Despois de dúas semanas de intensa campaña electoral -e algunhas máis de precampaña-, o sábado previo aos comicios preséntase sempre como unha xornada de descanso para os candidatos, candidatas e en xeral para os representantes e mililtantes de todas as formacións políticas. A obrigada reflexión e a imposibilidade de realizar actos políticos ou pedir o voto limitan a actividade e permiten unhas horas de relaxación aos e ás líderes de todos os partidos.
Tomar un café tranquilo con amizades ou con simpatizantes, dar un paseo coa familia ou con coñecidos ou prácticar algunha afección persoal que nas últimas semanas tivo que ser necesariamente adiada foron algunhas das actividades que este sábado puideron levar a cabo as caras máis coñecidas da política galega.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, compartiron café coa militancia e integrantes da candidatura en Santiago, entre eles Suso de Toro ou a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín.
“Foi unha campaña intensa e emocionante", dixo Pontón, que sinalou que "agora o importante é que este 29N haxa unha gran mobilización, e que os galegos e as galegas falemos nas urnas cunha gran participación”. Pola súa parte, Rego dixo que a campaña nacionalista "foi en positivo e propositiva, enormemento ilusionante e na que percibimos unha gran receptividade cara ao BNG".
O resto de cabezas de lista do BNG tamén pasou a xornada de reflexión con amizades e familia. Carme da Silva indicou que pasará a xornada coa familia e fará unha visita ao Culturgal, en Pontevedra. Olalla Rodil pasou a xornada coa familia e amizades en Ribadeo, e o mesmo fixo Noa Presas en Ourense.
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, deu pola mañá un paseo por Lugo rodeado de familia e amizades e así pasará o resto da xornada, tomando algún café "con calma". "Hoxe é día de descansar e iso é o que imos facer. Eu, cando menos", apuntou, destacando este descanso "e falar doutras cousas" que non son política "tamén é moi necesario".
Besteiro sinalou que despois de varias semanas "moi intensas" saíndo de casa moi cedo e retornando moi tarde, hoxe "toca estar con eles". O líder dos socialistas galegos tivo tamén palabras para agradecer a militantes e voluntario, "toda a xente que fixo posible esta campaña", e tamén para as persoas que traballarán este domingo: persoal de seguridade, de Correos ou aos cidadáns e cidadás que estarán nas mesas electorais.
No resto do Estado, os candidatos tamén pasaron maioritariamente o día deste xeito, como o líder do PSOE, Pedro Sánchez, que pasou o sábado coa súa familia, ademais de practicar deporte, especialmente bici de montaña. Tamén Santiago Abascal (VOX) estivo coa súa familia, o mesmo que Ada Colau (FA). Pola contra, o candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo realizou unha polémica viaxe a Ceuta, de marcado carácter político.
Pola Fronte Ampla, a baionesa Verónica Martínez Barbero -número 4 por Madrid- apostou por unha das súas grandes afeccións, os xogos de mesa, en compañía de amizades para gozar da xornada de reflexión.Barbero participou nunha partida de Marvel en Vigo. A candidata destacou o valor deste tipo de ocio alternativo como ferramenta de convivencia e descanso. “Animo a todo o mundo a desfrutar deste tipo de actividades porque mesmo podes usar os xogos para aprender. Animo á xente a que se entreteña, a que desfrute e a que colla forzas. Porque mañá é un día moi importante", dixo