O rexistro obrigatorio de pisos turísticos redúceos un 23% e afonda na fenda cos datos da Xunta

Evolución dos pisos turísticos en Galicia sobre unha imaxe de dúas destas vivendas, tiradas da plataforma da patronal do sector CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal

O 1 de xullo do pasado ano 2025 entrou en vigor o rexistro obrigatorio de pisos turísticos, posto en marcha polo Ministerio de Vivenda. Dende ese día todas as vivendas de uso turístico e os alugueiros de tempada están obrigados a contar cun número de rexistro emitido polo Ministerio en colaboración co Colexio Oficial de Rexistradores, que acreditan que cumpren cos requisitos legais existentes en cada lugar. Estes establecementos deben facelo constar nas plataformas nas que se anuncien (Airbnb, Booking...) e noutros materiais promocionais.

O INE limita a 15.236 as vivendas de uso turístico en funcionamento en Galicia, unha cifra obtida a partir da revisión das plataformas de contratación e moi inferior á facilitada polo Goberno galego (32.231)

A implantación deste rexistro avanza con lentitude e, por exemplo, o pasado mes de setembro menos da metade dos pisos turísticos existentes en Galicia (se tomamos como referencia os rexistrados pola Xunta) iniciaran os trámites para legalizar a súa situación

En calquera caso, semella que a implantación deste rexistro está contribuíndo a limitar o número de vivendas de uso turístico en funcionamento. Sobre todo se atendemos ás cifras proporcionadas polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que este luns publicou a actualización dos seus indicadores, con datos correspondentes ao pasado mes de novembro. Segundo o INE, nese momento había 15.236 vivendas de uso turístico, fronte ás 19.996 de maio de 2025, un 23% menos, unha cifra que en realidade xa viña en descenso, dende o máximo acadado en agosto de 2024 (21.984)

A forte redución no número destes establecementos (-23%) semella ter relación coa posta en marcha do rexistro obrigatorio e dun maior control sobre a presenza en plataformas como Airbnb ou Booking. No rexistro da Xunta tamén se produce un descenso, pero moi inferior (-2%)

A forte redución no número destes establecementos semella ter relación coa posta en marcha do rexistro obrigatorio e dun maior control sobre a presenza en plataformas como Airbnb ou Booking de pisos turíticos non rexistrados legalmente. Por exemplo, en decembro o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 comunicou a imposición dunha sanción de máis de 64 millóns de euros a Airbnb pola publicación de anuncios de aloxamentos que carecían de licenza, 6.956 deles en Galicia. A multa chegou despois da publicación de varias advertencias previas e do seu envío á Xunta.

A publicación dos novos datos do INE, ademais de amosar este importante descenso no número de vivendas de uso turístico, incrementa a fenda cos datos do rexistro aberto pola Xunta para estes establecementos (o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas). O último dato publicado polo Goberno galego, correspondente ao 1 de febreiro, sinala que en Galicia existen 32.231 pisos turísticos, máis do dobre dos indicados polo INE.

Métodos diferentes para contar o mesmo

Hai algúns concellos nos que, malia o descenso nos datos do INE, a saturación de vivendas turísticas supera amplamente a media. É o caso de Fisterra (6,3% de VUT sobre o total de vivendas), Sanxenxo (5,5%), O Grove (4,8%), Muxía (4,6%), Carnota (4,5%), Corcubión (4,4%), Parada de Sil (4,4%) ou O Vicedo (3,9%)

Cómpre ter en conta que ambos os dous indicadores parten de metodoloxías moi diferentes, o que en parte pode explicar a disparidade que se abre entre eles. Mentres que o da Xunta é un rexistro realizado polos propios propietarios e propietarias dos establecementos, que son quen os dan de alta (ou de baixa), o INE emprega a técnica do web scraping, que mediante programas de software extrae os datos das tres plataformas máis utilizadas de aloxamento turístico en España.

En calquera caso, ata o ano 2024 os dous indicadores amosaban unha realidade semellante, con cifras algo superiores no ofrecido pola Xunta, dende entón as diferenzas non deixaron de aumentar. Con todo, cómpre sinalar, que o rexistro do Goberno galego comeza tamén a amosar un pequeno descenso na cifra total de vivendas de uso turístico dende o máximo acadado no pasado mes de agosto (32.914), inmediatamente despois da entrada en vigor do rexistro obrigatorio do Ministerio de Vivenda. Con todo, a redución dende entón (683 pisos turísticos menos, un 2%, é moi inferior á que amosa o INE.

O importante descenso experimentado en Sanxenxo deixa a Vigo como o concello con máis pisos turísticos en Galicia (1.180)

Os novos datos publicados polo INE supoñen que, neste indicador, a porcentaxe que representan as vivendas de uso turístico sobre o total de vivendas censadas en Galicia pasa do 1,14% de maio de 2025 ao 0,87% de novembro de 2025, por debaixo da medida estatal, que tamén cae do 1,43% ao 1,24%. Galicia é a oitava comunidade autónoma cunha maior saturación de pisos turísticos, por detrás de Canarias, Baleares, C. Valenciana, Cataluña, Andalucía, Cantabria e Asturias.

Con todo, hai algúns concellos galegos nos que, malia o descenso nos datos do INE, a saturación de vivendas turísticas supera amplamente a media. É o caso, por exemplo, de Fisterra (6,3% de VUT sobre o total de vivendas), Sanxenxo (5,5%), O Grove (4,8%), Muxía (4,6%), Carnota (4,5%), Corcubión (4,4%), Parada de Sil (4,4%) ou O Vicedo (3,9%).

Existen enormes diferenzas en practicamente todos os concellos entre o dato estimado polo INE e o facilitado pola Xunta

A comparación dos datos publicados polo INE este luns, correspondentes a novembro, e os anteriores, de maio, previos á entrada en vigor do rexistro obrigatorio, amosan importantes diferenzas en moitos concellos, encabezados por Sanxenxo (-482), A Coruña (-301) e Vigo (-206). De feito, o importante descenso experimentado en Sanxenxo deixa a cidade olívica como o concello con máis pisos turísticos en Galicia (1.180), segundo a exploración realizada polo INE.

Non sucede o mesmo nas cifras da Xunta, nos que Sanxenxo segue a liderar con claridade (3.943). Este dato é unha mostra das enormes diferenzas que existen entre un e outro indicador en practicamente todos os concellos. Así, mentres que a Xunta informa de que na Coruña existen 1.422 VUT rexistradas, o INE deixa a cifra en 435. As disparidades chegan a duplicar e mesmo triplicar as cifras na maioría de localidades. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.