"Non estamos ante un cambio de modelo, senón ante o impulso a unha nova medida de estímulo". Así definiu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o que será o novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) tras o pacto alcanzado entre PP e PSdeG, consumado este martes no Parlamento, ao tempo que os socialistas asumían tamén que o acordo non muda modelo ningún pero é "unha pequena axuda" para a lingua.
López Campos defende o pacto PP-PSdeG para o novo PXNLG pero aclara que non supón "un cambio de modelo" e que se basea no "equilibrio" e na "liberdade"
No pleno da Cámara no que explicou o novo plan, López Campos defendeu o pacto entre populares e socialistas —e as mudanzas sobre o documento inicial— por estar "fundamentado no consenso que xera un amplo apoio social", pero deixando claro que se basea no "equilibrio" e na "liberdade", os dous principios sobre os que se basea a política lingüística da Xunta desde que Feijóo chegou ao poder en 2009, nos que cimentou a derrogación do decreto que regulaba os idiomas no ensino para aprobar o polémico decreto do plurilingüismo. Tamén que o goberno galego ten un "claro mandato da sociedade", en referencia á maioría absoluta outorgada polas eleccións ao partido que o apoia, e que iso supón un aval claro ás súas iniciativas sobre o idioma.
Sobre ese decreto e sobre os cambios no ensino tras o pacto lingüístico entre PP e PSdeG versou a maioría do debate. Entre duras críticas do BNG, que advirte que o asinado "rebaixa" mesmo o plan de normalización de 2004", aludindo ás palabras de López Campos para evidenciar que "non se está ante un cambio de modelo" porque o PP "non vai modificar a súa ideoloxía contra o galego" e vai a seguir "prohibíndoo e eliminándoo".
O BNG critica o PSdeG por asinar un "pacto de conveniencia" co "PP máis antigalego": "É unha proposta covarde, censurada e 'tuneada' por un pacto de despachos"
O Bloque sinalou o PSdeG polo "pacto de conveniencia" asinado e "pola complicidade" co "PP máis antigalego". "De verdade pensan que isto é algo bo para a lingua galega, que pactar isto co Partido Popular trae algo bo para o galego?", preguntou a deputada nacionalista Mercedes Queixas, logo de que o conselleiro agradecese aos socialistas o pacto e se centrase especialmente no seu líder, José Ramón Gómez Besteiro, con quen dixo que fora "unha auténtica honra" traballar para chegar ao acordo.
"É unha proposta covarde, censurada e tuneada por un pacto de despachos", reprochou Queixas, que lembrou que xa hai voces do PSdeG que "fixeron pública a súa oposición" ao plan porque "saben que acaban de asinar un retroceso, un intercambio de cromos prohibidos". "Están dispostos a continuar con esta farsa? A cambio de que?", dixo. "O decreto da vergoña segue vivo, só queda por saber a cambio de que", insistiu quen aclarou que a súa formación "sempre defendeu cambiar o modelo". "Como tamén o defendía o PSOE", advertiu.
Desde o PSdeG, a deputada Silvia Longueira xustificou o "acordo do posible" co PP polos avances, por pequenos que supuñan, para a situación da lingua galega. "Queremos chegar a unha mellora posible dentro das ferramentas que temos e temos nove deputados", dixo quen asegurou que o seu partido centrouse en mellorar a situación dos nenos e das nenas con respecto ao idioma no sistema educativo.
O PSdeG defende o "acordo do posible" co PP pola "mellora" que supón para o galego: "Temos as ferramentas que temos: nove deputados"
"Nós non imos cambiar ningún modelo, isto leva 16 anos así", dixo Longueira. "Como imos cambiar algún modelo? Non vimos cambiar ningún modelo porque non temos os votos, cando os teñamos si, é unha pequena axuda para non morrer no intento", insistiu a deputada, que espera que o acordado sexa "parte" dunha solución que debera vir no futuro e con máis forza do seu partido na Cámara. Ademais, reprochou as críticas do BNG, ao que acusou de "sectarismo" e de querer ter "o monopolio do amor a Galicia".
Desde o PP, o seu portavoz, Alberto Pazos Couñago, centrou o seu discurso en reprochar o BNG a súa actitude e non sumarse ao pacto. "Galicia merece algo máis que un eterno non", dixo.
Pola súa banda, o conselleiro López Campos defendeu o "momento histórico" que supón o novo plan e o pacto entre PP, PSdeG e Democracia Ourensana, por partir de "cesións, acordo e entendemento", e cualificou tamén de "histórico" o "erro" cometido polo BNG ao non sumarse. "Aínda estamos a tempo de chegar a un acordo", dixo ao Bloque.
A Xunta anuncia que porá en marcha as 50 medidas máis urxentes do plan nos primeiros cen días tras a súa aprobación
Ademais, anunciou que, no caso de que este mércores se aprobe o PXNLG, a Xunta iniciará os trámites para "pór en marcha as primeiras 50 medidas máis urxentes nos primeiros cen días desde a súa aprobación"; tamén que os orzamentos para o 2017 incluirán o aumento de máis de un millón de euros nos fondos para o desenvolvemento de políticas lingüísticas a prol da lingua propia.
O pacto para un novo plan de normalización ao que chegaron PP e PSdeG —e ao que se uniu Democracia Ourensana— actualiza o presentado inicialmente tras meses de traballo de expertos en diferentes comisións. Ademais de aumentar a dotación orzamentaria para o idioma e impulsar medidas para a súa promoción en diferentes eidos, a principal novidade respecto do modelo inicial foi no ensino. O acordo evita a derrogación do polémico Decreto 79 / 2010, pero inclúe algunhas modificacións que, fundamentalmente, erguen o veto que durante 17 anos esta norma impuxo á docencia de materias de ciencias na lingua propia de Galicia.
O feito é que o plan de normalización de 2004 e o decreto anterior ao do plurilingüismo (que foi derrogado polo actual) establecían un 50% "como mínimo" para o galego nas aulas; o plan agora actualizado e o decreto vixente establecen ese 50%, pero como máximo.
"Un par de retoques"
Ademais, e malia que nada se especificaba no acordo asinado por ambos partidos, o PP advertiu que para dar materias científicas en galego habería que dar todo o bloque social en castelán, unha condición que non aparece no texto.
"Fan un par de retoques para que pareza que algo cambia pero todo segue igual. É só cambiar as prohibicións de bando", asegurou Queixas, que acusa a Xunta, PP e PSdeG de "promover que o galego sexa un novo motivo de confrontación entre o profesorado, que agora exercerá a liberdade para decidir en que materias van prohibir o galego", dixo, tras insistir en que se pasou dun plan, en 2004, que establecía o 50% da lingua propia como "mínimo" no ensino e que agora ese 50% é o "máximo".
En educación infantil, o novo plan pactado recupera a intención de que en contornas castelanfalantes o galego teña como mínimo a mesma presenza que o castelán, pero López Campos lembrou que a lingua vehicular nesa etapa educativa sería a da maioría das crianzas. "Que pasa coas familias que crían os nenos en galego cando chegan á escola e obríganos a escolarizalos en castelán, mandándolles a mensaxe de que non serve para a escola?", preguntouse Queixas.