Sánchez anuncia a paralización de toda actividade presencial “non esencial” durante dúas semanas

Pedro Sánchez durante a súa comparecencia polo coronavirus deste sábado 28 de marzo CC-BY-SA La Moncloa

O presidente do Goberno central pide á UE que estea “á altura das circunstancias”, lembrando que “a nosa xeración ten moi presente a crise de 2008” e a lentitude de Europa

“Todos os traballadores de actividades non esenciais deberán quedar na casa nas próximas dúas semanas como fan nas fins de semana”. Así anunciou este sábado pola tarde o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, nunha nova comparecencia en directo, un novo paso na restrición de movementos como medida de loita contra a extensión do coronavirus. 

Sánchez salientou que a curva de contaxios vaise aproximando ao seu cumio polo que agora “non é o momento de baixar a garda senón de redobrar a loita”. “Son as fins de semana cando a redución da mobilidade é moitísimo máis acusada”, dixo, para xustificar a decisión de estender esa redución que se rexistra nas fins de semana -e que ligou cunha redución dos contaxios- aos días laborables a través da figura dun “permiso retribuído recuperable” co que o persoal que aínda se estaba desprazando para traballar en actividades “non esenciais” agora “non terán que desprazarse aos seus centros de traballo desde o luns 30 de marzo ao xoves 9 de abril”. Posteriormente, e ata final de ano, os que agora paren “recuperarán as horas non traballadas de xeito paulatino e espaciado no tempo”, traballando “unha hora máis ao día” ou doutro xeito “preferiblemente no marco da negociación colectiva”.

Sánchez, este sábado 28 de marzo CC-BY-SA La Moncloa

Este domingo o Consello de Ministros aprobará a nova restrición e o listado de actividades afectadas

O presidente argumentou que as datas elixidas para esta nova restrición son as previas á Semana Santa, con algúns festivos nesa semana, porque deste xeito a efectos produtivos “estamos falando de oito días”. Será este domingo, unha vez que un novo Consello de Ministros extraordinario aprobe a medida anunciada por Sánchez, cando se coñeza o listado de actividades que son ou non consideradas "esenciais".

Sánchez reclama a Bruxelas "unha sorte de economía de guerra"

Nesta terceira comparecencia consecutiva de Sánchez en sábado, tras a primeira na que informou do comezo do estado de alarma e a segunda na que arengou á cidadanía a manter o confinamento como mellor xeito de loita contra o coronavirus, o presidente tamén reclamou á UE que estea “á altura das circunstancias”, lembrando que “a nosa xeración ten moi presente a crise de 2008” e a lentitude de Europa. A Bruxelas pediu que adopte “unha sorte de economía de guerra”, ademais de garantir materiais médicos ante a situación do mercado global, colaboración para a repatriación de europeos e seguridade común fronte aos ciberataques. “Algunhas destas medidas xa foron acordadas pero ademais Europa debe dar unha resposta económica, social, unida”.

Sánchez agradeceu os sacrificios da cidadanía, cunha lembranza especial para a infancia, e asegurou que da crise sairase. “Mentres tanto, todo o que podo ofrecer é sacrificio e resistencia”, sentenciou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.