Referentes da ciencia en Galicia esixen a Feijóo paralizar o seu decreto de persoal investigador

Instalacións dun centro tecnolóxico da UDC no Campus de Ferrol © Campus Industrial UDC

Un berro común de referentes da ciencia que en escasísimas ocasións saltan aos titulares, menos aínda para fixar postura de rexeitamento frontal ante unha medida do Goberno. Referentes de diversos eidos da investigación científica en Galicia e unha corentena de colexios profesionais véñense de dirixir por carta ao presidente da Xunta para trasladar formalmente, xunto a membros do colectivo directamente afectado, unha esixencia que ata o momento só xurdira no ámbito sindical: Alberto Núñez Feijóo, como máximo responsable do Executivo, debe "paralizar" o decreto co que prevé regular a contratación do persoal investigador.

Nomes que en máis dunha ocasión figuraron en discursos do propio presidente como modelos a seguir -caso do catedrático e especialista en xenética Ángel Carracedo, as farmacólogas Mabel Loza, e María José Alonso ou o químico José Luis Mascareñas- únense nesta misiva a persoal de entidades como o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago ou o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur para advertir de que a Xunta está a piques de "frear a capacidade de Galicia para avanzar, innovar e reverter" á sociedade os "beneficios" da investigación científica que a propia Xunta contribúe a financiar.

A protesta que adiantou GCiencia chega despois duns anos en que o persoal investigador público se reduciu ata un 20% en Galicia e tras fracasar os intentos do mundo da ciencia por modificar as intencións do gabinete de Feijóo a respecto da nova norma. "Queremos amosar a nosa preocupación pola repercusión que pode ter para o futuro da investigación en Galicia", concretamente en áreas tan sensibles como "sanidade, alimentación, gandería, computación, mar e tecnoloxías da información e da comunicación", concretan.

A norma que a Xunta prevé impulsar, aínda en fase de anteproxecto, "exclúe a posibilidade de que haxa investigadores estables en Galicia", din as persoas asinantes da carta, para que isto equivale a "introducir unha discriminación negativa contra esta profesión". Ademais, aseguran, viría contradicir unha das liñas máis publicitadas polo propio Executivo, xa que "dificulta a capacidade de atracción e retenciónd e talento en todas as áreas de investigación fóra do marco da Universidade". Ademais, aseguran, "obstaculiza captar recursos e persoal, imprescindibles para o traballo dos investigadores".

A norma que prepara a Xunta "frea a capacidade de Galicia para avanzar, innovar e reverter beneficios" da investigación científica "á sociedade", alertan

Persoal investigador de programas como o Miguel Servet, científicos e científicas do Sergas que actualmente traballan como persoal estatutario temporal, persoal contratado en fundacións científicas ou decanos como Juan Gestal -Medicina da Universidade de Santiago-, Moisés Canle -Ciencias da Universidade da Coruña-, Antonio Segura -Bioloxía da USC- e Luis Miguel Varela -Física da USC- únense tamén á reclamación de paralizar a norma. Mentres, para a Xunta, o seu plan pasa por converter a Galicia en "pioneira", xa que se crea "por primeira vez a figura do persoal investigador", incluíndoa "no catálogo de postos de traballo da Administración autonómica" co "obxectivo de favorecer a retención de talento científico".

Así, o Executivo asegura responder a unha vella demanda do persoal investigador cunha norma sobre a que xa alertara a CIG o pasado marzo. Como informou Praza.gal, ao fío do paso deste texto pola Mesa da Función Pública esta central sindical avertiu de que o Goberno se dispuña a dificultar "a continuidade de proxectos de investigación sanitaria que están en marcha e benefician o conxunto da sociedade", establecendo unha caste de "temporalidade indefinida" para parte do persoal mentres se "abusa da figura do investigador distinguido" e se impide que o persoal "poida adquirir estabilidade laboral e o dereito á continuidade no seu posto de traballo".

Ángel Carracedo Dominio Público USC
María José Alonso © USC
Mabel Loza © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.