Aqueles que apostan por desenvolver unha carreira investigadora en Galicia son expertos en convocatorias de bolsas, prazos de presentación, méritos e na procura de financiamento. Moitos tamén están afeitos a traballar sen cobrar como único recurso para manterse como investigadores. ″A investigación é esa roda na que ti non te podes permitir parar de publicar, ir a congresos e seguir producindo coñecemento mesmo cando non tes financiamento. Non te podes quedar atrás″, sinala Laura Camino, vicepresidenta da Asemblea de Investigadoras de Compostela.
Investigadoras e investigadores reflicten as dificultades ás que se enfrontan cando optan por dedicarse a estudar en profundidade calquera das ramas do coñecemento en Galicia
″Dignificar a profesión pasa por non asumir que o traballo gratuíto é o modelo e está ben, que non pasa nada porque a xente estea un ou dous anos producindo coñecemento gratis mentres as institucións se benefician dese impacto. Iso é unha forma moderna de escravitude″, salienta Camino, filóloga clásica, que vén de presentar a súa tese na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e trata de manterse como investigadora.
″Hai inseguridade desde o comezo″, asegura María Ferreiro
No primeiro chanzo da investigación está María Ferreiro, que non tiña claro se quería dedicarse a isto e foi durante o mestrado en Matemáticas cando tomou a decisión de ser investigadora. Demasiado tarde para pedir as axudas públicas nese curso, polo que pasou o primeiro ano da súa tese de doutoramento sen ningún tipo de remuneración. ″Hai inseguridade desde o comezo″, di. ″En outubro de 2019 pedín as bolsas FPU (Formación Profesorado Universitario) do Ministerio de Educación, que saíron en xullo 2020 e aínda non teñen as listaxes definitivas. As axudas da Xunta convocáronse en febreiro deste ano, cando eu xa levaba medio ano facendo a tese, e resolvéronse en agosto, polo que pasei un ano enteiro sen ter financiamento″.
Tivo ″sorte″ e concedéronlle ambas bolsas, así que agora poderá escoller. Mentres, para ″sobrevivir″, María Ferreiro tivo que buscar algo externo á universidade e estivo a impartir clases particulares. ″Pero non se pode facer unha tese así″, argumenta, ″porque se converte no que fas no teu tempo libre″. O seu traballo de investigación, que está a desenvolver na USC, pertence ao eido da xeometría diferencial: ″trato de describir espazos en distintas dimensións, como se curvan ou como medir distancias″.
Dependendo da nota media e do grupo no que se vaia investigar, en maior medida, hai diferentes itinerarios para facer un doutoramento. ″Inflúe moito o tipo de institución na que traballes, non é o mesmo facelo na universidade, que nun dos institutos de investigación sanitaria ou no CSIC″, indica Mauro Lago, que pertence a Investigal, a Rede Galega pola Investigación. Desde a universidade poden optar ás bolsas estatais FPU, que requiren normalmente unha media superior ao 8, pese a que Lago sinala que nas últimas convocatorias está por enriba do 9, dependendo das áreas. Son ″máis competitivas″ que as bolsas que oferta a Xunta para os investigadores predoutorais, pero ″todo está bastante máis igualado a nivel docencia e remuneración desde que temos o Estatuto do persoal investigador en formación (EPIF)″.
"Cando estás na carreira non pensas moito no panorama laboral e non te venden nunca como funciona o mundo da investigación", critica Mauro Lago
Mauro Lago é biólogo e ten un máster en biotecnoloxía, desde 2017 traballa con enfermidades raras no CINBIO (Centro de Investigacións Biomédicas), dependente da Universidade de Vigo. ″Tiven a sorte de que o meu grupo tiña diñeiro e case non estiven tempo sen cobrar″, di, pois tamén tivo que agardar varios meses antes de comezar a recibir cartos da bolsa da Xunta, a única á que puido optar. ″Cando estás na carreira céntraste en ir aprobando e ir de festa cando podes, non pensas moito no panorama laboral e non te venden nunca como funciona o mundo da investigación. Pero terminas decatándote de que se estivestes levando notas normais é moitísimo máis difícil conseguir financiamento. Se non chego a ter a bolsa da Xunta houbera deixado de investigar″, conta.
A tese de Lago versa sobre a hipertensión arterial pulmonar, un tipo estraño de hipertensión pulmonar que ten base xenética nalgúns casos e maniféstase de formas distintas segundo a persoa. Non existe un tratamento efectivo, polo que se resolve cun transplante cardiopulmonar ou acaba provocando o falecemento dos doentes. El estuda a parte xenética e molecular da enfermidade.
Tamén do campo da Bioloxía vén Ismael Hernández, que está no seu terceiro ano de contrato predoutoral na USC coa axuda do Goberno galego e conta con que precisará pedir unha prórroga dun ano. ″Porque as axudas da Xunta para facer a tese teñen unha duración de tres anos, mentres que as FPU do Ministerio son de catro″, apunta. Aparte, as bolsas da Xunta mudaron as súas condicións e agora para solicitalas hai que estar matriculado no programa de doutoramento: ″é dicir, que coas axudas da Xunta pasas o curso enteiro sen cobrar polo tempo que tardan en resolvelas″.
"Comprométeste cun grupo de investigación e realmente non sabes se vas poder cobrar nalgún momento", explica Ismael Hernández
Isto foi o que tamén lle sucedeu a Ismael Hernández, que se trasladara desde Extremadura a Santiago para facer o mestrado en Neurociencia e Psicoloxía Clínica. ″Xa imos tendo unha idade e sempre queres apañarte por ti mesmo, pero nolo poñen moi complicado. Comprométeste cun grupo de investigación e realmente non sabes se vas poder cobrar nalgún momento. Estamos por vocación e hai que botarlle horas porque toca″, abunda. Con todo, asegura que está contento en Compostela e que en Badaxoz o tería moito máis complicado para investigar. ″Estou encantado con isto, quero seguir, pero é moi sacrificado″, conclúe.
Hernández, que forma parte de Investigal, está a continuar coa investigación iniciada no Traballo Final de Máster (TFM) na súa tese. Estuda a neuroxénese na retina do Melgacho, un tipo de quenlla. ″Permite coñecer o estado ancestral do proceso neuroxénico, como se producían neuronas cando comezou a evolución das especies mandibulares″, detalla. ″Isto é investigación básica e custa máis conseguir financiamento porque non está orientada a crear ningún produto, é comprensible que se aposte pola investigación aplicada, pero ao final hai que lembrar que unha non é nada sen a outra: a investigación básica é o punto de partida para todo o demais″.
"Desde Investigal reclamamos unha carreira investigadora en Galicia", salienta Mauro Lago
″Unha das cousas que reclamamos desde Investigal é que teñamos unha carreira investigadora en Galicia. O feito de formar a asociación está a provocar un cambio para mellor porque agora temos máis peso para negociar e por primeira vez falouse de ciencia nos debates políticos″, destaca Mauro Lago. ″Logramos que a Xunta fose dos primeiros organismos do Estado en sacar unha prórroga pola COVID-19. Déronnos seis meses, que está súper ben porque hai moita xente que practicamente perdeu o ano″.
Incompatibilidades e burocracia
Pilar Picallos é enfermeira e mentres facía o Traballo Final de Grao viu que quería probar a dedicarse á investigación, aínda que sabía que era complicado: ″non sei se é que os que nos queremos dedicar a iso somos un pouco masoquistas″. No mes de setembro do ano pasado concedéronlle unha bolsa da Deputación da Coruña para realizar un traballo de investigación por valor de 8.000 euros. ″Nun primeiro pago de 6.000 euros cúbrese todo o período da bolsa, hai que presentar dúas memorias do traballo realizado e unha vez avaliadas recibes os 2.000 euros restantes″, detalla.
Pilar Picallos ten que devolver todos os cartos dunha bolsa da Deputación da Coruña á que renunciou ao conseguir un contrato mellor
Unha boa nova que lle permitiu manterse no laboratorio de Células nai en cancro e envellecemento, dirixido por Manuel Collado no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). ″En decembro ofrecéronme a posibilidade de ter un contrato de tres anos no IDIS e, como era incompatible coa bolsa, comuniquei a miña renuncia á Deputación″, conta. Durante eses catro meses que traballou co financiamento da institución provincial colaborou na publicación dun artigo na revista especializada Nature Communications sobre o achado dun composto farmacolóxico que ten a capacidade de eliminar as células envellecidas e se combina coa quimioterapia para mellorar a súa efectividade.
″Foron catro meses que deron moito froito, pero había moitos meses atrás de traballo″, salienta Picallos, que levaba un ano e medio traballando sen ningún tipo de retribución neste laboratorio antes de conseguir a bolsa da Deputación. En febreiro, como non tiña noticias da Deputación, decidiu entregar unha memoria conforme ao traballo realizado. ″En marzo comunícanme que perdo o dereito á bolsa, non que aceptan a miña renuncia. E este mes é cando me din que teño abonar os 6.000 euros que me deran íntegros máis taxas por demora″, explica, ″non hai dereito a que non sexa retribuído o tempo que traballei porque houbo uns resultados″. ″Ademais, no tempo que tiven a bolsa fíxose un traballo que tamén lle deu unha publicidade á Deputación″, engade.
″A esperanza que tes é que a situación vaia cambiando cos anos, se falas coa xente que leva máis tempo din que aínda que cambiou, segue a estar moi mal. Pero o que che deixan entrever é que unha vez que acabes a tese tes que marchar ao estranxeiro. Ao final, gastas uns recursos en España para educarte e formarte e tes beneficios noutro país″, asegura.
Máis dificultades despois da tese
A convocatoria de axudas posdoutorais da Xunta aínda non saíu este ano. A incerteza continúa unha vez defendida a tese. Como comenta Laura Camino, non é a primeira vez que se saltan algunha convocatoria. A última vez foi en 2015, segundo datos recompilados pola Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), e ao ano seguinte non houbo máis prazas; pola contra, en 2016 había 55 axudas que foron reducíndose progresivamente ata a as 46 que se convocaron en xuño do ano pasado na modalidade A.
″Estas bolsas, a pesar de ser moi poucas prazas, son unha das maiores axudas que temos para seguir investigando unha vez rematada a tese″, advirte Camino, que critica a desinformación por parte do Goberno galego: ″non houbo ningún tipo de vontade de informar á comunidade investigadora, todo foi mediante chamadas de persoas particulares que se interesaron por esta convocatoria″.
″A escusa que dá o Goberno galego é que como esa convocatoria posdoutoral implica mobilidade, porque son tres anos de contrato pero os dous primeiros teñen que ser nalgunha universidade de fóra, con esta situación da COVID-19 era difícil. Iso é certo, pero tamén o é que non artellaron ningún sistema alternativo ou pensaron en variar a orde e que o primeiro ano da bolsa fose aquí. A min o que máis me preocupa é que a pandemia poida ser unha escusa para seguir recortando na investigación″, reflexiona.
Laura Camino ten claro que ″a loita que cambiaría moitas cousas é que sacaran un calendario de convocatorias fixo, estable e cunha dotación orzamentaria digna″. Porén, non ve ″vontade política″ para escoitar ao colectivo investigador. ″O Goberno non entende a investigación como algo que trae traballos de calidade, que mellora a economía do coñecemento; pero que tamén xera impacto económico e de transferencia social no momento. Esta situación é un punto máis na desesperación da comunidade investigadora que se ve en períodos de total desinformación e traballando gratuitamente″.
"O Goberno non entende a investigación como algo que trae traballos de calidade", di Laura Camino
A rama de Humanidades adoita ser a máis esquecida na investigación. ″Noutras ramas do coñecemento van sacando contratos con cargo a proxectos, aínda que tamén son precarios. Nas Humanidades iso non é nada común, pero é que ademais nas convocatorias de axudas públicas xenéricas sempre ten menos prazas a pesar de que ten moita demanda. De novo é algo estrutural, creo que a investigación social, política e economicamente non se entende como algo prioritario″, desentraña Camino, que leva todo 2020 traballando gratis.
Forma parte do equipo de traballo dun proxecto financiado con fondos europeos e do Ministerio, non ten retribución, pero garda ″certo vínculo institucional″ coa Universidade de Santiago pese a estar dada de baixa por ter presentada a tese. ″Dáse o paradoxo de que levo todo o ano publicando en revistas internacionais, indexadas nos índices máis importantes, co meu nome e o da USC. Estou xerando un impacto para esta universidade do que se beneficia, e isto é importante, entre outras cousas, para os presupostos que cada ano negocia coa Xunta″, revela Camino. Uns orzamentos que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, vén de prorrogar para 2021.