O expediente sancionador refírese a "prácticas abusivas contra inquilinos", coma o cobro de comisión pola xestión do arrendamento ou a obriga da contratación dun seguro e doutros servizos non solicitados polo arrendatario
O Ministerio de Dereitos Sociais e Consumo anunciou este xoves a apertura dun expediente sancionador "a unha grande inmobiliaria" por "prácticas abusivas contra inquilinos", coma o cobro de comisión pola xestión do arrendamento ou a obriga da contratación dun seguro e doutros servizos non solicitados polo arrendatario.
Segundo revelan a organización de consumidores Facua ou o Sindicato de Inquilinas, trátase de Alquiler Seguro, unha compañía contra a que estas dúas entidades e tamén a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) presentaron denuncias nos últimos meses.
A Dirección Xeral de Consumo lembra que a Lei 12/2023 de 24 de maio polo dereito á vivenda "prohibe expresamente trasladar aos inquilinos os gastos de xestión inmobiliaria e de formalización do contrato", como estarían a facer Alquiler Seguro e outras inmobiliarias. Estas infraccións poden ser consideradas graves -dando lugar a unha multa de 100.000 euros ou entre catro e seis veces o beneficio ilícito obtido- ou moi graves -coa imposición dunha multa de ata un millón de euros ou entre seis e oito veces o beneficio ilícito obtido.

Desembarco de Alquiler Seguro en Galicia
Alquiler Seguro presentu un plan para poñer no mercado de alugueiro cinco mil vivendas baleiras en Galicia. Fixoo ofrecendo "seguridade xurídica fronte á ocupación" e gabándose do seu "método de selección de inquilinos"
A pasada semana Alquiler Seguro ofreceu unha rolda de prensa na Coruña para presentar un plan para poñer no mercado de alugueiro cinco mil vivendas baleiras en toda Galicia. A empresa con sede en Madrid, que escolleu o popular barrio da Agra do Orzán para iniciar o seu desembarco en Galicia destacou o "medo do propietario a alugar" e salientou a "confianza" que a empresa achega aos propietarios polo seu "método de selección de inquilinos".
Na súa proposta comercial ofrece os propietarios "seguridade no cobro da renda, pague ou non o inquilino", "rápida comercialización do inmoble" a través da súa inmobiliaria e un servizo de "xestión integral da vivenda con protección ao propietario e servizo de atención ao inquilino". Ademais afirma que realizará "unha análise de solvencia e viabilidade do inquilino para evitar a morosidade e os estragos na vivenda" e promete "seguridade xurídica fronte á ocupación [fenómeno residual en Galicia, con 81 casos o pasado ano] e inquiocupación".
O problema social da ocupación en Galicia suma menos dun cento de casos todos os anos en Galicia, sete veces menos que a cifra de desafiuzamentos. A alarma social provocada polas ocupacións levou a que a liña antiocupacións pagada pola Xunta recibise un total de tres consultas nun ano.
Prácticas ilegais denunciadas
FACUA denunciou a Alquiler Seguro por obrigar os inquilinos a abonarlles o equivalente a un mes de renda máis o 21% de IVE, un cobro que xustificaban na prestación dun "servizo de atención ao arrendatario"
FACUA denunciou a Alquiler Seguro en novembro de 2023 por obrigar os inquilinos a abonarlles o equivalente a un mes de renda máis o 21% de IVE, un cobro que xustificaban na prestación dun "servizo de atención ao arrendatario".
Segundo a asociación, a empresa contactou con eles para asegurarlle que deixou de impor a contratación do servizo "e que, unha vez visitado o inmoble, facilita aos usuarios que non queren contratalo os datos de contacto do propietario da vivenda". Con todo, a Dirección Xeral de Consumo semella ter detectado irregularidades e accións ilegais.
Segundo o Sindicato de Inquilinas, as "malas prácticas" de Alquiler Seguro "inclúen o cobro de ata 200 euros por visitar un piso", "nula atención das incidencias e avarías durante a vixencia do contrato" ou "a esixencia de datos bancarios excesivos para estudos de solvencia"
Tamén presentou denuncia en febreiro de 2024 o Sindicato de Inquilinas, que advirte de que esta inmobiliaria "esixe en concepto de garantía adicional unhas cantidades que en ningún caso protexían ao caseiro, senón que quedaba a propia empresa". Tamén indica que a empresa "obriga a contratar o seguro de fogar e as subministracións con empresas pertencentes ao seu mesmo grupo empresarial", que tamén ten un seguro de falta de pagamento. O Sindicato advirte de a inmobiliaria "obrigaba tamén a ceder os seus datos persoais sen control algún ás dúas partes do contrato, vulnerando a normativa na materia".
Segundo o Sindicato de Inquilinas, as "malas prácticas" de Alquiler Seguro "inclúen o cobro de ata 200 euros por visitar un piso, nula atención das incidencias e avarías durante a vixencia do contrato, a esixencia de datos bancarios excesivos para estudos de solvencia, a negativa a negociar as cláusulas do contrato e falta de transparencia respecto ao mesmo".
O Ministerio de Consumo anuncia que "está investigando, ademais, a outras axencias inmobiliarias polo cobro de comisións ilegais a inquilinos"
O Ministerio de Consumo, que anuncia que "está investigando, ademais, a outras axencias inmobiliarias polo cobro de comisións ilegais a inquilinos", lembra que "a vivenda é un dereito e un ben de primeira necesidade amparado pola lei".
O departamento que dirixe Pablo Bustinduy está a levar a cabo "accións informativas cos operadores do mercado sobre potenciais condutas abusivas nos contratos de alugueiro", en referencia á esixencia a inquilinos e inquilinas do pagamento de fianzas "desproporcionadas", á obriga de que que asuman garantías adicionais ou que teñan que pagar mensualidades adiantadas.