"Nunca houbo 382.568 españois, 114.625 deles galegos, que participasen nunhas xerais desde o estranxeiro. (...) O que si ocorreu (...) é que chegaron do exterior 382.568 votos, 114.625 deles galegos, emitidos no nome doutros tantos electores residentes alén das fronteiras. Nunha parte significativa, imposible de cuantificar, esas cifras reflicten o irregular traballo das maquinarias de PSOE e PP na diáspora, nomeadamente no Río da Prata. Abranguía o tráfico de sacas, recollidas masivas e pagadas de papeletas, intervencións ilexítimas de gobernos alleos, participación de persoas xa falecidas e, en xeral, un descontrol descomunal xestionado por empresas de correos estranxeiras".
As acusacións do PP sobre "enxeñaría electoral" pola extensión da nacionalidade a descendentes de persoas exiliadas devolven o foco sobre o mal chamado voto emigrante
En xullo de 2018 Anxo Lugilde, un dos xornalistas con maior coñecemento do sistema de voto exterior, autor dun dos libros de referencia ao respecto -O voto emigrante. Viaxe pola zona escura da democracia española (Galaxia, 2007) e doutor en Historia Contemporánea cunha tese sobre a participación política da emigración galega- contextualizaba deste xeito nunha crónica para Praza.gal a necesidade dunha "urxente" reforma do mal chamado voto emigrante, o das persoas inscritas no Censo de Residentes Ausentes (CERA). O mesmo que durante décadas, dende tempos de Fraga, o PP tratou con especial agarimo e que o herdeiro do fraguismo, Alberto Núñez Feijóo, simula redescubrir nestes días para guindalo contra Pedro Sánchez.
A cuestión sobre a que o PP contribuíu a traer o voto CERA á actualidade é a alcumada como lei de netos, a disposición da Lei de Memoria Democrática que, ao xeito do acontecido coa Lei da Memoria Histórica hai unha década, estende o acceso á nacionalidade española a descendencia de persoas que tiveron que exiliarse por motivos políticos. A extrema dereita de Vox aferrouse a esa disposición para, en sintonía da internacional reaccionaria da que a formación de Santiago Abascal é membro fachendoso, envolvela como un intento de fraude por parte do PSOE en xeral e de Pedro Sánchez en particular para as vindeiras eleccións xerais. Un "pucherazo" pola vía de incrementar o censo exterior, acusaban.
O agarimo político co que o PP en xeral e o PPdeG en particular trataron o voto exterior apenas variou na súa historia. O que si o fixo foi a súa esixencia de garantías democráticas, que apenas existiu durante o fraguismo, cando quedaron acreditados fraudes como votos de persoas falecidas
Feijóo tamén sintonizou. En varias declaracións públicas, especialmente nunha en resposta ao locutor radiofónico Federico Jiménez Losantos, atribuíu a concesión da nacionalidade por esta vía a un exercicio de "enxeñaría electoral". Á vontade de "fabricar dous millóns e medio de votantes", porque "as enquisas lle din [a Sánchez] que vai perder as eleccións cos votantes que ten actualmente", sostivo noutra entrevista nunha televisión murciana entre críticas ao procedemento para "ampliar o número de persoas que teñen dereito a pasaporte".
Entre un crecente balbordo, outros voceiros e dirixentes do PP -entre eles, o presidente Alfonso Rueda- deron en relativizar unhas críticas que, en calquera caso, puxeron o foco no voto exterior. Unha cuestión especialmente espiñenta no caso galego, por ser as circunscricións de Galicia as que máis inscricións no CERA acumulan en todo o Estado. A principios do pasado maio eran xa máis de medio millón, uns 34.000 máis que nas eleccións galegas de 2024, antes das cales o PP de Feijóo prometera, precisamente, facilitar o acceso á nacionalidade á xeración das netas e netos de emigrantes.
Do voto sen 'fe de vida' á fin do sufraxio rogado
O agarimo político co que o PP en xeral e o PPdeG en particular trataron o voto exterior variou escasamente en toda a historia da formación. Pero si foi mudando a súa esixencia de garantías democráticas ao respecto. Apenas existiu durante o fraguismo, tempos nos que abondaron os ruxerruxes sobre fraudes como as resaltadas por Anxo Lugilde, concretadas tamén en informacións xornalísticas que probaron, por exemplo, a emisión de votos para as circunscricións galegas no nome de persoas emigradas que xa faleceran ou a facilidade para que unha soa persoa votase no nome doutras moitas sen maior control.
A introdución da obriga de anexar o DNI co voto fixo minguar en 2009 a participación do CERA, que caeu de vez dende 2011 coa introdución do voto rogado, cuxa cancelación reclamaron dirixentes como Feijóo. O novo sistema implantado en 2022 suprimiu a petición previa e inseriu outros requisitos que manteñen en niveis escasos os votos chegados do estranxeiro
A casos coma eses dera en aludir o PP na fin do fraguismo, cando o apertado do escenario político lle facía temer a perda da Xunta -o que finalmente sucedeu tras o reconto, precisamente, dun sufraxio exterior que non moveu deputados-. E tamén o fixera Feijóo dende a oposición en Galicia, prometendo voto en urna con garantías semellantes ás da Galicia interior se vencía nuns comicios galegos, os de 2009, para os que o voto CERA contou por primeira vez cunha mínima garantía de seguridade: anexar unha fotocopia do DNI co sufraxio para, cando menos, acreditar que a persoa que votaba seguía viva.
A introdución desa mínima garantía implicou un primeiro descenso da participación electoral do CERA, caída que sería aínda máis abrupta a partir de 2011, cando PP e PSOE pactaran unha reforma electoral para introducir o voto rogado, isto é, que as persoas inscritas no censo exterior tivesen que solicitar expresamente participar en cada proceso electoral. A mudanza, concibida para escorrentar a fraude, inseriu prazos moi axustados e tratamentos idénticos para situacións moi dispares (por exemplo, emigración recente con descendentes e sistemas postais diferentes entre si).
Foi neste contexto no que populares e socialistas, e nomeadamente tamén Feijóo, reclamaron como urxente suprimir o sistema de sufraxio rogado, o cal acabou sucedendo en 2022 a partir dunha proposición de lei proposición de lei do PSOE con Unidas Podemos. A nova norma suprimiu o voto rogado, pero introduciu un plan para depurar o censo -unha das históricas demandas para, entre outros aspectos, eliminar persoas falecidas- e novos procedementos, como recibir os sobres de votación sen solicitude previa e poder descargar as papeletas de internet para votar en urna en embaixadas ou instalacións consulares ou ben por correo, co voto enviado á embaixada ou consulado levando anexas copias do carné, do certificado de nacionalidade ou da inscrición consular.
As primeiras eleccións sen voto rogado foron as xerais de 2023, con vitoria do PP e perda dun escano para o PSOE. As segundas foron as galegas de 2024, outra volta cos populares impóndose e sen repercusión na composición do Parlamento
Este novo sistema estreouse nas eleccións xerais de 2023. No caso galego a participación aumentou, pero quedou moi lonxe das cifras espectaculares do fraguismo e os resultados foron vitorias esmagadoras do PP. No conxunto do Estado os máis votados tamén foron os populares e a única repercusión dos sufraxos chegados do estranxeiro foi que os socialistas perderan un escano pola provincia de Madrid en beneficio dos de Feijóo, un só asento no Congreso que así e todo tivo relevancia política ao obrigar a Pedro Sánchez a conseguir o "si" de Junts á súa investidura, sen que fose dabondo cunha abstención.
Ao ano seguinte, en 2024, as primeiras eleccións galegas tras a fin do voto rogado rexistraron unha participación semellante á das xerais entre os membros do CERA, apenas un 6%, e implicaron tamén unha ampla vitoria do PP que non moveu escano ningún. Catro anos antes, en 2020, si se movera un deputado (a prol do PP e en prexuízo do PSOE).