O Consello de Goberno deu luz verde ao inicio do proceso de implantación dos estudos de Medicina na Universidade de Vigo. Porén, deixou a decisión en suspenso durante un mes
Continúa o conflito pola xestión do Grao de Medicina nas universidades públicas galegas. Este venres pola tarde a Universidade de Vigo aprobou nunha sesión extraordinaria do seu Consello de Goberno a "expresión de interese" na implantación do Grao en Medicina na institución, é dicir, deu luz verde ao inicio do proceso de implantación destes estudos na entidade olívica. Porén, deixou a decisión en suspenso durante un mes.
Ese é o tempo que a Uvigo dá á Xunta e ás outras dúas universidades públicas do país para chegar a un acordo sobre a descentralización da docencia no segundo ciclo (4º, 5º e 6º curso) do Grao de Medicina, actualmente concentrada na USC.
O reitor da Uvigo, Manuel Reigosa, explicou que a aprobación desta expresión de interese busca "poñer unha data limite para que frutifiquen as negociacións" que as tres universidades galegas e as consellerías de Sanidade e de Educación, Ciencia, Universidades e FP levan desenvolvendo nos últimos meses na procura dun novo convenio para a descentralización da docencia que Reigosa ve “cada vez máis preto”. Este verán a Xunta propuxo crear na Coruña e Vigo unidades docentes de Medicina ampliando ao 4º e 5º curso a descentralización que xa existe en 6º.

O reitor da Uvigo, Manuel Reigosa, explicou que a aprobación desta expresión de interese busca "poñer unha data limite para que frutifiquen as negociacións" que as tres universidades galegas e a Xunta levan desenvolvendo nos últimos meses
A vindeira semana volverán reunirse os reitores para seguir negociando o acordo de descentralización, que "deberá cumprir unha serie de parámetros" que Reigosa tamén presentou ante o Consello de Goberno. A UVigo propón un acordo cunha duración de tres cursos académicos (fronte aos 10 anos do convenio anterior), ao final dos cales debería ser efectiva a “descentralización efectiva” da docencia de 4º, 5º e 6º do Grao en Medicina.
A figura para esta descentralización sería a creación dunha unidade departamental constituída por profesorado das tres universidades. Ademais, a UVigo solicita que, como mínimo, o 50% do profesorado vinculado que se contrate durante eses tres cursos académicos para impartir docencia na titulación de Medicina no Chuvi, farao coa UVigo.
A vindeira semana volverán reunirse os reitores para seguir negociando o acordo de descentralización. As tres universidades esixen que a Xunta se comprometa a impedir a posta en marcha de titulacións privadas de Medicina en Galicia
A Universidade de Vigo tamén esixe que “ademais da transferencia de fondos que realice o Sergas para ese profesorado, a Xunta de Galicia proveerá fondos para que a UVigo sexa compensada economicamente por fóra do plan de financiamento, de xeito que non implique custo algún para a entidade universitaria". Un punto, sinala Reigosa, que xa está acordado polas tres universidades. Sobre a contratación de profesorado vinculado, outra das solicitudes da UVigo é empregar non só prazas de titular e catedrático senón tamén de profesorado permanente laboral.
Outros dos puntos claves que debería ter este convenio, no que xa están de acordo os tres reitores, é que se esixe á Xunta de Galicia que se comprometa a impedir a posta en marcha de titulacións privadas de Medicina en Galicia.
A Universidade de Vigo comprométese a que mentres ese acordo estea en vigor, non fará efectiva a solicitude para implantar a Medicina en Vigo, agás que se incumpran as condicións pactadas no acordo. De ser así, a UVigo “sairíase automaticamente e sería libre para solicitar a titulación”.

Na sesión escoitáronse numerosas voces a prol da implantación do Grao de Medicina en Vigo, coma a da catedrática de Inmunoloxía África González, que reclamou que "hai que pedir a facultade xa” porque “Galicia necesita médicos e descentralizar a docencia non soluciona esta eiva”, xa que non implica un incremento das prazas. Ademais, a catedrática amosaba a súa desconfianza ante un novo acordo a tres anos, cando o anterior, que xa implicaba a descentralización de 4º, 5º e 6º “nunca se cumpriu porque a USC non o permitiu”.
O catedrático Jacobo Porteiro amosouse crítico co acordo de descentralización pois con el “o estudantado non sería da UVigo, é unha cesión demasiado importante, porque sería profesorado da UVigo impartindo docencia a estudantes da USC no Álvaro Cunqueiro, a 5 km de aquí, durante polo menos tres anos”. “Estamos deixando a posibilidade de que sexa un título compartido para demasiado adiante”, engadiu.