A Coruña solicitará á Xunta a declaración da cidade como como Zona de Mercado Residencial Tensionado, en base a un estudo que certifica que cumpre cos criterios fixados polo Ministerio de Vivenda
A dificultade no acceso á vivenda converteuse nos últimos ano no principal problema para unha parte importante da poboación. Hai poucos inmobles, tanto para venda como para alugar, nun contexto no que proliferan as vivendas de uso turístico que aínda recortan máis o parque dispoñible de vivendas e contibúen a elevar os prezos. Este encarecemento do custo do alugueiro está a facer imposible o acceso a unha vivenda digna para moitas persoas.
O Goberno local da Coruña, que leva tempo traballando en diversas medidas para limitar esta suba de prezos e aumentar o número de vivendas dispoñibles, deu esta semana dous importantes pasos, co anuncio de que solicitará á Xunta a declaración de zona de mercado residencial tensionado -como tamén fixo Santiago hai dúas semanas- e coa presentación dos detalles da nova ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico, anticipada nos últimos meses, que unicamente permitirá o seu emprazamento en primeiros andares ou baixos e tamén en edificios destinados a este tipo de usos en exclusiva. A Coruña anunciou esta semana, ademais, a implantación dunha taxa turística na cidade.
“Os prezos da vivenda están disparados, e ante isto cómpre que todas as administracións traballemos xuntas para dar un xiro de 180 graos á situación actual, porque hai familias vulnerables que case non se poden permitir o acceso a unha vivenda", destaca Inés Rey
Este venres a alcaldesa Inés Rey e Francisco Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, presentaron a memoria xustificativa para a declaración da Coruña como Zona de Mercado Residencial Tensionado, un documento no que se conclúe que a cidade cumple cos requisitos para a súa declaración, tal e como recolle a Lei estatal de Vivenda.
Na Mesa Sectorial de Vivenda, na que estiveron representados boa parte dos axentes e entidades vinculadas ao sector, Díaz Gallego confirmou que A Coruña “cumpre con todos os criterios para declarar tanto o municipio en conxunto como para facelo por distritos ou seccións” como zona tensionada. O concelleiro detallou que segundo o estudo encargado polo Concello e que se basea en datos dos seus dez distritos censuais e 186 seccións censuais, "na cidade cumplimos con ambos criterios nun 50% dos distritos e nun 70% das seccións”.
A Lei polo dereito á vivenda establece que para a declaración dunha zona de mercado residencial tensionado debe producirse polo menos unha das catro circunstancias recollidas na norma, entre elas que o custo medio do alugueiro máis os gastos e subministracións básicas supoñan máis do 30% da renda media dos fogares; e que a taxa de variación acumulada do prezo medio do alugueiro nos últimos cinco anos supere en máis de tres puntos porcentuais o incremento do IPC.
O estudo constata "que unha parte moi importante da poboación da cidade destina máis dun 30% dos ingresos familiares á vivenda, unha porcentaxe que supón un auténtico problema para moitas persoas e que temos que buscar a forma de atallar entre todas as administracións”
O edil destaca que o estudo constata "que unha parte moi importante da poboación desta cidade destina máis dun 30% dos ingresos familiares á vivenda, unha porcentaxe que supón un auténtico problema para moitas persoas e que temos que buscar a forma de atallar entre todas as administracións”.
Pola súa banda, a alcaldesa Inés Rey destacou que “os prezos da vivenda están disparados, non só na Coruña, senón en moitas outras cidades do país, e ante isto cómpre que todas as Administracións públicas traballemos xuntas para dar un xiro de 180 graos á situación actual, porque hai familias vulnerables que case non se poden permitir o acceso a unha vivenda e isto tamén está a se converter case que nunha quimeira para as mozas e mozos, polas dificultades para atopar un alugueiro a un custo asumible”.
O custo medio dos novos contratos de alugueiro asinados na Coruña durante o ano 2024 situouse nos 680 euros, un aumento do 9% nun ano e do 35% dende o 2019
O custo medio dos novos contratos de alugueiro asinados na Coruña durante o ano 2024 situouse nos 680 euros, segundo os datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, o que supón un importante aumento (+9,3%) dende os 622 euros do ano 2023 e máis aínda en relación aos datos de 2019, cinco anos antes, cando o alugueiro medio se situaba nos 502 euros, un incremento do 35%. Nos barrios centrais da cidade os prezos aínda se disparan máis, chegando a case 900 euros no Ensanche. Porén, o encarecemento chegou tamén a barrios máis populares, como o distrito 15007 (Os Mallos-Sagrada Familia), onde os prezos aumentaron un 11% o pasado ano e un 40% dende o 2019.
"A proliferación das VUT reduce a bolsa de inmobles dispoñibles na cidade”, con impacto directo nos alugueiros, “tanto por reducir a bolsa de inmobles dispoñibles na cidade como polo incremento dos prezos, que é evidente”, destaca Inés Rey
Entre os motivos deste encarecemento está o limitado número de vivendas dispoñibles para alugar e que, segundo os cálculos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN), roldaba o pasado ano as 350, unha cifra moi pequena para unha cidade de 250.000 habitantes e gran dinamismo, como A Coruña.
Ábrese agora un período de 15 días de consulta pública, tras o cal volverase a reunir a Mesa Sectorial de Vivenda, trazando o plan municipal de medidas a tomar, que será aprobado en Xunta de Goberno Local e remitido ao Goberno galego no mes de marzo.
Limitación aos pisos turísticos
Só se permitirá o seu emprazamento en primeiros andares ou baixos. Tamén se permitirá implantar as VUT en edificios destinados a este tipo de usos en exclusiva
Esta semana o Concello da Coruña presentou tamén os detalles da nova ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico, que van limitar a súa proliferación na cidade. Unha necesidade debida precisamente ao incremento dos prezos da vivenda, como destacou a alcaldesa Inés Rey o xoves: "a proliferación das VUT reduce a bolsa de inmobles dispoñibles na cidade”, con impacto directo nos alugueiros, “tanto por reducir a bolsa de inmobles dispoñibles na cidade como polo incremento dos prezos, que é evidente”.
Francisco Díaz Gallego apuntou igualmente que a decisión se toma nun contexto no que “nos preocupa o incremento do prezo da vivenda” e subliñou que o Goberno municipal “está a tomar todas as medidas que están na súa man para reverter esta situación”.
Unha vez aprobada a ordenanza, as VUT non poderán estar situadas nunha planta inmediata superior a unha vivenda e só se permitirá o seu emprazamento en primeiros andares ou baixos, atendendo, iso si, ás especificidades do Plan xeral en ámbitos como o PEPRI. Tamén se permitirá implantar as VUT en edificios destinados a este tipo de usos en exclusiva.
O texto da nova ordenanza tamén estipula as pautas para declarar unha zona saturada de VUT, o que permitirá impedir a implantación de novas VUT en distritos afectados pola súa excesiva proliferación. Por exemplo, distritos nos que o número de VUT sexa superior a 0,5 por cada 100 habitantes
O texto da nova ordenanza tamén estipula as pautas para declarar unha zona saturada de VUT, o que permitirá impedir a implantación de novas VUT en distritos afectados pola súa excesiva proliferación. Por exemplo, distritos censuais da cidade nos que o número de VUT sexa superior a 0,5 por cada 100 habitantes.
Outro aspecto fundamental da ordenanza é o axuste á legalidade. Os servizos municipais verificaron que, efectivamente, había vivendas da cidade que estaban a ofrecer usos de VUT sen contar coa habilitación administrativa pertinente. Por este motivo, o Concello concederá un prazo de tres meses desde a entrada en vigor da ordenanza para que as persoas titulares de inmobles VUT poñan en orde ou obteñan a súa habilitación administrativa. "No caso de que non cumpran coa normativa municipal marcada no texto desta ordenanza VUT, terán que dalos de baixa no Rexistro da Xunta”, explicou Díaz Gallego.
Inés Rey destacou na súa intevención que "A Coruña é unha cidade aberta e o turismo é fundamental para a súa economía, mais trátase de buscar un equilibrio e coido que é o que estamos a facer". A alcaldesa subliñou que "cumprir a normativa xa non debería ser obxecto de debate, polo que a oferta ilegal de VUT, sen autorización ou comunicación previa para iso, é inadmisible".
A Coruña conta neste momento con 1.357 vivendas de uso turístico rexistradas pola Xunta, especialmente na Pescaría e Cidade Vella, pero tamén noutros barrios da cidade, como Os Mallos, Monte Alto, A Falperra, Ensanche ou Riazor
A Coruña conta neste momento con 1.357 vivendas de uso turístico rexistradas pola Xunta. A cifra disparouse nos últimos tempos, cun aumento do 15% no último ano e do 135% dende o 2022, en tan só tres anos. Tan só en Vigo se produciu unha suba tan importante nos últimos anos entre as grandes cidades do Estado.
O Ministerio de Vivenda comezou a publicar un indicador de saturación de pisos turísticos, detallado ata o nivel da sección censual. Os datos, correspondentes a novembro do ano pasado (pero que unicamente contabilizan 800 vivendas de uso turístico na Coruña, unha cifra moi por debaixo da real) amosan a súa concentración na Pescaría e Cidade Vella (onde se chega a superar o nivel de 5 pisos turísticos por cada 100 inmobles), pero tamén noutros barrios da cidade, como Os Mallos, Monte Alto, A Falperra, Ensanche ou Riazor.