a estudar esa posibilidade.

Vista do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e da súa contorna © Sergas

Segundo dixo, os novos hospitais de Lugo e Vigo “teñen moita capacidade”, e en Ourense “poderíase adecuar o Hospital Piñor”, pero xa se están a buscar “alternativas” na Coruña e Santiago. "E estamos analizando Ferrol", engadiu. Feijóo xa foi cuestionado o xoves no Parlamento pola posibilidade de que en Santiago o lugar elixido sexa o pavillón multiusos do Sar despois de que o Concello retirase nos últimos días bancadas supletorias e mudase o chan do amplo espazo principal do recinto.

Segundo Feijóo, este luns “probablemente” se tome unha decisión que se podería facer pública o martes sobre os posibles lugares nos que habilitar hospitais fóra dos actuais “públicos e privados”. Sobre estes últimos, o presidente asegurou que o Sergas xa está a utilizar os seus recursos, sen indicar cifras concretas, “en función do equipamento, carteira de servizos” especialización ou outras características de cada hospital privado “co obxectivo de que cada paciente estea o mellor atendido posible”. Feijóo asegurou que “estamos utilizando camas e UCI no conxunto de Galicia” pero que a utilidade dos hospitais privados varía en función do seu tamaño, especialización ou camas de UCI dispoñibles.

O Hospital Universitario da Coruña © Sergas

O presidente tamén asegurou que a situación nas residencias de maiores “segue sendo o foco de maior preocupación en Galicia”, con xa máis de douscentos residentes infectados. Canto á evolución dos contaxios, Feijóo asegurou que esta semana non se producirá aínda o pico. “Virán semanas peores”, dixo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.