Unha sucesión de sentenzas acredita a competencia dos concellos para frear os pisos turísticos

Vista da cidade de Santiago dende o monte Gaiás CC-BY-NC-SA Praza.gal

Unha nova sentenza do Tribunal Superior eleva a dez os ditames xudiciais que avalan o Concello de Santiago para limitar os pisos turísticos pola vía urbanística con independencia da súa inscrición no rexistro da Xunta

A proliferación de pisos turísticos e o seu impacto na escaseza de oferta de vivenda en alugueiro residencial e no seu encarecemento, gaña peso no debate público. Así vén sendo en varias cidades galegas dende hai anos e así acontece agora tamén a nivel estatal dende que a ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, amosou a súa disposición a modificar a Lei de Arrendamentos Urbanos para facilitar que as comunidades de veciños poidan prohibir estes negocios nos seus edificios, entre outros aspectos.

No caso galego, Santiago vén sendo unha das cidades nas que o Concello leva avanzado máis no acoutamento desta actividade económica. Os tres últimos gobernos locais véñeno facendo con accións como prohibilas no casco histórico (2018), limitalas mediante unha reforma urbanística a baixos que legalmente poidan ser vivendas ou primeiros andares (2023) e, neste 2024, desbotando un indulto ás que operaban antes desa modificación normativa con independencia de que estean inscritas no rexistro turístico da Xunta (REAT).

Edificios de vivendas nun barrio compostelán próximo á zona histórica no que proliferan os pisos turísticos nos últimos anos CC-BY-SA Xunta

Estas limitacións, especialmente a vixente dende 2023, atoparon unha forte resposta de rexeitamento entre os propietarios de pisos turísticos que ficaron fóra da regulación. A través de declaracións públicas ou manifestacións, pero tamén con litixios que, non obstante, nun bo número están acabando por acreditar a competencia do Concello compostelán e, por extensión, dos gobernos municipais en xeral para controlar o sector e deixar fóra de xogo os pisos que non se axustan á normativa local.

O goberno local compostelán dá especial importancia a que a xustiza o avale para que deixar sen efecto a comunicación previa de apertura de pisos turísticos irregulares sexa dabondo para o cesamento da actividade

A Xunta de Goberno Local da capital galega tomou coñecemento oficial esta semana dunha sentenza na que, o pasado 26 de xuño, a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deu a razón ao Concello nun destes litixios. Concretamente, o alto tribunal galego rexeita o recurso interposto pola dona de dous pisos turísticos na zona histórica á que o anterior goberno local ditaminara en 2022 a irregularidade dos seus negocios por non estaren permitidos nesa contorna. 

A propietaria non logrou o seu obxectivo pola vía administrativa contra a resolución da daquela concelleira de Urbanismo, a socialista Mercedes Rosón. Tampouco conseguiu reverter a decisión do Concello nun xulgado de Santiago e, ao recorrer ao TSXG, sucedeu o mesmo, polo que agora só podería acudir ao Supremo. Con este son xa dez os ditames xudiciais dende 2020 que avalan a limitación dos pisos turísticos posta en marcha polo consistorio, oito deles firmes, explica a voceira do actual goberno local, Míriam Louzao (BNG). 

A compostelá praza de Cervantes, antiga praza do Pan, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

O gabinete de Goretti Sanmartín concede especial importancia a esta última sentenza porque "declara conforme a dereito a declaración de ineficacia da comunicación previa dunha vivenda de uso turístico, sen que sexa necesario tramitar un expediente de reposición da legalidade urbanística". É dicir, abonda con que o Concello deixe sen efecto a comunicación previa -trámite que substitúe en certas actividades económicas a petición de licenza- de apertura do piso turístico se non se axusta á norma urbanística "para o cese de actividade", un procedemento moito máis sinxelo porque "simplemente, o que realiza o Concello é negar" o uso turístico do piso por "contravir" a norma urbanística.

"Non debe confundirse a declaración responsable autonómica para o exercicio dunha actividade de piso turístico coas autorizacións ou permisos municipais", sinalan os ditames xudiciais, que abondan en que "o ámbito do turismo" se debe "someter (...) ás normas urbanísticas"

O goberno local santiagués tamén valora que o TSXG "incida na idea de que non debe confundirse a declaración responsable autonómica para o exercicio dunha actividade de piso turístico coas autorizacións ou permisos municipais". É dicir, que se un piso turístico non cumpre a norma urbanística, o Concello pode ditaminar o peche do negocio con independencia de que estea inscrito no rexistro da Xunta.

Concretamente, o TSXG asume o argumento do xulgado de primeira instancia ao indicar que a propietaria dos pisos semella "esquecer", nos seus recursos, que "a habilitación para o desenvolvemento da actividade turística non exime" ás persoas ou empresas que "comercialicen" as vivendas "da obriga de obter as autorizacións, permisos, licenzas/e ou informes que establezan as distintas normativas sectoriais e municipais". "O ámbito do turismo -abonda- débese someter na súa aplicación neste caso municipal ás normas urbanísticas e ordenanzas do Concello" cando "implica o uso de inmobles dentro do seu termo municipal".

Neste sentido, o edil de Urbanismo, Iago Lestegás, subliñaba recentemente en declaracións a Praza.gal que o Concello vén esixindo á Xunta que, en cumprimento do decreto que regula o rexistro de pisos turísticos dende 2017, "dea de baixa aos establecementos que incumpran" as autorizacións municipais. "Pero non o están facendo, agás en casos moi contados", o que para o goberno de BNG e CA contribúe a "crear un espellismo de legalidade" baseado en que "a Xunta está incumprindo o seu propio decreto malia aos sucesivos requirimentos do Concello". 

Estes pronunciamentos encaixan coas medidas xa postas en marcha en Santiago e desbrozan o terreo para os gobernos locais que anuncian a intención de modificaren cadansúas normas urbanísticas nun sentido semellante, caso da Coruña e Vigo

Con este pano de fondo, para o Concello de Santiago resulta tamén especialmente relevante que a última sentenza do TSXG recoñeza, citando doutrina do Tribunal Supremo, a "lexitimación do goberno local para a defensa do dereito á vivenda" e "intervir" pola vía urbanística en casos coma estes para preservar "o dereito á vivenda digna e adecuada, conforme á Constitución" e mais "evitar o deterioro da contorna urbana". Estas actuacións, di o ditame xudicial, son conformes coa Directiva Europea de Servizos por responderen a "razóns de interese xeral".

Deste xeito, o pronunciamento do TSXG encaixa coas medidas xa postas en marcha en Santiago. Pero tamén desbroza aínda máis o terreo para outros concellos con especial presión dos pisos turísticos que nos últimos meses avanzaron a  intención de modificaren cadansúas normas urbanísticas nun sentido semellante, caso da Coruña e Vigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.