Unha das consecuencias do coronavirus, máis alá da sanitaria, é o seu impacto económico. As bolsas europeas levan varias semanas á baixa, afectadas tamén pola baixada nos prezos do petróleo, e abriron esta con fortes caídas. O indicador español Ibex 35, en concreto, perdía máis dun sete por cento ao comezar a sesión do luns. No medio destas turbulencias, Galicia encara os efectos económicos da nova situación sen avances na súa converxencia en renda per cápita coa Unión Europea (UE).
A renda per cápita galega é un 82 por cento da media da Unión Europea, excluído xa Reino Unido
Os últimos datos de Eurostat, a oficina de estatísticas da Comisión Europea, amosan que o produto interior bruto (PIB) per cápita galego se situou no 82 por cento da media en 2018. A cifra está un punto porcentual por baixo da do ano anterior e é similar ás que se veñen rexistrando desde 2011, con variacións entre o 81 e o 83 por cento. Esta actualización dos indicadores estatísticos exclúe da conta ao Reino Unido, que fixo efectiva a súa saída da alianza ao remate do pasado mes de xaneiro.
A cifra de Galicia está a nove puntos porcentuais da española e a 43 da rexión máis avanzada, que é Madrid
Galicia está lonxe das cifras previas á crise, que chegaron ao 90 por cento en 2007, case fóra das zonas que a UE denomina de transición, que son as que están entre o 75 e o 90 por cento da media. A porcentaxe mantíñase no 89 por cento dous anos despois, cando Alberto Núñez Feijóo accedeu á Xunta por primeira vez. Cedeu tres puntos en 2010 e outros catro en 2011, cando se situou no 82 por cento e desde cando non logrou remontar.
Con estas cifras, Galicia sitúase por debaixo da media de España, que en 2018 tiña un 91 por cento da renda per cápita media da UE dos 27, e ocupa o décimo lugar dentro do Estado. A autonomía máis avanzada neste indicador é a Comunidad de Madrid, co 125 por cento, e a que se sitúa máis lonxe da media, Extremadura, co 67 por cento. Os datos galegos están nove puntos porcentuais por baixo da media estatal e a 43 da comunidade con mellores resultados.
Os datos de Eurostat constatan a perda de postos de traballo en Galicia dende o comezo da crise, cun 11,2% menos de emprego que no ano 2008
En canto ao emprego, os datos de Eurostat constatan a perda de postos de traballo dende o comezo da crise. En 2018 contabilizábanse un total de 1.079.000 persoas traballando en Galicia, un 11,2 por cento menos que en 2008, que supón que a cifra se reduciu en 136.000 persoas nese período. Nos mesmos anos, en toda España o descenso foi do 6,5 por cento.
Na comparación co exercicio anterior, porén, o emprego recuperouse un dous por cento en Galicia, de forma que se sumaron 21.000 postos con respecto a 2017. O comportamento é un pouco peor que a media española, que medrou un 2,2 por cento no mesmo período.