Clamor na Xustiza para que o novo programa informático permita traballar tamén en galego

Sede dos Xulgados en Tui CC-BY-SA Xunta

Máis de 350 profesionais secundan unha carta na que a Irmandade Xurídica Galega piden á Xunta e ao Estado aproveitaren a "oportunidade histórica" para "facer efectiva a cooficialidade" nos xulgados permitindo que o novo aplicativo, Atenea, comece a funcionar sendo "completamente bilingüe" e non se limite á actual versión, só en castelán

"Nunha administración completamente dixitalizada non existe unha aplicación informática que permita tramitar os procedementos en galego". Hai máis de dúas décadas que a Administración de Xustiza traballa cun aplicativo chamado Minerva. No seu momento foi "programada en castelán polo Ministerio e transferida a propiedade ´ Xunta". E "nin a administración estatal forneceu o recurso en galego en orixe, nin a administración autonómica procedeu á súa tradución cando o tivo no seu poder".

A Irmandade Xurídica Galega, a entidade a prol da normalización do noso idioma no ámbito do Dereito "para facer efectiva a cooficialidade lingüística" resume deste xeito unha situación ante a que existe unha "oportunidade histórica" de mudanza. Sempre e cando "haxa vontade da Administración Xeral do Estado e da Xunta", a Xustiza pode traballar tamén en galego de agora en diante. 

A aplicación Minerva nun xulgado galego, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA CIG Xustiza

Así o reclaman nunha carta dirixida ao ministro e ao conselleiro con competencias na materia, Félix Bolaños e Diego Calvo, que xa supera as 350 adhesións. Entre elas, algunhas tan relevantes como a do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez Gómez y Díaz-Castroverde, os presidentes e presidenta de tres das catro Audiencias Provinciais ou dous fiscais xefes.

Neste 2025, expoñen, o Ministerio está a preparar unha nova versión doutra aplicación, Atenea, "con ocasión da implementación dos tribunais de instancia". "Planea, coordinadamente coa Xunta de Galicia, que ostenta competencias en medios materiais da administración de xustiza, a substitución do programa Minerva por Atenea a partir de xaneiro de 2026". E cando menos de momento, "só está dispoñible en castelán e non hai previsión dunha versión bilingüe".

XV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega, en 2024 en Santiago CC-BY-NC-SA Irmandade Xurídica Galega

Con máis de seis meses por diante, indica a Irmandade Xurídica Galega, "este é o momento para que ambas administracións, en exercicio das súas respectivas competencias, cooperen para desenvolver unha aplicación informática completamente bilingüe". Para que así, como noutras autonomías con dúas linguas oficiais,  "cando se inicie a aplicación apareza por defecto na lingua propia, podendo cambiar de idioma simplemente premendo un botón".

Co sistema actual, tramitar resolucións en galego supón "incrementar exponencialmente" a carga de traballo, o que "debido ao colapso estrutural da Administración de Xustiza", tivo como "consecuencia práctica" a "exclusión do galego dos procedementos xudiciais"

"Só así estaremos en condicións de afirmar que as administracións dispoñen os medios materiais necesarios para asegurar a cooficialidade na Administración de Xustiza, e así garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía". En caso contrario, lamentan, persistirá a situación anterior, na cal "o persoal que tivo que tramitar ou notificar resolucións en galego debeu crear arquivos separados de modelos de documentos cos que reemprazar os da aplicación, o que incrementou exponencialmente a carga de traballo" e "o retardo na súa tramitación".

"Debido ao colapso estrutural da Administración de Xustiza e a súa incapacidade de responder a esta situación, as consecuencias prácticas foron a exclusión do galego dos procedementos xudiciais". Segundo os "únicos datos oficiais publicados redúcense a un 3,5% do total de actuacións", lamentan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.