A CIG denuncia que o decreto do persoal investigador laboral impide a súa estabilización

Sede da Consellaría de Sanidade © Xunta

A mesa de Función Pública aproba este mércores un decreto polo que se regula o réxime de contratación do persoal investigador laboral da administración galega, en cumprimento da proposición non de lei transaccionada entre PP e PSOE e aprobada en xaneiro, que insta a Xunta a facer realidade a norma no primeiro semestre do ano. A regulación das condicións laborais e contractuais do persoal investigador na administración é unha vella demanda destes traballadores e traballadoras e tamén dos sindicatos. Porén, dende a CIG denúnciase que a fórmula aprobada impedirá de facto a estabilización deste persoal, dificultando entre outros "a continuidade de proxectos de investigación sanitaria que están en marcha e benefician ao conxunto da sociedade". O sindicato critica que na proposta final apenas se introducen cambios relevantes en relación coa redacción presentada no verán do pasado ano.

Esta "temporalidade indefinida leva aparellada, para CIG-Saúde, "desvantaxes non só persoais de inseguridade e ansiedade, senón tamén de participación en procesos administrativos, financeiros e sociais"

No decreto establécese que os contratos son por 5 anos e asociados a un proxecto específico de investigación. “Déixase aberta a porta ás renovacións pero condicionadas a que o proxecto de investigación teña unha duración maior ou a que se concedan prórrogas”, sinala María Xosé Abuín (CIG-Saúde). Esta "temporalidade indefinida leva aparellada, para CIG-Saúde, "desvantaxes non só persoais de inseguridade e ansiedade, senón tamén de participación en procesos administrativos, financeiros e sociais incluíndo os propios do traballo como investigador". Ademais considera que “a inestabilidade dos investigadores é incompatible coa realización de proxectos ambiciosos”.

Para o sindicato, a norma dificulta "a continuidade de proxectos de investigación sanitaria que están en marcha e benefician ao conxunto da sociedade"

Ao entender da CIG-Saúde o decreto abusa, ademais, do termo “investigador distinguido”. Explica que a finalidade desta figura é a de captar investigadores de sona a cambio dun salario e unhas condicións de traballo e outros beneficios por riba dos que corresponden a un membro ordinario do persoal de investigadores. “É esa excepcionalidade a que xustifica a temporalidade do contrato, de forma similar aos contratos de alta dirección, na Lei da Ciencia. Transformar esa figura nun mecanismo para contratar investigadores ordinarios privándoos dos seus dereitos é un abuso”, sinala o sindicaro, que conclúe que o decreto impide que os investigadores e investigadoras "poidan adquirir estabilidade laboral e o dereito á continuidade no seu posto de traballo”.

En xaneiro, trala aprobación da devandita proposición non de lei no Parlamento o deputado do Grupo Popular Moisés Blanco destacaba que “con esta norma, Galicia volverá a ser pioneira en España, creando por primeira vez a figura do persoal investigador e incluíndoa no catálogo de postos de traballo da Administración autonómica, co obxectivo de favorecer a retención do talento científico”. Blanco salientaba que o persoal “poderá ser contratado a través dos entes públicos da Xunta que desenvolven o seu labor científico nos eidos da innovación e a sanidade, por un período de catro ou cinco anos dependendo do tipo de contrato”.

 

Sede da Consellaría de Sanidade © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.