Este xoves presentouse en Compostela a Plataforma Galega Vivenda Xa!, que reclama un "programa de vivendas públicas con prezo taxado que garanta o acceso a vivendas dignas para toda a cidadanía"
A vivenda é dende hai anos un dos principais problemas de Galicia, posiblemente o máis grave e urxente para as novas xeracións, que ven como os prezos do alugueiro non deixan de escalar, con subas do 8% no último ano e de preto do 50% dende o 2017. Hai poucas vivendas dispoñibles no mercado de alugueiro, penalizado pola multiplicación de pisos turísticos e pola existencia de milleiros de inmobles baleiros cuxos propietarios se resisten a arrendar. E a opción da compra é imposible para unha parte importante da poboación.
Neste contexto están a xurdir movementos de todo tipo, dende accións institucionais que buscan poñer límite ao encarcemento dos alugueiros, como as solicitudes de zonas tensionadas lanzadas polas cidades da Coruña e Santiago. Ata a acción de movementos sociais coma sindicatos de inquilinos e inquilinas e outras entidades, que se comezan a mobilizar para esixir cambios lexislativos e nas políticas públicas.
Este xoves presentouse en Compostela a Plataforma Galega Vivenda Xa!, unha iniciativa que nace para "actuar para garantir o dereito a vivendas dignas e accesíbeis para toda a cidadanía” e que se presenta cun manifesto e unha táboa reivindicativa. Entre as medidas propostas destaca sobre todo a demanda dun "programa de vivendas públicas con prezo taxado que garanta o acceso a vivendas dignas para toda a cidadanía".
Este incremento do parque público de vivenda por parte da Xunta pasaría en primeiro lugar pola cesión de todos os inmobles da SAREB en Galicia
Este incremento do parque público de vivenda por parte da Xunta pasaría en primeiro lugar pola cesión de todos os inmobles da SAREB en Galicia, preto de 3.000 vivendas das que 1.300 estarían en condicións de habitabilidade na actualidade; tamén propón a creación dun Banco Galego de Vivenda para alugueiro social. Na proposta, os prezos das vivendas públicas serían establecidos "de acordo coas necesidades da poboación e o custo real da construción, evitando a especulación inmobiliaria que está a agravar a crise da vivenda".
O Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida supera as 19.000 inscricións, máis de 15.000 delas solicitando vivendas de promoción pública. Porén, fronte a esta gran demanda, a Consellaría de Vivenda apenas ten en marcha 2.080 pisos públicos
Cómpre lembrar que o Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida supera as 19.000 inscricións, máis de 15.000 delas solicitando vivendas de promoción pública. Porén, fronte a esta gran demanda, a Consellaría de Vivenda apenas ten en marcha 2.080 pisos públicos, que se unirán aos 3.819 que compoñen o actual parque de vivenda pública da Xunta, resultado das cativas políticas de promoción da vivenda pública, especialmente durante os anos de Goberno de Núñez Feijóo.
Así mesmo, a Plataforma pide impulsar a mobilización de vivenda baleira "despregando para iso accións coercitivas e/ou incentivadoras, como liñas de apoio á rehabilitación coa condición de seren alugadas a prezo social limitado". Reclama tamén "impedir por lei a compra de vivendas por parte dos fondos voitre, destinados á especulación". E aposta finalmente por impulsar con liñas de apoio e medidas fiscais positivas as iniciativas residenciais das cooperativas de vivendas de cesión de uso.
A Plataforma pide impulsar a mobilización de vivenda baleira "despregando accións coercitivas e/ou incentivadoras, como liñas de apoio á rehabilitación coa condición de seren alugadas a prezo social limitado"
A plataforma, representada por Iria Nande, Andrés López e María Curra, denuncia o "alarmante" papel xogado polo Goberno galego, "negándose a ampliar o parque de vivendas públicas, rexeitando aplicar políticas para a baixada de prezos en zonas tensionadas e opóndose a incorporar ao mercado a vivenda baleira". Ademais, critica que o Goberno do Estado "non fai máis que anuncios pirotécnicos que non se traducen en actuacións concretas".
A plataforma, aberta á incorporación de colectivos e persoas, chamou a "pasar á acción", denunciando Iria Nande que “non hai vontade de remediar esta crise e iso é inasumíbel".
Manifestación estatal pola vivenda, en Vigo, A Coruña e Santiago
O vindeiro sábado 5 de abril está convocada unha Manifestación Estatal pola Vivenda, que se celebrará simultaneamente en varias cidades de toda España. A Coruña, Vigo e Santiago son de momento as urbes galegas que se sumaron ao chamamento
O vindeiro sábado 5 de abril está convocada unha Manifestación Estatal pola Vivenda, que se celebrará simultaneamente en varias cidades de toda España impulsadas por sindicatos de inquilinos e inquilinas baixo o lema “Acabemos co negocio da vivenda”. A Coruña, Vigo e Santiago son de momento as cidades galegas que se sumaron ao chamamento, con convocatorias propias impulsadas por colectivos locais, coma o Sindicato de Barrio Falperra / Os Mallos (A Coruña), a Xuntanza pola Vivenda de Compostela e o Sindicato de Inquilinas de Vigo.
No manifesto da marcha destácase que "a vivenda debería ser un dereito, non un ben co que especular. Porén, os fondos de investimento e os rentistas seguen acumulando beneficios mentres miles de persoas son desafiuzadas, expulsadas dos seus barrios ou condenadas a vivir en condicións indignas". "Se te botaron da túa casa, se che soben o alugueiro, se non podes acceder a unha vivenda digna, se te organizas ou queres empezar a facelo... esta loita tamén é a túa", indícase no chamamento.

"Se te botaron da túa casa, se che soben o alugueiro, se non podes acceder a unha vivenda digna, se te organizas ou queres empezar a facelo... esta loita tamén é a túa", indícase no chamamento
Na última xuntanza, o grupo organizador decidiu convocar a todos os colectivos de base da cidade para sumarse á mobilización, ao tempo que optou por non convidar aos partidos políticos. Esta decisión responde "ao carácter cidadán da convocatoria, xa que os partidos contan cos seus propios espazos e ferramentas de loita", sinala o Sindicato de Barrio Falperra / Os Mallos, que indica que "os partidos poderán sumarse á manifestación, situándose á cola da marcha". Outra das decisións acordadas foi levar unha faixa sen asinar na cabeceira da manifestación, mentres que o manifesto que se presentará irá asinado por todos os colectivos que apoian a mobilización.
Na Coruña está convocada unha xuntanza para preparar a manifestación o martes 25 de marzo, ás 18 horas, no centro social A Revolteira (rúa Falperra, nº13).
- Vigo: Falta por confirmar hora e lugar
- A Coruña: 12 horas. Entre a Praza de Ourense e a Praza de María Pita
- Santiago: 12 horas. Praza do Toural
Alquiler seguro promete poñer no mercado 5.000 vivendas baleiras
Neste contexto de preocupación polas crecentes dificultades no acceso a unha vivenda xorden tamén propostas empresariais, que prometen minimizar o problema poñendo no mercado parte dos milleiros de inmobles baleiros existentes en Galicia
Neste contexto de preocupación polas crecentes dificultades no acceso a unha vivenda xorden tamén propostas empresariais, dende o lado das inmobiliarias, que prometen contribuír a minimizar o problema, neste caso poñendo no mercado unha parte dos milleiros de inmobles baleiros existentes en Galicia. Iso si, neste caso cun discurso moi diferente.
En efecto, Galicia é o territorio do Estado con máis vivendas baleiras, segundo os datos do Censo do INE do ano 2021. Son ao redor de medio millón, case tres de cada dez, e distribúense por todo o territorio, dende o rural ás cidades. En conxunto, as sete urbes suman ao redor de 90 mil vivendas baleiras e, de feito, a porcentaxe de vivendas nas que non reside ninguén chega ata o 40% no centro das cidades galegas, as zonas máis afectadas por este problema na Galicia urbana.
En concreto, as vivendas baleiras representan o 15% do total en Vigo ou na Coruña, pero soben ata o 26% en Ferrol ou o 22% en Ourense. Santiago é a cidade cunha porcentaxe máis baixa, menos do 11%. En cifras absolutas, estas porcentaxes significan que no concello de Vigo hai case 22 mil vivendas baleiras, na Coruña máis de 20 mil e en Ourense case 15 mil. Lugo e Ferrol superan as dez mil vivendas baleiras cada unha e Santiago e Pontevedra roldan as seis mil respectivamente.
A empresa madrileña Alquiler Seguro lanza unha proposta comercial aos propietarios de inmobles baleiros na que promete adiantarlles cinco anos da renda do alugueiro "para poder acometer as reformas necesarias e adecuar a vivenda para poder alugala"
Ante esta situación, o grupo empresarial Alquiler Seguro, con sede en Madrid e que agrupa compañías inmobiliarias e outras que ofrecen seguros de alugueiro, presentou este xoves no barrio coruñés da Agra do Orzán un plan para poñer no mercado 5.000 destas vivendas baleiras, ofrecendo aos seus propietarios unha serie de garantías e "achegando seguridade xurídica nun contexto de gran complexidade lexislativa", en palabras do seu CEO, David Caraballo.
"Galicia é a comunidade autónoma onde menos baixou o número de vivendas baleiras, e iso débese a dous factores clave: o medo do propietario a alugar, e que unha parte importante das vivendas necesitan pequenas reformas para adecualas ao alugueiro, cun investimento que vai dende os 10.000 aos 18.000 euros por inmoble", destaca a empresa.
A compañía ofrece "seguridade xurídica fronte á ocupación [fenómeno residual en Galicia, con 81 casos o pasado ano] e inquiocupación", malia recoñecer que a morosidade é inferior á media do Estado
En consecuencia, a compañía lanza unha proposta comercial aos propietarios de inmobles baleiros na que promete, por exemplo, adiantarlles en forma de préstamo cinco anos da renda do alugueiro (42.000 euros para un piso de 700 euros mensuais) "para poder acometer as reformas necesarias e adecuar a vivenda para poder alugala". Así mesmo, ofrecen "seguridade no cobro da renda, pague ou non o inquilino", aínda que non explican a fórmula que empregarían, que podería ser o dun seguro de alugueiro.
Ademais, ofertan "rápida comercialización do inmoble" a través da súa inmobiliaria, un servizo de "xestión integral da vivenda con protección ao propietario e servizo de atención ao inquilino" e, finalmente, ofrecen "seguridade xurídica fronte á ocupación [fenómeno residual en Galicia, con 81 casos o pasado ano] e inquiocupación". Nun informe sobre a situación do mercado da vivenda en Galicia afirman, con todo, que a morosidade dos inquilinos en Galicia é inferior á media española. Para iso, afirman que realizarán "unha análise de solvencia e viabilidade do inquilino para evitar a morosidade e os estragos na vivenda". [Os desafiuzamentos caen un 37% en Galicia e aínda multiplican por sete os novos casos de ocupacións]