O persoal investigador público reduciuse un 20% en Galicia dende 2009

Investigadoras a traballar nun laboratorio © USC

Malos tempos para a ciencia. Ou, cando menos, para traballar no ámbito científico. Os datos oficiais sobre o investimento en I+D+i en Galicia e a súa tradución na creación e estabilización de emprego volven bater, como vén sucedendo nos últimos anos, cos prognósticos de cambio de modelo produtivo ou cos discursos a respecto de virar a economía cara ao coñecemento e a innovación. O INE vén de facer públicos os datos máis recentes da súa estatística sobre a actividade da investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico e, no caso galego, o resultado ratifica que a investigación pública foi fortemente prexudicada durante a crise económica, cunha perda de persoal de case o 20% que contrasta co incremento do 7% no sector privado.

No que é considerado primeiro ano completo da actual crise, o 2009 -adóitase sinalar como punto de inicio a caída de Lehman Brothers, no verán de 2008-, o persoal investigador que desenvolvía a súa actividade en Galicia estaba composto por 6.079 homes e mulleres, dos que 4.494 se encadraban no sector público, isto é, as universidades e mais a Administración. O restante persoal científico traballaba para empresas e entidades privadas, un plantel de 1.585 persoas.

O cadro público de persoal investigador reduciuse en 823 persoas, mentres que o privado sumou 112

Tras media década de dificultades económicas e sucesivas tesoiradas nos orzamentos públicos de I+D+i o cadro de persoal investigador público reduciuse en 823 efectivos. Nas universidades o plantel reduciuse en algo máis de 600 persoas, unha perda de case o 17%, e na Administración a destrución de postos científicos atinxiu a case unha cuarta parte das 895 persoas que realizaban estes traballos no ano 2009. Mentres, no sector privado a situación foi a inversa: os postos científicos son agora 112 máis que no inicio da crise, ata chegar a 1.697. No entanto, como é obvio, a suba privada non compensa, nin de lonxe, a redución pública.

Neste contexto, se o foco é ampliado cara a todas as persoas que traballan en labores de I+D e non só ao persoal investigador o sector público tampouco sae ben parado coa súa evolución nos últimos anos. Así, entre 2009 e 2015 o cadro de persoal de I+D reduciuse en Galicia en 969 efectivos entre as Administracións públicas e as universidades, mentres que nas empresas medrou levemente, en 30. Con todo, malia ás reducións quen traballan en I+D para o sector público seguen sendo máis persoas que quen o fan para o privado: 5.605 fronte a 3.427.

As empresas privadas invisten agora un 80% máis en I+D que antes da crise e o sector público, un 6,4% menos

Esta redución de persoal forma parte dun contexto no que, como en moitos outros eidos, houbo tamén unha contracción orzamentaria. Sempre segundo o INE no ano 2015 o investimento público en Galicia en actividades de I+D foi de 272,8 millóns de euros, a mairo parte -máis de 195-, procedentes das universidades. Este montante supón unha redución próxima ao 6,4% a respecto do ano 2009. Mentres, no ámbito privado a evolución foi tamén a contraria: o investimento en I+D era en 2009 de algo máis de 230 millóns de euros e en 2015 superou os 420 millóns, un incremento de máis do 80%.

Concentración de persoal investigador en 2013 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.