"O BNG é quen está en mellores condicións para frear á dereita: disputamos escanos a Vox e PP"

Néstor Rego, cabeza de cartel da candidatura coruñesa do BNG, na cidade vella da Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

Néstor Rego fai un balance "necesariamente positivo" das súas dúas lexislaturas como deputado do BNG no Congreso. Dá por "en gran medida, cumprido" o acordo de investidura asinado co PSOE en 2023 no marco dunha "folla de servizos" que ao seu xuízo é o mellor aval para que a formación soberanista concorra ao 29N como "opción sólida e confiábel" malia "á idea presidencialista" que, lamenta, adoita acompañar as eleccións xerais, nas que recunca como cabeza de cartel do Bloque pola Coruña. Nesta campaña, explica, piden ao electorado "máis forza" para "ter unha posición que nos permita obrigar o Goberno a que cumpra con Galiza" e exercer como "a esquerda galega que move as cousas" e "permite avanzar en dereitos sociais e democráticos" mentres "frea á dereita e á ultradereita".

Remata o seu segundo mandato como deputado no Congreso, tamén a segunda lexislatura cun pacto de investidura do BNG co PSOE. Cal é o seu balance, tanto do desempeño parlamentario do BNG como dese acordo?

"O BNG ten unha folla de servizos con decisións que o Goberno central adoptou porque prememos para que saísen adiante. Que conseguiu o PP para Galiza? Nada que non sexa avergoñarnos con actuacións impresentables e votar en contra dos intereses do noso país"

O balance ten que ser necesariamente positivo. O elemento diferencial do BNG a respecto das forzas de ámbito estatal, como é habitual, foi que chegou a Madrid despois das eleccións e colocou sobre a mesa un paquete de medidas para resolver os principais problemas deste país. E esa proposta acabou frutificando nun acordo de investidura que, en grande medida, está cumprido. É verdade que o balance ten luces e sombras porque houbo elementos que o Goberno non sacou adiante en tempo; preocúpame que, como consecuencia do adianto electoral, medidas relevantes que estaban xa maduras ficasen no aire. Por exemplo, a quita da débeda de 4.010 millóns de euros que o BNG negociou coas características da Galiza, que é unha débeda fundamentalmente coa banca privada e que representa 33% da débeda do noso país. Estaba en tramitación e haberá que retomala na próxima lexislatura. E, por outro lado, o estudo e a implantación das cercanías ferroviarias. O estudo está a piques de rematar e o compromiso era que en febreiro se declarasen os primeiros núcleos de cercanías do noso país nas áreas urbanas e metropolitanas e, a partir de aí, irían aumentando os servizos. É unha medida moi relevante que, de todas formas, nos preocupamos de meter cunha emenda na Lei de Mobilidade Sustentábel; ese servizo de tren de proximidade é unha obriga, polo tanto, para calquera goberno. 

Hai outras cuestións que saíron adiante: a transferencia da AP-9, novas bonificacións de até 75% tamén na AP-53. No ámbito social, cos xulgado de violencia de xénero en Santiago de Compostela, Ourense e Lugo e reforzados na Coruña e Vigo; subir as pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC, subir os recursos para a Lei de Dependencia, subir os permisos de paternidade e maternidade ás 19 semanas aínda que no acordo de investidura tiñamos 20 pero en todo caso é un avance... Pero os problemas deste país son tan grandes que hai que seguir traballando para darlles solución.

Néstor Rego fai balance do labor do BNG no Congreso e contrástao co dos deputados e deputadas do PP polas circunscricións galegas CC BY-NC-SA Praza.gal

Unha das principais críticas do Partido Popular cara a vostede como deputado e cara ao BNG no Congreso é que foron "moi mansos" con Pedro Sánchez e que houbo votos seus "a cambio de nada". Como confrontan esta dialéctica, máis alá de exhibir eses acordos aos que se refire?

A propia realidade desmente iso. O BNG ten unha folla de servizos, hai decisións que adoptou o Goberno central motivadas por que o BNG as meteu nun acordo de investidura e estivo premendo para que saísen adiante. O Partido Popular non pode acreditar o mesmo; eu pregunto, que conseguiu o Partido Popular para Galiza? Que conseguiron os deputados e deputadas galegas do PP para o noso país? Cero, absolutamente nada que non sexa avergoñarnos a todos os galegos e galegas con actuacións impresentables, indecentes, como as habituais intervencións nese ton macarra de Tellado ou actuacións como a do gas pementa de Ana de Bande... A política tóxica do PP. Hai afirmacións que non se sosteñen. Eu si podo podo acreditar que o PP votou reiteradamente en contra dos intereses de Galiza: da quita da terceira parte da débeda que ten o noso país ou da transferencia da AP-9, tentou suprimir cunha emenda no Senado a obriga que introduciu o BNG para que se implantasen as cercanías ferroviarias nas cidades galegas... Sistematicamente optou por seguir as directrices de Madrid en vez de defender o noso país. Mentres, o BNG naquilo que prexudica a Galiza non tivemos ningún inconveniente en manifestarnos en contra ou mesmo en votar en contra. Por exemplo, na proposta de novo financiamento que era gravemente lesiva para o noso país.

Refírese á lei da AP-9, que por primeira vez non quedou no cartafol de asuntos para a seguinte lexislatura. A lei está aprobada, pero tamén pendente dunha negociación coa Xunta. Como ve o panorama? Máis alá da configuración que haxa tras o 29N, Rueda dixo que así non a quere...

El terá que explicar por que. É  habitual que o PP utilice a mentira, a demagoxia, a manipulación para defender posicións que doutra forma serían absolutamente indefendíbeis. A realidade que a lei que se aprobou de transferencia da AP-9 respecta os termos que en catro ocasións foran acordados por unanimidade no Parlamento de Galiza, por tanto, tamén co PP. Queda moi claro e dínolo informes dos letrados tanto do Congreso como do Senado: a asunción das consecuencias de todas as decisións que adoptou o Estado corresponden ao Estado e nunca á Administración galega. Por exemplo, unha prórroga de 25 anos que fixo o Partido Popular e que hoxe sabemos que é ilegal. Por tanto, o PP está facendo demagoxia cando o que corresponde é simplemente concretar o que di a lei na Comisión Mixta de Transferencias, como é habitual nestes casos. O que espero é que o PP dende o Goberno galego non paralice unha transferencia que a sociedade galega leva décadas reclamando.

É un alivio tamén sacar isto de enriba da mesa? Pregúntollo doutra maneira: a AP-9 comeu demasiado esforzo e demasiado espazo da axenda galega no Estado?

"O debate da AP-9 é importante e de xustiza, porque o PP nos condenou a pagar peaxes, o BNG conseguiu bonificacións e temos o obxectivo de que se libere (...) Come moitas veces marxe para cuestións tamén moi importantes, como a prioridade que debemos dar ao transporte público, especialmente o ferroviario"

Estou convencido de que si  É é moi importante porque porque estamos falando dunha vía que estrutura todo o eixo atlántico, onde se concentra a maior parte da promoción e a maior parte da actividade económica do noso país e cunhas peaxes moi elevadas que gravan negativamente ás familias, aos traballadores e traballadoras, aos pequenos autónomos e mesmo ás empresas. É importante e unha cuestión de xustiza, porque todas as autoestradas da xeración da AP-9 xa están libres de peaxe e os galegos e galegas temos que continuar pagando por unha decisión que adoptou o PP no ano 2000: condenounos a pagar peaxes e o BNG conseguiu bonificacións que implican que os usuarios e usuarias recorrentes de cada 4 euros só pagan un. Pero iso non obvia que o obxectivo central sexa que na AP-9 acabe a concesión e se libere definitivamente de peaxes.

Volvendo á pregunta: este debate come moitas veces marxe para outras cuestións que tamén son moi importantes. Por exemplo, a prioridade que debemos dar ao transporte público, especialmente o ferroviario, que é moi deficitario no noso país e, por tanto, é imprescindíbel melloralo e niso tamén estivo traballando o BNG. Falabamos antes de que fomos a única forza política que colocou na axenda a cuestión do tren de proximidade; preocupámonos tamén de negociar a mellora de servizos, tanto no eixo atlántico como na conexión A Coruña-Santiago-Ourense; de feito, dende o 15 de outubro aumentaron as prazas e as frecuencias. Pero hai que seguir traballando en modernizar as redes ferroviarias internas, recuperar frecuencias, conectar cidades como Santiago e Lugo ou ou conectar Vigo coa fronteira portuguesa para, no futuro, ter unha conexión directa coa alta velocidade portuguesa. Claro que para nós a prioridade é o transporte público, especificamente o ferroviario, que ademais sabemos que cando se fala de transición ecolóxica e enerxética, iso implica que no ámbito do transporte a aposta teña que ser xustamente por ese modo de mobilidade que é o máis eficaz, o máis eficiente e o máis sustentábel.

Rego analiza a importancia da aprobación do traspaso da AP-9 e as tarefas pendentes ao respecto, así como o impacto dun debate tan prolongado sobre outras cuestións galegas no Estado CC BY-NC-SA Praza.gal

Porque unha gratuidade da AP-9 sen unha alternativa ferroviaria fiable e de garantías pode acabar sendo contraproducente nesa axenda climática absorbendo unha maior demanda...

"A descarbonización da mobilidade require o paso previo de dotar con transporte público suficiente"

Todo isto isto temos que telo en conta para non quedar en discursos simplistas. Efectivamente, nós estamos a favor da descarbonización da mobilidade. Mais iso pasa por que primeiro se poñan os medios necesarios, especialmente nun país que ten a configuración que ten, con moita dispersión territorial e moito déficit de transporte público non só para pasaxeiros, senón tamén para mercadorías. Por exemplo: estivemos impulsando os investimentos no corredor atlántico de mercadorías, estivemos batallando para que Galiza non ficase atrás nas chamadas autoestradas ferroviarias ou metemos no acordo de investidura en 2020 a conexión ferroviaria co Porto Exterior da Coruña, que está agora en probas. A descarbonización require o paso previo de dotar de transporte público suficiente para que todo o mundo teña alternativa: o outro día falábamos cunha muller que utiliza a AP-9, que nos dicía que a ela lle viñeron moi ben as bonificacións porque vive no Grove, traballa en Santiago e entra a traballar ás oito da mañá. E dixo: "A min gustaríame ir en ferrocarril a Santiago de Compostela pero é imposíbel, porque non chegaría ao traballo". 

Hai análises que presentan estas eleccións como eleccións de época, como un punto de inflexión. Tamén como unha carreira nese lugar común da polarización. Non sei isto as converte en máis pseudo-presidenciais do habitual e polo tanto, formacións coma o BNG teñen que facer un esforzo extra para dicir que non son presidenciais, que son outra cousa aínda que exista esa tensión. 

"Estamos disputando directamente escanos tanto a Vox como ao PP"

Acabamos de velo cun debate que transmitiu esta idea de que son case unhas eleccións presidenciais. Na realidade o que escollemos son deputados e deputadas. E nese sentido o BNG é a forza máis útil que pode ter este país porque é a que defende todos os días os intereses dos galegos e galegas e a que defende políticas sociais realmente avanzadas e  transformadoras que, por certo, en moitos casos non fixo este Goberno incumprindo as súas propias promesas. E, ademais, o BNG é quen está neste momento en mellores condicións para frear á dereita e á ultradereita, porque está disputando directamente escanos, tanto a Vox como ao Partido Popular nas circunscricións do noso país. E claro que temos que facer un esforzo extra, porque o BNG está opacado por esa atención mediática que está permanentemente focalizada en Madrid e nas forzas de ámbito estatal. Pero a iso xa estamos afeitos e creo que co impulso da xente, co traballo da militancia e da nosa base social estamos rompendo ese cerco mediático e chegando cada vez a maiores segmentos da poboación que entenden que votar ao BNG pode, neste contexto, facer unha grande diferenza para o futuro do noso país.

A conversa pública está moi instalada en se PP-Vox si ou non, é a gran cuestión agora mesmo. O feito de diciren claramente que o BNG en ningún caso vai facilitar un Goberno da dereita coa extrema dereita enfraquece as posicións negociadoras, podéndose dar por feito de que se os números dan, haberá un "si" a unha investidura de Pedro Sánchez? 

En absoluto. Nós temos dous compromisos que expresamos de maneira reiterada. Un é que se do BNG depende non van gobernar nunca a dereita ou a ultradereita. Até agora cumprimos e ímolo seguir facendo. O outro é que nunca imos dar un cheque en branco a ninguén que queira os votos dos deputados e deputadas que vai ter o BNG despois do 29 de novembro. Vai ter que sentar negociar medidas positivas para o noso país e ademais nós o que facemos agora é solicitar á sociedade galega que nos dea máis forza, máis capacidade de negociación. Porque non se trata só de acordar, senón de ter unha posición que nos permita obrigar o Goberno a que cumpra con Galiza, que non se esqueza daquelas medidas que que son necesarias para que a sociedade galega avance. Fronte a aqueles que queren que haxa un retroceso e fronte aqueles que avanzan só se hai quen os presione e incumpren moitas veces os compromisos, como derrogar integramente a reforma laboral do PP ou a Lei Mordaza, que presentan medidas para resolver a crise habitacional necesarias, pero claramente insuficientes, o que temos é unha alternativa, a esquerda galega que move as cousas para adiante, que permite avanzar en dereitos sociais e democráticos e ademais, frear a dereita e a ultradereita no noso país.

Rego valora as posibilidades de que o BNG teña máis representación no Congreso tras o 29N CC BY-NC-SA Praza.gal

O desencadeante destas elección foi precisamente a cuestión da vivenda. Ata que punto é paradoxal que a posible alternativa de Goberno sexa o ex-presidente Feijóo, cun balance en vivenda no noso país moi discreto? 

"A inacción de Feijóo está por tras de gran parte do problema que temos hoxe de vivenda"

Non ten credibilidade ningunha. Porque, efectivamente, dixo que ía construír un millón de vivendas, mais o balance de Feijóo como presidente no noso país é desastroso en materia de vivenda pública. De feito, esa inacción está por tras de gran parte do problema que temos hoxe de vivenda, de que que non houbese vivenda pública e particularmente en réxime de alugueiro. Nos primeiros anos de goberno Feijóo aínda se beneficiou da inercia das que deixou programadas o BNG desde a Consellería de Vivenda, pero por exemplo no ano 2015 entregaron dúas vivendas protexidas; no ano de 2024, xa con Rueda, cinco. De 2015 a 2022 entregaron quince vivendas públicas en réxime de alugueiro. E peor aínda: Feijóo ten un récord excepcional, incumprir unha promesa electoral mesmo antes das eleccións. Un día di que van construír un millón de vivendas e catro días despois, que el non dixo iso, que o que dixo era que había que construílas pero non que as fose facer el. Xa sabemos que en materia de vivenda, cero credibilidade para Feijóo e para o PP.

Nese sentido, cre que a Feijóo, por así dicilo, agora xa o coñecen en Madrid? Unha das cuestións que se comentaban moito en 2023 era que a sona de moderación ou centralidade ía caer unha vez que estivese no ámbito estatal. Pero estes días vemos, por exemplo, análises do debate [con Pedro Sánchez] apuntando a que emulou a Ayuso ou a Abascal...

Nós levamos dende 2022, cando pasou a ser presidente do PP, cada vez que nos dicían "é bo xestor e moderado", respondendo: "Non o coñecedes, nin moderado nin bo xestor". En todo caso, bo xestor para as empresas amigas do PP, pero non para a defensa do público. Puxemos exemplos dende a xestión da educación e a sanidade, da privatización dos servizos sociais... E tamén esa falsa moderación que abraza "Galiza, Galiza, Galiza" cando chegan as eleccións, pero despois non ten ningún problema en aliarse con sectores máis ultras para atacar a nosa lingua ou para defender a España como na famosa foto de Colón, sen ningún problema. Hai moita xente que xa descubriu iso. Pero en todo caso, eu creo que aínda puidemos constatar no debate [con Pedro Sánchez] que algunhas informacións sobre os resultados prácticos da xestión de Feijóo non deberon chegar aínda ou non deberon ser tomadas en consideración, porque poderían ser utilizadas precisamente para desacreditar esa idea que está trasladando o PP de que a Feijóo o avala unha boa xestión en Galiza.

Falaba antes en plural da futura representación do BNG no Congreso. Entendo que dan por feito que non vai estar só na próxima lexislatura...

"Entendemos que haxa quen no pasado votou forzas que conformaron o Goberno e poida haber decepción por incumprimentos. Pero iso non pode implicar ficar na casa, beneficiaría o avance das dereitas. E aquí hai unha alternativa que poden votar con absoluta confianza"

Damos por feito que imos ter máis representación porque non é que o digan as enquisas, é que o estamos percibindo na rúa. Hai unha corrente crecente de simpatía cara ao BNG; non podemos prexulgar cantos deputados e deputadas imos ter, pero si temos a certeza de que o BNG é a forza que está medrando e por tanto, tamén a que está en mellores condicións para fortalecer a capacidade negociadora que teña a Galiza e frear a dereita e ultradereita. E aí o que facemos é dirixirnos á sociedade galega, particularmente a todos aqueles sectores que, votasen a quen votasen no pasado, queren que Galiza conte e que non haxa un Goberno de involución democrática. Podemos entender que se no pasado votaron as forzas que conformaron o Goberno poida haber decepción con incumprimentos desas forzas, pero esa decepción de ningunha forma pode implicar ficar na casa. Porque iso sería o que beneficiaría un avance das dereitas ultra. Aquí hai unha alternativa que poden votar con absoluta confianza de que non vai fallar a este país, que é o BNG. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.