A pandemia de coronavirus puxo de relevo a debilidade do sistema investigador en Galicia e no conxunto de España e a súa importancia capital. Sobre todo no ámbito da investigación sanitaria, un sector que ao igual que outros na ciencia sofre eivas de financiamento e de estabilización dos seus traballadores e traballadoras.
Denuncian a "precariedade laboral" que sofren e a negativa da Xunta "a que se acorde ningunha forma de estabilidade laboral para os investigadores e investigadoras"
Hai uns días Investigal denunciaba que a contratación do persoal investigador hospitalario en Galicia realízase de xeito precario e inestable; sen categoría profesional, con salarios dispares e incumprindo as condicións descritas no DOG e no BOE para a sua estabilización unha vez superado o plan de captación de talento". E este mércores persoal das fundacións de investigación sanitaria (Fundación Biomédica Galicia Sur, Fundación Profesor Novoa Santos e Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago) ofreceu unha rolda de prensa para denunciar a "precariedade laboral" que sofren e a negativa da Xunta "a que se acorde ningunha forma de estabilidade laboral para os investigadores e investigadoras".
Explican que durante a negociación do I Convenio Colectivo para o persoal destas fundacións abordouse "a situación de fraude de lei que sufren moitos traballadores e traballadoras" por atoparse contratados temporalmente máis alá do permitido, "nalgúns casos máis de dez anos". Porén, denuncian, "a pesar das múltiples fórmulas achegadas para resolver o problema, a Xunta pechou a porta á negociación de todas elas".
Critican o "desleixo" do Goberno galego nesta negociación, na que ademais de "negarse a falar" dun plan de estabilidade para o persoal e de carecer aínda dunha proposta económica, "queren deixar fóra do convenio a todo o persoal que consiga financiamento para o seu propio contrato".
Alertan de que sen medidas que garantan a súa estabilidade laboral os investigadores e investigadoras quedan "unha vez máis desamparados" e "en situación de franco fraude de lei, con contratos temporais prorrogados sucesivamente durante anos, sen esperanza de contratación indefinida". Sinalan que esta realidade os obriga "á denuncia pública ou individual (vía xudicial) como única saída para estabilizar a súa contratación", o que leva a unha situación de "crispación" en lugar da "cordialidade e o bo ambiente" que podería existir e que favorece o desenvolvemento do seu traballo.
"No peor momento sanitario do país en décadas quedou patente que a investigación biomédica é mais necesaria ca nunca" pero "a profesión de investigador ou investigadora, queda pateada no ámbito sanitario", denuncian
A consecuencia disto, engaden, é a "frustración" que sofre o persoal investigador, que ve que non se recoñece nin valora o seu labor, o que impide "reter o talento", que acaba marchando a outros territorios, na procura da estabilidade laboral que aquí se lle nega. Sinalan que hai "toda unha xeración de investigadores" en Galicia que está a piques que completar toda a súa vida laboral en condicións de temporalidade, "a menos de 10 anos da súa xubilación e sen ter gozado nunca dun contrato indefinido".
"No peor momento sanitario do país en décadas quedou patente que a investigación biomédica é mais necesaria ca nunca, e sen embargo a profesión de investigador ou investigadora, queda pateada no ámbito sanitario", denuncian. Subliñan que o seu traballo é o responsable de atraer recurso a estas fundacións (proxectos e contratos de investigación) que serven para o desenvolvemento da actividade destes centros, xerando novo coñecemento sobre as enfermidades, desenvolvendo novos tratamentos ou métodos de diagnóstico e mesmo axudando á creación de empresas biotecnolóxicas.
Sen estabilidade en Galicia para as investigadoras Miguel Servet
Os e as investigadoras do programa de captación de talento Miguel Servet deben integrarse en forma de persoal estatuario no Sergas, pero "a actual situación en Galicia dista moito de ser así"
Na denuncia realizada hai unhas semanas por Investigal poñíase como exemplo desta precariedade o caso concreto de Manuel Collado, investigador Xefe de Grupo, contratado a través do programa de captación de talento Miguel Servet do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII), que ten como finalidade a incorporación de investigadores e investigadoras de excelencia no Sistema Nacional de Saúde (SNS). Logo de aprobar as correspondentes avaliacións competitivas do ISCIII, estes e estas investigadoras, de acordo coas bases da convocatoria deben integrarse en forma de persoal estatuario dentro do SNS na súa respectiva Comunidade Autónoma.
Porén, subliña Investigal, "a actual situación en Galicia dista moito de ser así". "Unha vez rematado o programa, os e as investigadoras Miguel Servet son contratados por dous anos (con avaliacións cada ano) e de forma constante mesmo ata a súa xubilación, e en moitas ocasións cunha remuneración salarial menor a pesar de dispor de maior experiencia e maiores responsabilidades", sinalan. O persoal investigador do programa Miguel Servet leva anos denunciando estar "esquecido pola Xunta.
O colectivo denuncia que "esta forma de proceder do SERGAS impide desenvolver unha carreira científica plena, con garantías e coa dignidade propia que debe ter un profesional de tal cualificación", e leva a un "desgaste continuado no plano mental e persoal". "A mesma administración penaliza o talento, facendo que os e as investigadoras dediquen parte do seu tempo a lidar ca administración en lugar de poder concentrarse plenamente no seu traballo e nas súas investigacións", alerta Investigal.
Manuel Collado, investigador Xefe de Grupo que traballa sobre avellentamento e células nai, tivo que denunciar nas redes sociais a falta de noticias sobre a renovación do seu contrato a poucos días da súa finalización
Nesta situación concreta Manuel Collado, traballador do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), onde dirixe un laboratorio sobre avellentamento e células nai, tivo que denunciar a través das redes sociais nos últimos días de maio que se atopaba na súa derradeira semana de contrato sen noticia ningunha sobre a súa continuidade ou non. Debido á gran visibilidade do seu traballo e da súa denuncia, a Axencia de Coñecemento en Saúde comunicoulle a prolongación do seu contrato (por dous anos) dous días máis tarde. InvestiGal - Rede Galega pola Investigación demanda un plan de estabilización e de incorporación destes investigadores e investigadoras aos cadros de persoal dos hospitais.