Menos do 5% das resolucións dos tribunais en Galicia son en galego

Sala de vistas na sede do TSXG e gráfico sobre o uso do galego nas resolucións xudiciais CC-BY-SA Foto: TSXG / Montaxe: Praza.gal

Menos do 5% das resolucións dos tribunais emitidas en 2025 foron en galego, que só está presente no 3,4% de toda esta documentación dos últimos 35 anos. Son, desde 1990 e ata o pasado ano, tan só 18.842 dos case 554.000 documentos analizados correspondentes aos órganos colexiados con sede en Galicia, formados por varios xuíces ou maxistrados, que non inclúen os xulgados unipersoais. 

Nos últimos 35 anos, tan só o 3,4% das resolucións xudiciais dos órganos colexiados en Galicia estaba en galego

Os datos proveñen dun estudo do Consello da Cultura Galega (CCG) (O galego nas resolucións xudiciais. Análise do fondo documental do CENDOJ (1990-2025), que analiza a presenza do galego nas resolucións xudiciais publicadas no Centro de Documentación Xudicial . 

O estudo, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega do CCG, constata que o uso desta lingua na xustiza "depende dun grupo moi reducido de profesionais" e reclama "ferramentas, recursos e estruturas estables para estendelo e consolidalo". "Buscabamos ter información sectorial para poder establecer que medidas se poden implementar e que forma parte dunha liña de traballo da institución que seguirá atenta á implementación do Novo Plan Xeral de Normalización Linguística", asegurou a presidenta da entidade, Dolores Vilavedra. 

As cifras, como lembra o CCG, "poñen en evidencia que as oscilacións e melloras rexistradas durante as tres décadas analizadas non se traduciron nunha expansión sostida do galego". O pasado ano, 2025, marca o máximo da serie, sendo aínda así un escaso 4,85 % e un total de 1.178 resolucións publicadas en galego. 

"O uso do galego depende dun grupo moi reducido de profesionais", di o CCG, que reclama "ferramentas, recursos e estruturas estables para estendelo e consolidalo"

No entanto, o incremento nin tan sequera é homoxéneo. A xurisdición contencioso-administrativa alcanza o 14,8%, mentres que a social incorpora 276 resolucións nesta lingua. Pola contra, a xurisdición civil experimenta un "acusado retroceso": pasa do 3,3 % en 2021 ao 0,2 % en 2025. "A mellora global responde a evolucións diferentes e non permite afirmar que exista unha extensión xeral do uso do galego", di o CCG. 

Ademais, no informe destaca a "elevada concentración" da produción en galego. Entre 1997 e 2025 son 86 os relatores e relatoras que asinaron algunha resolución nesta lingua. Pero só tres persoas concentran o 74,6% da documentación publicada na lingua propia de Galicia; e as dez primeiras reúnen o 93,6 %.

"Esta dependencia das iniciativas individuais fai que a continuidade do galego sexa especialmente vulnerable aos cambios na actividade profesional ou nos destinos xudiciais", insiste o estudo, que advirte, por exemplo, que o descenso das resolucións civís en galego "coincide coa interrupción da produción nesta lingua dun dos relatores, mentres que todas as resolucións publicadas en galego pola Sala do Social en 2025 corresponden a un único profesional".

O uso do galego nos ditames xudiciais "depende das iniciativas individuais": entre 1997 e 2025 só 86 relatores asinaron algunha resolución en galego; e só tres concentran o 74,6 %

Estas grandes diferenzas tamén se dan entre órganos e territorios. As audiencias provinciais e a Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG concentran case o 98 % das resolucións en galego dos órganos colexiados. Se se consideran todos os órganos, a Audiencia Provincial de Pontevedra achega o 62 % da documentación nesta lingua. "Estas diferenzas están condicionadas pola localización e composición dos órganos xudiciais e non poden interpretarse como un reflexo directo do uso social do galego en cada provincia", avisa o CCG. 

O estudo identifica eivas como a falta de aplicacións de xestión procesual plenamente operativas en galego, a escaseza de modelos documentais e recursos terminolóxicos e a ausencia dun servizo estable de apoio e normalización lingüística na Administración de xustiza. "Esta última é unha demanda que estaba presente no documento final do foro Un país coa súa lingua e que non se recolleu no Plan Xeral de Normalización Lingüística recentemente aprobado", critica o Consello da Cultura. 

Palmou, Vilavedra e Monteagudo, na presentación do informe CC-BY-SA CCG

O documento, de feito, pon sobre a mesa algunhas medidas para "reverter a situación", como incorporar o seguimento periódico da presenza do galego á avaliación das políticas lingüísticas, con indicadores que permitan coñecer non só a porcentaxe de resolucións nesta lingua, senón tamén a súa distribución por órganos, xurisdicións e territorios e o número de profesionais que contribúen a esa produción. Outra das recomendacións é mellorar a información dispoñible sobre a actividade que non chega ao CENDOJ. 

O Consello da Cultura lembra que demandou un servizo estable de normalización na xustiza e que non se incluíu no novo plan para o galego

"A colaboración coas administracións responsables da xustiza e coa Amtega permitiría incorporar aos sistemas de xestión procesual datos sobre a lingua das sentenzas e dos autos definitivos, ampliar o coñecemento da actividade dos órganos unipersoais e dispoñer dunha diagnose máis completa", pide. 

No ámbito dos recursos, o estudo aposta por aplicacións plenamente operativas en galego, modelos documentais actualizados, ferramentas terminolóxicas e un servizo estable de normalización lingüística, coordinado desde o TSXG, que proporcione tradución, revisión e asesoramento. Tamén propón crear órganos xudiciais piloto que permitan avaliar estas medidas e garantir a continuidade do traballo en galego nos cambios de destino e nos relevos de persoal.

As propostas inclúen igualmente "reforzar os dereitos lingüísticos da cidadanía": preguntar pola lingua habitual antes do inicio do procedemento, garantir que a elección poida manterse nas comunicacións e notificacións e incorporar ao CENDOJ as traducións ao galego que se notifican ás partes, xunto coa versión orixinal.

"Os que facemos xustiza en galego somos activistas"

Xoaquín Monteagudo, presidente da Irmandade Xurídica Galega e presente na presentación do estudo, destacou que os que fan xustiza en galego, coma no seu caso, son "activistas" e levan "anos reclamando unha mellora nas aplicacións informáticas para poder funcionar en galego". Unha situación coa que coincidía Xesús Palmou, académico da Academia Galega de Xurisprudencia, que demandou a esixencia de coñecemento do galego para os funcionarios de xustiza, así como unha mellora nas aplicacións informáticas para poder facilitar o desenvolvemento da práctica en galego.

Con todo, amosaron tamén certo optimismo de cara ao futuro, derivado de que está en proceso de implantación un novo programa de xustiza, Atenea, que conta cunha versión bilingüe e que estará plenamente operativo o vindeiro 28 de febreiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.