Centos de antigos bolseiros reclaman en Galicia anos de cotización polas prácticas

Pódese cotizar retroactivamente por antigas prácticas -pagando a persoa interesada- ata finais de 2028 CC-BY-SA Praza Pública

Co prazo aberto desde hai un ano e ata finais de 2028, só a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) recibiu xa un milleiro de solicitudes de certificados cos que cotizar agora ante a Seguridade Social -pagando- por traballos realizados hai anos

Desde o 1 de xaneiro do pasado ano todas as prácticas formativas, pagadas ou non, deben cotizar á Seguridade Social. Así o estableceu o Goberno de España, que tamén fixou un procedemento para cotizar de xeito retroactivo por antigas prácticas ou bolsas de investigación. As persoas interesadas teñen desde o 1 de xuño do pasado ano ata o 31 de decembro de 2028 para pagar do seu peto as cotizacións polo tempo que traballaron hai anos e sumar así meses ou anos cos que no futuro poden adiantar a xubilación ou mellorar o seu importe

Un ano despois de abrirse o proceso, e cando aínda quedan máis de tres anos para facelo, centos de persoas están xa a tramitar en Galicia meses ou anos de cotizacións. Só a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), unha das moitas vías polas que se veñen facendo prácticas en Galicia, recibiu xa un milleiro de solicitudes de certificados cos que probar ante a Seguridade Social o traballo pasado polo que se quere cotizar.

Imaxe de arquivo dunha protesta de persoal investigador en Compostela © AIC

O sistema habilitado pola Seguridade Social para cotizar, pagando, por prácticas ou bolsas de investigación realizadas hai anos, cando non se cotizaba por elas, permite a redención de ata cinco anos. Para facelo hai que solicitar á Seguridade Social un denominado convenio especial e pagar por cada mes a cota correspondente á base mínima de cotización que se esixía daquela.

O sistema permite o pagamento de golpe ou fraccionado no dobre do tempo polo que se queira cotizar. Isto é, para cotizar por 6 meses de prácticas feitas hai anos pode pagarse agora o importe á Seguridade Social fraccionado en 12 meses. 

O sistema permite o pagamento de golpe ou fraccionado no dobre do tempo polo que se queira cotizar

Para realizar a solicitude hai que presentar á Seguridade Social "certificados da realización das prácticas e/ou da participación en programas de formación", que poden emitir tanto as empresas ou entidades en que se realizasen as prácticas como as entidades que financiaron as mesmas, se foron distintas. Centos de persoas xa solicitaron eses certificados a empresas, universidades ou centros de investigación ou formación profesional. 

Mobilización de pensionistas nunha cidade galega © Marea Atlántica

En Galicia boa parte das prácticas universitarias canalízanse a través da Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), que leva décadas canalizando estudantes das tres universidades públicas ás empresas privadas. Segundo confirman desde Feuga, un ano despois de aberto o prazo e cando aínda quedan máis de tres anos para poder adherirse ao sistema de cotización, recibíronse "ata o momento 940 peticións de emisión de certificados de persoas que poderían cumprir cos requisitos necesarios para o recoñecemento da cotización, tanto de participantes dos programas de prácticas formativas como de titulados que participaron en proxectos de investigación das universidades".

Ante o volume de peticións, Feuga está a transmitir ás persoas solicitantes que pode tardar un par de meses en ir remitindo os certificados.

Gasto deducible na renda

O gastado agora en cotizar por antigas prácticas é deducible na declaración da Renda

Por outra banda, o Ministerio de Facenda vén de facer pública unha resposta a unha consulta vinculante (V0467-25) na que establece que os pagamentos á Seguridade Social para cotizar por esas antigas prácticas, sexan nunha única vez ou fraccionados, poden deducirse na declaración da Renda. 

"Ao tratarse de cotizacións á Seguridade Socia, o seu abono -xa sexa en pagos mensuais ou nun pago único- ten a consideración de gasto deducible dos rendementos íntegros do traballo", di o ministerio na súa resposta vinculante. Nela engade que esas deducións "deberán imputarse ao período impositivo da súa esixibilidade, que se corresponderá co sistema de abono elixido". Isto é, no ano en que se faga o pagamento único ou a parte proporcional nos anos en que se fagan os pagamentos fraccionados. 

© UGT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.