Galicia despois de Lehman Brothers: dez anos en cinco gráficos

Un rótulo de Lehman Brothers, exposto nunha casa de poxas de Londres en 2010 CC-BY-SA Jorge Royan

A mediados de setembro de 2008 Galicia comezaba o novo curso político coas forzas políticas a recompoñer as súas estratexias despois de que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, puxese fin ás incertezas anunciando que non prevía adiantar as eleccións ao outono dese ano, como lle recomendaban dende a dirección do PSOE. Tras un verán no que o emprego tocara máximos históricos e o paro, cifras absolutas mínimas, o Goberno galego da época seguía a manexar previsións de crecemento económico malia ao clima de ralentización mundial. 

Este era o clima no que, o 15 de setembro daquel ano, unha noticia económica conmocionou o mundo. O banco de investimento estadounidense Lehman Brothers quebrara. As imaxes do seu persoal marchando da sede do xigante financeiro cunhas poucas pertenzas en caixas de cartón percorreron os medios de comunicación de todo o mundo mentres as bolsas caían ao baleiro e as autoridades financeiras internacionais anunciaban inxeccións económicas ao sector bancario. En Galicia a Xunta apelaba ao "plus de resistencia" da economía galega e a oposición, ocupada só polo PP, diagnosticaba que o que estaba a suceder era culpa de Zapatero, Touriño e Quintana.

A quebra do banco estadounidense ficou como inicio simbólico dunha crise internacional que desencadeu a recesión económica e disparou a destrución de emprego en poucos meses

Alén das brochas gordas partidarias o certo é que a quebra de Lehman Brothers ficou simbolicamente como inicio dunha crise financeira internacional que pronto impactou na vida cotiá das persoas e dos gobernos, dende as cifras macroeconómicos ao peto e á cesta da compra. No caso galego a recesión económica -decrecemento do Produto Interior Bruto- tardou un chisco máis que na media estatal pero xa comezou a mediados daquel ano e pasou dun crecemento superior do 3% a unha caída de máis do 4% en apenas doce meses. Os sinais de recuperación xurdiron en 2010, que non foi máis que pórtico dunha nova recesión case tan profunda como a primeira. As cifras positivas en canto a crecemento do PIB non volverían ata 2013.

Unha das primeiras traducións da crise internacional na vida cotiá foi o crecemento acelerado das cifras de paro. As algo menos de 150.000 persoas inscritas como demandantes nas Oficinas de Emprego no verán de 2008 convertéronse en máis de 200.000 a comezos de 2009 nunha escalada que non se detería ata 2013, preto das 300.000 persoas a reclamar un posto de traballo. A Enquisa de Poboación Activa (EPA), indicador do mercado laboral homologado a nivel internacional, retratou un medre aínda maior: de algo menos de 110.000 persoas en desemprego na primavera de 2008 a case 300.000 a comezos de 2014.

O paro disparouse e o emprego destruíuse. Tanto que a UE sinalou Galicia como exemplo de perda de postos de traballo durante a crise. Naquel verán previo ao afundimento no mercado laboral galego contábanse case 1,1 millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social. O devalo desencadeouse daquela e durou máis de media década, tamén ata comezos de 2014. Nese punto iniciouse unha senda ascendente que permitiu recentemente volver superar o millón de afiliacións medias. Así e todo, faltan aínda uns 70.000 postos de traballo para regresar no país a niveis pre-crise nun contexto no que os diferentes indicadores falan de precariedade laboral e maior rotación. Mostra disto é, por exemplo, o gran crecemento do número de contratos, moi por riba do avance do emprego.

Intimamente relacionada coa precariedade laboral estivo a caída dos salarios, especialmente dos máis baixos. Atendendo ao decil de salarios que publica o INE -división do persoal asalariado en dez grupos segundo a contía da súa remuneración principal-, quen no ano 2008 cobraba uns 500 euros brutos ao mes percibía en 2016 -último dato dispoñible- algo menos de 450. Mentres, na banda máis alta, os salarios que xa superaban os 4.200 euros brutos mensuais antes da crise roldaban xa hai dous anos os 4.400. Alárganse, daquela, as desigualdades, se ben diversos estudos indican que a sociedade galega segue a ser menos desigual que a media do Estado.

A crise atinxiu aos petos da poboación pero tamén aos das Administracións, ás arcas públicas. Os Orzamentos Xerais da Xunta chegaron a caer na contorna dos 2.000 millóns de euros por exercicio e o endebedamento da Administración galega, malia estar moi por baixo do doutros gobernos, tamén se multiplicou. Así, de pouco máis de 3.500 millóns de euros na segunda metade de 2008 a débeda da Xunta medrou durante toda a década e segue a facelo. Non en van, o último dato dispoñible no Banco de España -de comezos de 2018- roldaba os 11.800 millóns. Ou, o que é o mesmo, un incremento superior ao 220%. O peso da débeda sobre o PIB galego é moi inferior ao do Estado, pero o seu medre tamén foi notable: de apenas o 6% en 2008 ao actual 19%.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.