Galicia encadea tres anos de desaceleración económica

A desaceleración económica de Galicia reflíctese en indicadores como a evolución do PIB ou do emprego CC-BY-NC-SA Foto: CIG | Montaxe e gráficos: Praza Pública

A economía galega medrou un 1,8 por cento en 2019, co que encadeou tres anos de desaceleración. Por primeira vez desde 2014 o avance do produto interior bruto (PIB) quedou por baixo do dous por cento. Nese mesmo trienio o paro reduciuse en Galicia, pero tamén a un ritmo máis lento, e a creación de emprego non foi suficiente para achegarse ás cifras previas á crise.

O desemprego seguiu caendo nos últimos anos, pero tamén freou o ritmo, e emprego non recuperou os niveis previos á crise

Os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) amosan que o PIB galego, que comezou a rexistrar caídas en 2009, mantense en cifras positivas desde 2014, cun pico do 3,3 por cento en 2016, a partir do cal se nota a desaceleración.

Para o presente ano o panorama é similar e o Goberno galego prevé un aumento do 1,9 por cento do PIB. A profesora de Economía Aplicada da USC María Cadaval sitúa os datos nun contexto máis amplo: “A desaceleración económica é un feito que segue o seu curso en Europa, onde a economía enfronta un período de baixo crecemento e sen tensións inflacionistas”. Porén, considera que non haberá polo momento unha recesión, “salvo que factores esóxenos e inesperados, como o coronavirus, consigan insuflar tanta incerteza que acaben empeorando as cousas”. 

En canto ao emprego, a media de persoas ocupadas era en 2008, ano da quebra de Lehman Brothers que se considera que marcou o inicio da recesión, de 1,201.200 en Galicia, de acordo cos datos da enquisa de poboación activa (EPA). O promedio en 2019 foi de 1,095.200 persoas, e a distancia entre estas dúas cifras, de 106.000.

Entre o 2008, cando comezou a crise, e 2014, cando o PIB galego recuperou as cifras positivas e creceu un 1,2 por cento, destruíronse 203.200 postos de traballo en Galicia, amosan os datos medios anuais da EPA. Nos anos de crecemento posteriores, entre 2014 e 2019, xeráronse 97.200 empregos.

A taxa de paro rexistra descensos que tamén van reducindo o seu ritmo. No último trimestre do ano pasado, a porcentaxe era do 11,74 por cento, só 0,3 puntos por debaixo da cifra dun ano antes. Entre 2016 e 2017 e entre 2017 e 2018 a caída foi de máis de dous puntos porcentuais. A cifra ao peche de 2019, aínda que se volve situar por debaixo do 12 por cento por primeira vez desde 2008, está lonxe da acadada nos últimos tres meses daquel ano: o 9,64 por cento.

Entre 2008 e 2014 destruíronse más de 200.000 empregos en Galicia e só se xeraron 97.000 dende entón

María Cadaval indicou que as estimacións económicas apuntan a que en 2020 o desemprego manterá “a súa tendencia descendente arrefriada”, cunha caída simultánea da poboación activa. Este último aspecto “non debe pasarse por alto” porque un dos principais desafíos da sociedade galega é o demográfico. 

“Non se pode facer esperar un plan de industrialización e de crecemento que non só fixe aos galegos no territorio, senón que tamén consiga atraer investimento estranxeiro e man de obra cualificada”, expuxo. Ao seu xuízo é necesaria unha aposta pola dixitalización e a intelixencia artificial, pero tamén plans para os sectores básicos, como o forestal, o gandeiro e o agrícola. 

Con estes elementos, Cadaval considera que a economía galega tería capacidade de crear emprego, incluso se o PIB se mantén en cifras de crecemento ralentizadas. “Hai uns anos dicíase que a economía era quen de crear emprego se medraba por riba do tres por cento. Hoxe estamos a ver que, con niveis inferiores, a creación de emprego é posible -non imos entrar na calidade do mesmo-. O determinante non é tanto canto se medra, senón onde e como se medra”, afirmou.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.