“Todas as partes ceden, empresarios e traballadores”, salienta a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, mentres a portavoz nega que a medida se tome agora por "ningunha situación de alarma engadida"
O Consello de Ministros aprobou este domingo, como anunciou o presidente Pedro Sánchez o sábado, a paralización de todas as actividades laborais presenciais “non esenciais” desde este luns día 30 de marzo -cunha moratoria dun día para as empresas que o precisen para adaptarse- e ata o xoves 9 de abril para reducir o contaxio do coronavirus. Apenas vinte minutos antes da media noite, o Boletín Oficial do Estado (BOE) concretou os sectores afectados. O listado de actividades, publicado no Boletín Oficial del Estado (BOE) case contra a medianoite deste domingo, máis dun día despois de que Sánchez avanzase a medida, pode consultarse aquí.
O Goberno central nega que a medida se tome agora porque haxa "ningunha situación de alarma engadida" senón porque "os modelos o aconsellaban"
Antes da publicación no BOE, e tras o Consello de Ministros que o aprobou, as ministras portavoz, María José Montero, e de Taballo, Yolanda Díaz, detallaron en rolda de prensa o efecto da medida sobre os traballadores. Montero asegurou que a medida non se toma agora porque houbese “ningunha situación de alarma engadida” senón porque “os modelos [de evolución da epidemia] o aconsellaban” e insistiu en que a intención do Goberno é “converter todos os días da semana en domingo” ata os días festivos de Semana Santa. Pola súa banda, Díaz concretou que o “permiso retribuído recuperable” polo que o persoal das actividades non esenciais deixará de desprazarse para traballar non será de aplicación para quen xa estea teletraballando nin para o persoal que xa estea suxeito a un ERTE ou de baixa.
Os que deixen agora de traballar neses “oito días laborables”, insistiu Díaz, deberán recuperar esas horas posteriormente e ata o 31 de decembro de xeito negociado con cada empresa. “Todas as partes ceden”, asegurou a ministra, que salientou que “os empresarios teñen que garantir o cobro completo, pero os traballadores tamén ceden” porque teñen que devolver despois as horas. Díaz tamén lanzou unha mensaxe para quen rexeite endurecer o confinamento: “Non imos aceptar presións de ningún tipo”.
Feijóo lamenta non coñecer os sectores afectados antes de aprobarse a medida
Tras o Consello de Ministros, Pedro Sánchez mantivo este domingo unha nova reunión por videoconferencia, como os domingos anteriores, cos presidentes autonómicos da que posteriormente deu conta o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa. Nela Feijóo dixo que esas reunións “seguen sendo moi valiosas, con ánimo construtivo e útiles”, pero queixouse de que son “máis informativas que deliberativas” e lamentou que sobre a nova restrición de actividades obtivo a mesma información de Sánchez que o resto da cidadanía.
O presidente da Xunta salientou a “colaboración altruísta e indispensable” de Inditex "pola súa loxística" e "os seus avións" sen os que o material non lograría chegar “a Galicia e España”
Feijóo reclamou un peche gradual da actividade pero admitiu que descoñecía os sectores afectados pola medida, que non serían publicados ata despois da súa propia intervención, e polo tanto non podía opinar sobre o alcance da medida. O presidente si quixo facer unha “mención” especial a Inditex e a súa “colaboración altruísta e indispensable” non só polos “subministros” que está a doar senón “pola súa loxística” xa que, segundo di, sen "os seus avións" o material non lograría chegar “a Galicia e España”.
O presidente galego tamén lamentou que o Goberno central non facilita ás comunidades os estudos sobre a posible evolución de cada curva epidemiolóxica, pero a partir dos que ten a Xunta asegurou que non será nesta próxima semana cando se produza o pico en Galicia. “Virán semanas peores”, asegurou.