O Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 20230 entregará á Xunta nos "próximos días" un arquivo dixital con preto de 15.000 pisos dispoñibles en plataformas (14.960) dos que 9.125, máis do 60%, son "ilegais", xa que "non reflicten nos seus anuncios o número de rexistro, que segundo a administración autonómica é pertinente".
Así o asegurou o ministro, Pablo Bustinduy, durante unha visita a Santiago de Compostela para unha reunión coa alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, e á que entregou un rexistro semellante ao que recibirá a Xunta e elaborado pola Unidade de Análise do Ministerio.

Neste arquivo entregado á administración local sinálase que en Compostela operan nesta altura un total de 406 vivendas turísticas, unha cifra que "contrasta coas 66 licenzas municipais concedidas polo Concello", segundo indicou Bustinduy, que aclarou que o Ministerio porá a disposición as súas ferramentas para identificar os pisos turísticos que non cumpren coa normativa, pero tamén a asistencia e soporte xurídico legal que permita "proceder á esixencia de retirada da comercialización dos pisos turísticos nas grandes plataformas".
O Ministerio detecta dispoñibles en plataformas case 15.000 anuncios de vivendas turísticas, das que máis do 60% non mostran o número de licenza
Así, o ministro trasladou ao Concello compostelán os enderezos de 221 pisos turísticos que se anuncia de xeito online na cidade, unha información que facilitará, segundo dixo, a apertura de procedementos por parte do consistorio para retirar estes anuncios, solicitar o cesamento da súa actividade e mesmo abrir posibles expedientes sancionadores.
Bustinduy ofrece a súa colaboración e a do Ministerio á Xunta para "poñer couto a esta situación descontrolada". "Con ese mesmo ánimo construtivo e colaborativo poderemos atopar a maneira de que cada administración faga a súa parte e poidamos solucionar a situación", insistiu.
Ademais, o ministro reclamou á Xunta que "non poña dificultades nin atrancos" para que grandes cidades como A Coruña ou Santiago poidan declarar zonas de mercado residencial tensionado e "introducir topes ao alugueiro". As dúas cidades xa declararon a súa intención de conseguir esta catalogación e mesmo o Concello coruñés presentou xa a solicitude mentres a súa alcaldesa, Inés Rey, acusaba o Goberno galego de "torpedear" a medida.
Bustinduy pide á Xunta que "non poña dificultades nin atrancos" para que A Coruña e Santiago poidan declarar zonas de mercado residencial tensionado
"Non é comprensible que desde as administracións públicas non se poñan en marcha as ferramentas das que dispoñemos para poder limitar os prezos dos alugueiros nas grandes cidades", dixo Bustinduy, que aludiu a Catalunya, que puxo como exemplo de aplicación deste mecanismo.
As críticas estendéronse ao PP cando Bustinduy instou a Feijóo a que no seu partido "deixen de poñer escusas e apliquen a Lei de vivenda para introducir topes aos alugueiros porque o encarecemento da vivenda está actuando como unha grande aspiradora de riqueza no noso país".