Os concellos avanzan na regulación dos pisos turísticos: ordenanzas e taxas para frear a presión sobre vivenda e servizos

Distribución dos pisos turísticos legais en Vigo e A Coruña © Montaxe: Xunta / Praza.gal

Neste momento están rexistrados legalmente máis de 26.000 pisos turísticos en Galicia. A súa proliferación está a obrigar aos concellos a adoptar medidas para regular a súa actividade ou limitar os efectos negativos sobre o mercado da vivenda

No ano 2017 comezou a falarse en Galicia dos pisos turísticos, un fenómeno que xa tiña efectos importantes en cidades como Lisboa ou Barcelona, pero que no noso país estaba aínda moi localizado nalgunhas localidades litorais ou especialmente turísticas. Pouco despois coñecemos os primeiros datos oficiais ofrecidos pola Xunta: daquela había 4.630 vivendas de uso turístico rexistradas legalmente. 

Sete anos despois funcionan en Galicia máis de 26 mil establecementos deste tipo e esa actividade económica estendeuse por vilas e cidades, incrementando a dificultade para acceder a alugueiros de longa duración e contribuíndo a incrementar os prezos da vivenda. E sete anos despois as administracións comezan a adoptar medidas de forma xeneralizada para ordenar o funcionamento deste negocio a través de ordenanzas municipais e para compensar a través de taxas os gastos extraordinarios xerados nun concello polos visitantes estivais.

Santiago foi o primeiro concello en tomar conciencia do problema e leva anos adoptando medidas. Nos últimos meses tamén o fixeron Pontevedra e A Coruña, que ultima unha ordenanza. Vigo pretende regular a actividade a través do PXOM

A mediados do ano pasado había nas sete cidades galegas catro pisos turísticos por cada vivenda dispoñible para alugueiro. O que nun comezo era un fenómeno vencellado a situacións de saturación turística que podía xerar problemas puntuais de ruídos e convivencia nun determinado edificio converteuse nun factor estrutural que está a limitar o xa de por si reducido mercado de alugueiro.

Os 4.630 pisos turísticos dos que daba conta a Xunta a comezos de 2018 duplicáronse dous anos despois e o seu ritmo de crecemento incrementouse unha vez superada a pandemia de COVID. O 1 de xaneiro de 2022 había máis de 14 mil e tres anos despois o seu número aumentou en doce mil máis.

Santiago foi o primeiro concello en tomar conciencia dun problema que estaba a converter o seu casco histórico nun enorme hotel, expulsando os residentes permanentes que lle dan vida continuada a un barrio. Os sucesivos Gobernos municipais de Compostela Aberta, PSdeG-PSOE e BNG adoptaron medidas para poñer couto á expansión desta actividade, un conxunto normativo que se completou o pasado mes de xuño coa aprobación dunha ordenanza de BNG e CA apoiada polos concelleiros e concelleiras do PSdeG. Os datos da Xunta amosan a eficacia das medidas adoptadas nos últimos anos: no ano 2020 había 681 pisos turísticos en Compostela e hoxe hai 752. Nese mesmo período Vigo multiplicou por seis o seu número de establecementos e A Coruña fíxoo por catro.

No ano 2020 había 681 pisos turísticos en Compostela e hoxe hai 752. Nese mesmo período Vigo multiplicou por seis o seu número de establecementos e A Coruña fíxoo por catro.

Pontevedra é outro dos concellos que se distinguiu nos últimos anos pola adopción de medidas para regular esta actividade económica. Este verán o goberno da cidade estendeu a toda a zona histórica as restricións ás vivendas turísticas que xa rexían no centro da cidade, permitindo os pisos turísticos só en edificios completos, baixos ou primeiros andares.

Tamén A Coruña comezou a dar pasos para limitar a expansión dos pisos turísticos na cidade, cuxa cifra total se sitúa nos 1.357 neste momento. Segundo a normativa municipal, as vivendas de uso turístico só poden funcionar en baixos ou primeiros andares e, no centro, en edificios completos, sen coexistir con vivendas residenciais. Dende hai meses está en proceso de redacción a ordenanza que regulará esta actividade, que pasou por un proceso de consulta pública na que se recibiron 85 alegacións.

En outubro o Tribunal Supremo avalou que as comunidades de propietarios veten os pisos turísticos nos seus inmobles por unha maioría de tres quintos. Dende entón son moitas as xunta de veciños/as que están a prohibir este negocio

Vigo tamén está a preparar cambios normativos para regular as vivendas de uso turístico. Farao a través do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un proceso que avanza lentamente e no que entre outras medidas se prevé permitir a súa instalación en edificios residenciais sempre que teñan unha entrada independente. Na actualidade Vigo suma 2.175 pisos turísticos, o dobre que hai dous anos.

En paralelo, o Goberno central aprobou o pasado mes de outubro a posta en marcha do rexistro obrigatorio dos pisos turísticos, que entrará en funcionamento en 2025 e que outorgará un número único de rexistro de identificación, sen o cal non poderán operar legalmente. 

Tamén en outubro o Tribunal Supremo avalou que as comunidades de propietarios veten os pisos turísticos nos seus inmobles por unha maioría de tres quintos, descartando que este acordo se tivese que adoptar por unanimidade, como viña sucedendo nalgunhas interpretacións. Nos últimos meses cada vez son máis as xuntas de veciños/as que aproban acordos para prohibir esta actividade económica nos seus edificios.

A Illa de Arousa vén de aprobar unha ordenanza que duplica a taxa de recollida do lixo que pagan as vivendas de uso turístico. Outros concellos litorais preparan medidas semellantes

Outras limitacións que se están a establecer en Galicia á actividade das vivendas de uso turístico teñen que ver coa presión que exercen os ocupantes destes establecementos sobre os servizos públicos de moitas localidades. Así, por exemplo, A Illa de Arousa (onde funcionan legalmente 211 pisos turísticos, o dobre que no ano 2020) aprobou recentemente unha ordenanza que incrementa a taxa de recollida do lixo ás vivendas de uso turístico de 145 euros (o que paga unha vivenda normal) a 282 euros ao ano. A localidade segue o camiño aberto nos útlimos anos por Valdoviño ou A Coruña, que tamén cobran unha taxa de residuos superior a estes negocios.

Semella que nos vindeiros meses varios concellos máis, sobre todo os que soportan unha maior presión turística durante o verán, aprobarán medidas semellantes para tentar compensar o gasto extraordinario de recursos públicos que se produce pola presenza na localidade de milleiros de visitantes. É o caso de Bueu, Caldas, Pontevedra ou o propio Sanxenxo.

En Vigo o número de vivendas de uso turístico triplicouse dende o 2022 e na Coruña, Ourense, Lugo e Ferrol duplicouse

A lista dos concellos con máis vivendas de uso turístico segue encabezada por Sanxenxo, con máis de tres mil. Nos primeiros postos, ademais de Vigo, A Coruña e Pontevedra, aparecen vilas costeiras como O Grove, Foz, Cangas, Barreiros, Poio, Viveiro, Fisterra, Ribeira, Nigrán, Bueu ou Carnota. Alén das cifras totais, chama a atención o ritmo de crecemento destes establecementos, tanto nas cidades coma en vilas litorais.

Nas urbes, coa excepción de Santiago, onde a cifra se mantén estable dende hai cinco anos, o número de pisos turísticos dispárase en Vigo (+36% no último ano e +215% dende o 2022), A Coruña (+15% e +135%), Pontevedra (+5 e +65%), Ourense (+14 e +108%), Lugo (+22 e +109%) e Ferrol (+34% e +148%). 

En vilas como Vilagarcía, Viveiro, Baiona, Ribeira, Nigrán, Cambados, Boiro, Ribadeo ou Foz o número de vivendas de uso turístico tamén se duplicou dende o ano 2022.

En vilas como Vilagarcía, Viveiro, Baiona, Ribeira, Nigrán, Cambados, Boiro, Ribadeo ou Foz o número de vivendas de uso turístico tamén se duplicou dende o ano 2022

O rexistro de empresas e actividades turísticas da Xunta ofrece información pública sobre o número e localización destes negocios. Nos seguintes mapas podemos observar a distribución dos pisos turísticos rexistrados legalmente en Vigo e A Coruña. Ou, cando menos, dunha parte deles, pois os datos públicos do Goberno galego só inclúen a localización con coordenadas nunha parte das entradas.

En todo caso, os mapas resultantes informan da concentración destes establecementos no centro das urbes, tanto no Areal e Gran Vía viguesa coma na Pescaría e no Orzán coruñés, aínda que nas dúas cidades atopamos un gran número de vivendas de uso turístico noutros barrios, coma os Mallos e o Ensanche na Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.