O Goberno galego propón a creación en Vigo e na Coruña de unidades docentes nas que se integren profesores das tres universidades. A proposta, sobre a que segundo a Xunta "existe un amplo consenso", pasa por ampliar ao 4º e 5º curso a descentralización que xa existe en 6º
Este xoves celebrouse en Vigo a terceira xuntanza do grupo de traballo que analiza as fórmulas para a descentralización dos estudos universitarios de Medicina en Galicia. No balance desta reunión, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reclamaron "xenerosidade" ás universidades de Santiago, A Coruña e Vigo para acadar un acordo "cara ao obxectivo común de garantir a mellor formación dos futuros médicos" e que signifique "a mellor fórmula para o conxunto do sistema universitario galego".
O Goberno galego propón para este fin a creación en Vigo e na Coruña de unidades docentes nas que se integren profesores das tres universidades. A proposta, sobre a que segundo a Xunta "existe un amplo consenso", pasa por ampliar ao 4º e 5º curso a descentralización que xa existe en 6º, tanto da docencia práctica como da parte teórica. No grupo de traballo haberá que concretar as porcentaxes de reparto desta docencia de cara a incrementar a porcentaxe que se establecía no convenio de 2015, fixada nun 15 %.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, manifestou o seu optimismo, sinalando que "existe un amplo consenso sobre as vías para descentralizar os estudos de Medicina"
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, manifestou o seu optimismo, sinalando que "existe un amplo consenso sobre as vías para descentralizar os estudos de Medicina". Despois de tres encontros, Rodríguez destaca que "hai avances e propostas concretas" que á volta do verán agarda pechar.
Román Rodríguez subliña que isto non afectará á investigación que se leva a cabo nas propias universidades, o que supón que os profesores seguirán vinculados aos centros de investigación nos que na actualidade levan a cabo o seu labor.
O responsable de Educación reclama que "todo o mundo ceda e sexa colaborativo para a acadar a mellor fórmula para Galicia, pero tamén para A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo".
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño destaca que "é necesario aproveitar ao máximo toda a capacidade formativa e todo o talento que existe nos hospitais galegos"
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño destaca que "é necesario aproveitar ao máximo toda a capacidade formativa e todo o talento que existe nos hospitais galegos", subliñando que cómpre "formar aos mellores médicos para o mañá co obxectivo de garantir a atención sanitaria á cidadanía".
A Xunta pide "altura de miras, xenerosidade e flexibilidade, porque será en beneficio dos estudos de Medicina e da mellor formación dos futuros médicos".