Outra volta, ecos de naufraxio europeo ante unha crise global. Os gobernos de España, Italia ou Portugal, pero mesmo tamén Francia, acabaron indignados a última conversa dos líderes estatais da Unión Europea a respecto do plan económico para afrontar as consecuencias do coronavirus. Alemaña e Holanda lideran o bloqueo ás propostas máis ambiciosas na parte do plan que atinxe aos Estados membros [as medidas da Comisión Europea pódense consultar aquí] e limítanse a ofrecer préstamos con condicións de rescate. Isto é, ao xeito da crise financeira da pasada década.
Alemaña e Holanda lideran o bloqueo ás propostas máis ambiciosas e limítanse a ofrecer préstamos con condicións de rescate, ao xeito da crise financeira de hai unha década
Como informa Andrés Gil para eldiario.es, nin sequera os xefes de Goberno foron quen de desatrancar o que os ministros de finanzas deixaran bloqueado no Eurogrupo. Tal foi a tensión que mesmo Pedro Sánchez e o italiano Giuseppe Conte decidiron plantarse ante unha actitude que o portugués António Costa resumiu cunha palabra: "repugnante". Non en van, revelou, Holanda pretendía investigar a España e Italia por non teren capacidade económica de seu para afrontar a recuperación tras a covid-19.
O Consello Europeo, celebrado por videoconferencia, acabou seis horas despois e sen acordo. "Co apoio de Italia e outros países -sinalou o Executivo español-, o Goberno de España esixiu á Unión Europea unha resposta clara e contundente de financiamento". Esa esixencia provocou que o presidente do Consello, Charles Michel, tivese que refacer as conclusións do encontro. Conte e Sánchez negábanse a asinar o texto orixinal.
España e Italia frearon o plan que pretendía encamiñarse xa aos rescates, pero non lograron reflectir unha resposta fiscal ambiciosa nin dar forma ao desexado 'Plan Marshall'
Agora, os gobernos teñen dúas semanas máis para presentar novas propostas. Nas conclusións [consulta aquí o texto íntegro] que si viron a luz, óptase pola vaguidade: "Tomamos nota do progreso realizado polo Eurogrupo. E convidamos o Eurogrupo a presentarnos propostas dentro de dúas semanas. Estas propostas deben ter en conta a natureza inédita do golpe da COVID-19, que afecta a todos os nosos países. E a nosa resposta intensificarase, segundo sexa necesario, con máis accións de maneira inclusiva, á luz dos acontecementos, para aplicar unha resposta integral".
Pedro Sánchez: "Non se poden cometer os mesmos erros da crise financeira de 2008"
Isto é, os primeiros ministros devolven a pelota a cadanseus ministros de Finanzas. Polo momento, o plante español e italiano conseguiu que desaparecese do texto o plan alemán e holandés, que pretendía facer pasar a resposta polo fondo de rescates coas correspondentes condicións, ao xeito de hai unha década. Non obstante, Sánchez e Conte non lograron reflectir unha resposta fiscal ambiciosa nin dar mínima forma ao desexado 'Plan Marshall' para a recuperación tras o virus.
Pedro Sánchez di ter claro que "non se poden cometer os mesmos erros da crise financeira de 2008". Nunha nota difundida polo Goberno de España, o socialista afirma que "se non propoñemos agora unha resposta unificada, potente e eficaz a esta crise económica, non só o impacto será máis duro, senón que os seus efectos durarán máis tempo e estaremos a pór en perigo todo o proxecto europeo". Hai que "aprender da lección" da anterior crise, agrega.
António Costa: "Esse é um discurso repugnante no quadro da União Europeia. Não foi a Espanha que criou o vírus, atingiu-nos a todos por igual"
Aínda máis contundente foi o portugués António Costa para describir o acontecido. Moi especialmente, para se referir á actitude holandesa e á proposta do ministro de finanzas dese país, Wopke Hoekstra, sobre "investigar" a España e Italia. "Esse é um discurso repugnante no quadro da União Europeia. Não foi a Espanha que criou o vírus, o vírus atingiu-nos a todos por igual", advertiu o mandatario.
Alén desa proposta, o que Alemaña e Holanda queren desbotar a emisión conxunta de débeda -os coronabonos- para afrontar a reconstrución. Só se abren a préstamos con duras condicións en forma de reforma estruturais nos Estados beneficiaris. Isto é, rescate e recortes. Fronte a esta postura, ata oito Estados que reclaman unha resposta ambiciosa e conxunta. Outra volta, norte fronte a sur e unha UE que semella naufragar.