En Zúrich, París, Londres, Bos Aires, Roma e mesmo Panamá... As sedes das embaixadas e dos consulados españois repartidos polo mundo rexistraron importantes colas durante a fin de semana na que se abría o prazo para votar en urna nas eleccións xerais deste 29N.
Persoas galegas emigradas coinciden en destacar a elevada afluencia de votantes nos consulados españois esta fin de semana: "Nunca tal se viu"
Coa posibilidade aberta ata o vindeiro xoves 26, son varias as persoas residentes no estranxeiro que coinciden en sinalar que "nunca tal" afluencia viran desde que a hai catro anos a lei permite o voto presencial en urnas consulares sen necesidade de que sexa rogado. Con esperas de ata dúas horas e centos de persoas en ringleira desde ben cedo.
Aconteceu, por exemplo, en Zúrich, tal e como relata Pablo Diego Dios, un dos galegos que fixo cola en Suíza, ao igual que moitos outros en Reino Unido, Francia, a Arxentina ou o Brasil. "Podemos votar exactamente igual que en España: por correo ou de xeito presencial no consulado; nas mesas están as papeletas dos partidos en todas as provincias e, co papel do censo que recibes no domicilio, identifícaste e votas sen problema ningún", explica sobre un proceso que veu aumentando en garantías, facilidade e limpeza nos últimos anos.
Malia todo, a elevada afluencia de votantes aos consulados —que seguía este luns— volveu erguer a sombra dun suposto pucheirazo alentada nas redes por activistas, medios e axitadores de dereita e extrema dereita. Ese hipotético fraude electoral é denunciado agora con alusións falsas (e racistas) á elevada presenza de persoas teoricamente non españolas nas ringleiras ou suposicións que vinculan a elevada participación en urna no exterior ao descontrol no censo electoral.
As longas colas volveron erguer a sombra do 'pucherazo' alentada pola dereita e os ultras, malia o aumento nas garantías do voto exterior nos últimos anos
En Londres, a espera superou as dúas horas, tal el como explican algúns galegos que aseguran que era "a primeira vez que se vía algo así". O luns, houbo quen tivo que agardar unha hora. "Obviamente, o factor principal é que a xente semella ter ganas de votar e que hai moita mocidade que o fixo", explica María Sabarís, xornalista residente na capital británica desde hai anos. Ela, ademais, engade outras causas que poden explicar unha afluencia tan masiva aos consulados: "É a primeira vez que o voto non rogado está interiorizado; nas anteriores xerais acabábase de aprobar, moita xente nin se decatara e moita outra non tiña actualizada o censo", explica.
Ademais, advirte de que votar nun edificio consular "é máis doado" porque o funcionariado "resolve dúbidas" e "axuda" a moitas persoas ás que lle pode faltar algún trámite ou papel ou que, simplemente, "non saben exactamente como facelo".
Pablo, en Zúrich, botou máis de hora e media agardando fóra e 40 minutos máis dentro do consulado, logo de que o persoal —tras o acordo de todos os partidos con representación nas mesas electorais— optase por ampliar o horario para non deixar ducias de persoas sen exercer o seu dereito ese día, moitas delas chegadas en coche desde localidades próximas. O mesmo ocorreu en Londres o sábado. "Ampliaron o horario para atender a todo o mundo", explica Sabarís.
Galegos que votaron en Londres e Zúrich explican que "nunca" viran tanta xente acudindo a votar e advirten dunha gran mobilización
"Con estas son tres as convocatorias electorais nas que veño ao consulado; nas dúas anteriores había dúas ou tres persoas, se cadraba, e apenas había que agardar. Desta volta a xente ocupaba toda a rúa e o interior do consulado, era unha tolemia", relata este galego emigrado en Suíza sobre unha escena que se repetiu en moitas máis sedes consulares por todo o mundo.
De feito, o BNG pediu este luns á Xunta Electoral "medidss urxentes" para facilitar o voto da emigración ante as "longas colas" nos consulados e denunciou as "dificultades" para exercer o dereito polo "reducido" número de lugares habilitados e "incidencias" coa documentación electoral.
Máis de medio millón de galegos no CERA
O alto interese e forte mobilización explican a elevada afluencia das persoas inscritas no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) que, para o caso das circunscricións galegas, supón máis de 515.000 persoas.
É a cifra máis alta de todas as autonomías e tendo en conta o total, sen as persoas excluídas polo Supremo, que suspendeu cautelarmente o voto para as persoas que adquiriron a nacionalidade pola lei de netos, aínda que non para os seus fillos e fillas. Moitas delas acoden igualmente a votar e depositan a súa papeleta, pero é xestionada á marxe e non incluída nas urnas nin no escrutinio oficial, á espera de que se resolva o fondo do asunto, tal e como permitiu o Supremo e como se informou aos votantes do estranxeiro por carta.
Ata hai menos de 20 anos, o voto exterior era un "descontrol descomunal" que permitiu votar a persoas falecidas, recollidas masivas e pagadas de papeletas ou tráfico de sacas con sufraxios
Froito da instrución que outorga a nacionalidade a persoas exiliadas por razóns políticas ou ideolóxicas tras o golpe e durante o franquismo, e tras a suspensión do seu dereito a voto a instancias de Vox e outras entidades de ultradereita, o PP apuntouse desde hai xa tempo a espallar a sospeita de fraude e a sinalar o voto exterior, como agora fan axitadores e movementos organizados en redes. Mesmo advertindo agora de que os votantes excluídos cautelarmente tamén depositan os sufraxios en urna, advertindo dun posible risco de incluílos no total. Fontes consulares xa aclararon que non hai dúas urnas e que estas papeletas gárdanse á marxe.
Tamén Núñez Feijóo sinalou o actual sistema do voto exterior, malia que durante a súa etapa política en Galicia foi testemuña directa da evolución do sistema de voto emigrante, que pasou de carecer de mínimas garantías e permitir mesmo o voto de mortos en Galicia a instaurar un método moito máis transparente e seguro.
"Tráfico de sacas, recollidas masivas e pagadas de papeletas, intervencións ilexítimas de gobernos alleos, participación de persoas xa falecidas e, en xeral, un descontrol descomunal xestionado por empresas de correos estranxeiras". Así resumía a situación do voto da diáspora galega ata hai menos de dúas décadas en Praza.gal Anxo Lugilde, un dos xornalistas con maior coñecemento do sistema e autor dun dos libros de referencia ao respecto.
Irregularidades e cambios
Era máis común, pero as irregularidades non acontecían só en Latinoamérica. Informacións xornalísticas probaron, por exemplo, a emisión de votos para as circunscricións galegas no nome de persoas emigradas que xa faleceran ou a facilidade para que unha soa persoa votase no nome doutras moitas sen maior control. Non hai tanto, mesmo en Europa. A principios de século, en cidades como Londres, persoas emigrantes lembraban aínda o transporte de sufraxios sen control por parte de responsables de centros galegos mentres residentes temporais nin tan sequera recibían as papeletas malia térense inscrito no consulado para acceder a elas.
Naquela altura, Feijóo prometía dende a oposición en Galicia o voto en urna con garantías semellantes ás da Galicia interior se vencía nuns comicios galegos, os de 2009, para os que o voto CERA contou por primeira vez cunha mínima garantía de seguridade: anexar unha fotocopia do DNI co sufraxio para, cando menos, acreditar que a persoa que votaba seguía viva.
A introdución desa mínima garantía implicou un primeiro descenso da participación electoral do CERA, caída que sería aínda máis abrupta a partir de 2011 (de máis do 35% a arredor do 4% dunhas xerais a outras), cando PP e PSOE pactaran unha reforma electoral para introducir o voto rogado, isto é, que as persoas inscritas no censo exterior tivesen que solicitar expresamente participar en cada proceso electoral. A mudanza, concibida para escorrentar a fraude, inseriu prazos moi axustados e tratamentos idénticos para situacións moi dispares (por exemplo, emigración recente con descendentes e sistemas postais diferentes entre si).
A introdución do voto rogado provocou unha abrupta caída da participación no exterior, o que levou a suprimilo e aprobar unha nova norma que depurou o censo e aumentou as garantías
Foi daquela cando PP, PSOE e o propio Feijóo instaron a suprimir o sufraxio rogado axiña. Acontecería en 2022, a partir dunha proposición de lei do PSOE con Unidas Podemos. A nova norma suprimiu o voto rogado, pero introduciu un plan para depurar o censo —histórica demanda para, entre outros aspectos, eliminar persoas falecidas— e novos procedementos, como recibir os sobres de votación sen solicitude previa e poder descargar as papeletas de internet para votar en urna en embaixadas e consulados ou ben por correo, co voto enviado á embaixada ou consulado levando anexas copias do carné, do certificado de nacionalidade ou da inscrición consular.
Este novo sistema estreouse nas eleccións xerais de 2023. No caso galego a participación aumentou, pero quedou moi lonxe das cifras espectaculares do fraguismo e os resultados foron vitorias esmagadoras do PP. No conxunto do Estado os máis votados tamén foron os populares e a única repercusión dos sufraxos chegados do estranxeiro foi que os socialistas perderan un escano pola provincia de Madrid en beneficio dos de Feijóo, un só asento no Congreso que así e todo tivo relevancia política ao obrigar a Pedro Sánchez a conseguir o "si" de Junts á súa investidura, sen que fose dabondo cunha abstención.
Feijóo propuxo en precampaña exixir un período mínimo de residencia en España para poder votar, o que retiraría do CERA milleiros de cidadáns galegos con dereito a voto
Ao ano seguinte, en 2024, as primeiras eleccións galegas tras a fin do voto rogado rexistraron unha participación semellante á das xerais entre os membros do CERA, apenas un 6%, e implicaron tamén unha ampla vitoria do PP que non moveu escano ningún. Catro anos antes, en 2020, si se movera un deputado (a prol do PP e en prexuízo do PSOE).
Nesta precampaña, Feijóo propuxo exixir un período mínimo de residencia en España como condición para exercer o o sufraxio. "Unha cousa é ter o pasaporte e outra ter dereito a voto", dixo, aludindo a unha condición que retiraría do CERA milleiros de cidadáns galegos con dereito a voto que nunca residiron en Galicia.
Ao tempo, a dereita e a extrema dereita (e os seus satélites mediáticos e en redes) seguen a espallar a teoría da fraude e do pucherazo. Supoñendo que a alta participación no voto exterior pode beneficiar a esquerda —unha máxima que anteriores eleccións e mesmo testemuños actuais na diáspora non referendan— e mesmo alertando dun sistema electoral exterior pouco fiable.
Vox espalla a dúbida
Aínda este luns, Vox enviou unha petición urxente á Xunta Electoral Central para que controle diariamente o voto exterior, que cada consulado comunique cantos sobre recibe por correo, cantos electores votan de maneira presencial e que numeración se asigna á documentación electoral. Co obxectivo, din, de que non haxa incorporacións masivas de sufraxios nas últimas xornadas sen poder comprobar a súa procedencia.
Mesmo na diáspora galega hai voces que non dubidan en sinalar o sistema electoral. Malia que teñen o dereito a votar por correo ou en urna, coa debida identificación do censo e da residencia. Sen ter que introducir o voto en sacas ou mochilas sen control, mesturado con sufraxios de persoas xa falecidas ou podendo exercer o dereito varias veces. Como non hai tanto tempo.