O Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 comunicou este pasado luns a imposición dunha sanción de máis de 64 millóns de euros a Airbnb, plataforma online de alugueiro de vivendas turísticas. A elevada multa chega pola publicación de anuncios de aloxamentos que carecían de licenza. En total, e segundo a pescuda do departamento que dirixe Pablo Bustinduy, a empresa negouse a eliminar máis de 65.000 páxinas con esas casas ou pisos sen o permiso requirido, máis do 10% delas en Galicia.
Consumo constatou que Airbnb tiña publicados case 7.000 anuncios ilegais de vivendas turísticas en Galicia das máis de 65.000 que detectou no Estado
En total, Consumo constatou que Airbnb tiña publicados 6.956 anuncios ilegais de vivendas turísticas en Galicia, 6.897 deles non tiñan número de rexistro, mentres que 59 si que o tiñan pero era falso, segundo os datos aos que tivo acceso Praza.gal. Porque desde este verán, todos os aloxamentos deste tipo deben inscribirse no rexistro único do Ministerio de Vivenda para ofrecer os seus servizos nestas plataformas online, máis aló de que estean dadas de alta no rexistro autonómico.
A maioría dos pisos sen permiso que se ofrecen como aloxamento de vacacións en Airbnb atópanse en zonas que sofren unha importante presión turística, sendo Galicia a terceira comunidade autónoma con maior número de anuncios ilegais. Só é superada pola Comunitat Valenciana, con un de cada tres destes anuncios, e as Canarias, con arredor de 12.500.
Galicia é a terceira comunidade onde Airbnb ten máis anuncios ilegais, só superada pola Comunitat Valenciana e as Canarias
A explicación de que noutros territorios como Madrid ou Andalucía, con importante presenza de vivendas turísticas, non aparezan tantos anuncios ilegais é que a súa normativa autonómica non recollía a obriga de incluír un número de rexistro cando Consumo iniciou este procedemento hai un ano, polo que o número de pisos ou casas retiradas do portal é moi baixo (no caso madrileño 300) e limítanse aos rexistros falsos.
As cifras de Galicia, con todo, son moi elevadas, sobre todo se temos en conta que o número de anuncios ilegais de Airbnb son case tres mil máis que nas Illes Balears ou 4.300 máis que en Murcia. Todo en medio dun debate pola vivenda que levou o Concello da Coruña a declararse zona tensionada entre críticas á Xunta por atrancar unha declaración que tamén está a tramitar Santiago.
En Galicia, e segundo os últimos datos facilitados o pasado outubro por Turismo, son un total de 28.383 as vivendas turísticas rexistradas, pero menos de 10.000 están inscritas no rexistro único do Estado, polo que aproximadamente só unha terceira parte poden anunciarse nas plataformas web como Airbnb, Booking ou Fotocasa.
Foi o pasado 1 de xullo cando entrou en vigor a nova xanela única de arrendamentos que obriga os propietarios de vivendas que queiran anuncialas en plataformas para uso turístico ou alugueiro de temporada a contar cun número de identificación que é expedido polos rexistradores da propiedade. A comezos de setembro, o Ministerio de Vivenda advertiu de máis de 53.000 pisos ilegais en España: solicitaran o número de rexistro obrigatorio pero non cumprían cos requisitos legais.
En maio, o Ministerio xa enviou á Xunta datos de máis de 9.000 pisos turísticos que incumprían a normativa galega
O pasado mes de maio, o Ministerio de Consumo enviou á Xunta datos de máis de 9.600 pisos turísticos que incumpren a normativa galega ao non incluír nos seus anuncios en plataformas online de contratación o seu número de inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) ou, cando menos, o código acreditativo da presentación da declaración responsable de inicio de actividade.
O departamento analizou os anuncios publicados nos últimos meses nestes portais, nos que atopou un total de 15.740 pisos turísticos en funcionamento en Galicia. Deles, arredor do 60% (o 61,3%) non publicaba o seu número de rexistro, como é obrigatorio.
Hai poucas semanas, a A Plataforma Polo Dereito á Vivenda publicou unha guía para denunciar pisos turísticos ilegais, na que explica en que cómpre fixarse para detectar se unha vivenda de uso turístico non cumpre coa normativa. Se o piso turístico "non está" no rexistro da Xunta, "xa sabes que é ilegal" asegura o colectivo, que advirte que "se está non quere dicir que sexa legal" porque cómpre o rexistro estatal e en concellos como A Coruña ou Santiago, a licenza municipal.