O persoal investigador do programa Miguel Servet, esquecido pola Xunta

Sede da Consellaría de Sanidade © Xunta

O Goberno galego volveu rexeitar esta semana a posibilidade de regularizar e estabilizar a situación laboral dos 25 investigadores e investigadoras que dende hai anos traballan para a Consellería de Sanidade ao abeiro do programa Miguel Servet. Nun debate no Parlamento galego os grupos da oposición presentaron varias propostas neste senso, coma a de crear unha categoría de "persoal investigador” (BNG) ou de "científico sanitario titular" (PSdeG-PSOE) dentro das categorías estatutarias do persoal do SERGAS. Tanto unha coma outra foron rexeitadas polo portavoz do Partido Popular, Miguel Santalices, afirmando que non era posible legalmente. Porén, o BNG puxo á disposición do portavoz do PP un informe xurídico que confirma a posibilidade de crear esta “categoría de persoal investigador estatutario”.

A única alternativa ofrecida pola Xunta pasa por estender o vínculo laboral destes traballadores e traballadoras de primeiro nivel por outros cinco anos con novos contratos temporais

A única alternativa ofrecida pola Xunta pasa por estender o vínculo laboral destes traballadores e traballadoras de primeiro nivel por outros cinco anos con novos contratos temporais. Carmen Acuña, portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, cualificou esta proposta de "ofensa" e considerou “inaudito” que o PP e o goberno galego queiran “prescindir" e "comportarse desta maneira” cos 25 investigadores e investigadoras que, lembrou, manteñen dende hai 17 anos "unha situación provisional e anómala”, en situación de “autofinanciamento” a través dun programa xestionado polo Instituto Carlos III pero traballando para o SERGAS. Neste tempo, engadiu Acuña “proporcionaron coñecementos e patentes, desenvolveron técnicas e protocolos de mellora na atención e mesmo formaron a outros profesionais”.

Montse Prado, voceira do BNG, lembrou que hai anos que a Xunta se comprometeu a regularizar a situación destas persoas unha vez que superasen os prazos iniciais do programa. Prado salientou que “a temporalidade o único que crea son problemas e impide captar proxectos, que con toda probabilidade, recalcou, non concluíran debido ao remate do contrato laboral". De igual xeito, Acuña salientou que os investigadores e investigadoras do programa Miguel Servet “non piden un incremento de prazas, o único que solicitan é regular e legalizar unha situación laboral inxusta e absurda”.

CIG-Saúde reclamou que a creación da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde era unha oportunidade perfecta para dotar de estabilidade a este grupo de investigadores e investigadoras

Hai uns meses, no momento en que o Goberno galego presentou o seu proxecto para a creación da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde, CIG-Saúde reclamou que era unha oportunidade perfecta para dotar de estabilidade a este grupo de investigadores e investigadoras. "Debería ser o principal obxectivo da creación desta Axencia para seguir gañando en I+D+I”, sinalaba María Xosé Abuín. Porén, denunciaba, o decreto de creación da axencia implicaba manter en situación de “inestabilidade” laboral o persoal investigador, pois a súa continuidade estaría condicionada cada ano pola Lei de Orzamentos. "O gran nivel que teñen non debe ser abondo para o SERGAS, que pretende deixar no limbo normativo e na precariedade laboral a estes profesionais que nalgún dos casos levan catorce anos de traxectoria  investigadora no programa”, engadía.

 

"Non se pode investigar en temas complexos cando se achega a data de fin do contrato"

Os investigadores e investigadoras que están nesta fase en Galicia son persoal estatutario eventual do Sergas con renovacións cada dous anos cando deberían estar estabilizados

A situación actual destes científicos e científicas é a que se regulou para os primeiros 5 anos dos seus contratos. Este é o período denominado período de incorporación ou de proba, no que o investigador ou investigadora ten que demostrar a súa capacidade. Unha vez demostrada a valía, deberíase pasar á estabilización pero non se fixo. Os investigadores e investigadoras que están nesta fase en Galicia, 14 na actualidade, son persoal estatutario eventual do Sergas con renovacións cada dous anos cando deberían estar estabilizados. A necesidade de estabilización non só se deriva das normas legais xerais senón que a Consellería de Sanidade comprometeuse a realizala en convenios co ISCIII publicados no BOE en anos sucesivos.

Os traballadores e traballadoras afectadas levan tempo denunciando a situación na que se atopan e criticando a falta de interese do Goberno galego en regularizala. Mesmo acusaron o pasado mes de xuño ao Director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, de argumentar que "non temos dereito á estabilidade laboral, xa que se se nos estabiliza non producimos". Unha "acusación totalmente discriminatoria e humillante", en opinión deste colectivo.

"Os investigadores teñen dereito á estabilidade laboral como os demais traballadores. Teñen dereito a poder planificar o seu futuro e a poder crear unha familia"

"Nunha sociedade igualitaria e xusta, os traballadores teñen dereitos, e eses dereitos non dependen de que teñan escollido unha profesión concreta. Os investigadores teñen dereito á estabilidade laboral como os demais traballadores. Teñen dereito a poder planificar o seu futuro e a poder crear unha familia. Teñen que poder pedir un crédito ou solicitar unha hipoteca", salientan. Ademais, explican, esta situación está xa sendo un obstáculo para a calidade do seu traballo: "os investigadores que teñen competencia para dirixir proxectos realizan unha tarefa creativa e necesitan colaborar e interactuar con outros investigadores de calquera parte do mundo. A falta de estabilidade é un obstáculo para que desenvolvan estas funcións". "Non se pode ser creativo cando se está preocupado pola renovación de contrato. Non se pode investigar en temas complexos cando a data de fin do contrato se achega. É difícil liderar grupos de colaboradores internacionais cando non se sabe onde se estará o vindeiro ano", sinalan.

"É difícil liderar grupos de colaboradores internacionais cando non se sabe onde se estará o vindeiro ano"

Fan fincapé, finalmente, en que mesmo así "realizan o seu traballo con exemplaridade e excelencia. De feito, todos os indicadores teñen amosado unha mellora moi salientable dende o momento no que se empezou a investir algo mais en investigación, e os hospitais teñen experimentado un aumento moi notable da súa actividade investigadora dende a incorporación dos primeiros Miguel Servet en 1999". "Destes bos resultados fachendean e presumen os sucesivos gobernos da Xunta e os xestores do sistema sanitario galego", engaden.

Sede da Consellaría de Sanidade © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.