Fin de campaña: máis xestión da esquerda ou Vox na derradeira oportunidade de Feijóo

Diversos actos da campaña do 29N das principais forzas políticas CC-BY-NC-SA PSOE | PP | FA | BNG | Vox

Sánchez chega ás urnas presentándose como garante da continuidade das medidas sociais fronte a un "cambio" proposto novamente por Feijóo tras non logralo en 2023 que pasaría por un acordo coa extrema dereita

A crise da vivenda marcou o a convocatoria electoral deste 29N e o inicio da campaña, cunha folga xeral só dous días antes, pero o seu remate chega rodeado dunha sucesión de medidas sociais de todo tipo aprobadas a última hora polo Goberno de coalición de PSOE e Sumar. Unha serie de decisións que tanto os socialistas como os seus socios de esquerdas agora unidos na Fronte Ampla poñen como exemplo ou promesa do que farían se recuncan no Executivo.

Manter a mesma xestión da esquerda, como tentou transmitir Pedro Sánchez no debate cara a cara con Feijóo, ou o "cambio" que promete o ex-presidente, parecen ser as dúas opcións o 29N. O marco ficou aínda máis fixado no debate a catro bandas deste xoves. Pero a posibilidade de que Feijóo logre, como pide nos mitins, o "traballo" de presidente do Goberno pasa, segundo todas as enquisas mentres se puideron publicar por un acordo bipartito con Vox. É a súa segunda oportunidade, tras non darlles as contas en 2023, e non semella que vaia ter unha terceira.

Abascal observa a Feijóo durante a investidura fracasada do ex-presidente en 2023, nunha imaxe publicada daquela por Vox Dominio Público Vox

Na esquerda Pedro Sánchez tentou presentarse no debate con Feijóo como un bo xestor de políticas sociais e como un estadista serio nun mundo convulso. O bo xestor para a cidadanía é el, veu dicir, fronte a unha dereita e extrema dereita que propón medidas ideolóxicas de dubidoso resultado. Nesa mensaxe incidiu no encontro televisivo a catro, no que Ada Colau pola Fronte Ampla se presentou como garante de ir alén nesa xestión.

As formacións á esquerda do PSOE, como Fronte Ampla ou BNG, atribúense a presión necesaria para que os socialistas fagan políticas verdadeiramente progresistas

Nesa idea de xestión social coñecida fronte o risco da dereita habería que situar tamén as medidas tomadas polo Consello de Ministros nestas últimas semanas, desde as primeiras decisións fronte á crise da vivenda ata as ampliacións de permisos laborais ou a simplificación do IVE para autónomos e pequenos negocios, pasando polo reforzamento do dereito ao aborto. Uns dereitos sobre os que Sánchez advertiu expresamente, por exemplo no seu multitudinario mitin en Santiago, "que difícil é conquistalos e que fácil é arrebatalos".

Pero para o resto da esquerda á marxe do PSOE eses dereitos teñen máis que ver coas súas presións que coa propia vontade dos socialistas. Diso presume tanto Sumar e súa herdeira Fronte Ampla como, en Galicia, o BNG. Os primeiros, como o PSOE, esgrimiron nesta campaña as súas políticas no Goberno de España como aval para continuar nel. Os nacionalistas, pola súa banda, cren que sen condicionar eles desde fóra a ese Executivo non se lograrían tantos avances para Galicia.

Mitin do PSOE no Fontes do Sar de Santiago o pasasdo 20 de novembro CC-BY-NC-ND Eva Ercolanese / PSOE

"Hai que perseverar neste avance", dixo en varias ocasións da campaña Sánchez. Case tantas como Feijóo pronunciou "cambio". Un xiro á dereita que para el suporía lograr o "traballo" que pediu expresamente á cidadanía, por exemplo, no mitin que deu no Multiusos do Sar en Santiago. "Veño pedir traballo", dixo, lembrando que no mesmo sitio hai catro anos pedira "permiso" para deixar a Xunta e presidir o PP estatal. 

Persevere Sánchez na súa xestión ou logre Feijóo o cambio a políticas de dereitas, todo apunta a que este 29N será para un dos dous a súa derradeira xornada electoral. Pero especialmente para o ex-presidente

Desde aquela Feijóo xa tivo unha oportunidade de obter ese novo traballo, en 2023, pero malia lograr o apoio de Vox non obtivo os votos suficientes da maioría do Congreso. E antes mesmo renunciara a tentar ter esa oportunidade, cando en 2018 rexeitou competir pola sucesión de Mariano Rajoy. 

Agora, pola contra, Feijóo si quere esta nova oportunidade, segunda ou terceira malia que el a presente como un fito único, como fixo nunha entrevista en ABC o pasado luns. "Non podo fallar, non vou ter unha segunda oportunidade", dixo, obviando 2023. 

Ana Pontón e Néstor Rego, do BNG, e Ada Colau, Yolanda Díaz e Ernest Urtasun, da Fronte Ampla CC-BY-SA BNG / Fronte Ampla

O "cambio" para o que Feijóo pide a súa oportunidade inclúe emendas de todo tipo á "xestión" de PSOE e Sumar, desde un maior (neo)liberalismo económico ata a restrición de dereitos como o aborto e a eutanasia. Pero esas emendas poden ir moito máis alá segundo o que pida e obteña Vox se as urnas lles permiten sumar maioría absoluta. 

Atendendo ao asegurado por Feijóo en televisión,  29N tamén se votaría se finaliza a carreira iniciada nos corredores de San Caetano hai agora 35 anos

A extrema dereita está no seu momento de maior poder desde a ditadura e o seu programa é máis unha impugnación do sistema que o "cambio" dentro do mesmo que propugna Feijóo. Persevere Sánchez na súa xestión ou logre Feijóo o cambio a políticas de dereitas, todo apunta a que este 29N será para un dos dous a súa derradeira xornada electoral. 

Este escenario, agora ou nunca, semella especialmente probable para o ex-presidente galego, a quen as forzas internas e externas da dereita non estenderán un novo contrato se a aritmética que saia o domingo das urnas non o leva á Moncloa. No que quixo presentar como un reto a Pedro Sánchez, pero que chegado o caso serviría tamén para presentar como unha lección final de exemplaridade, Feijóo respondeu a pregunta do socialista en televisión sobre se aceptará en calquera caso o resultado electoral afirmando que, no caso de non ser investido, dimitirá do liderado do PP e do escano. O 29N tamén se votaría, daquela, se finaliza a carreira iniciada nos corredores de San Caetano hai agora 35 anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.