O pasado 1 de xaneiro o rexistro de Turismo de Galicia (REAT) tiña anotados 1.180 pisos turísticos na cidade da Coruña. Eran 467 máis ca un ano antes e as prazas de aloxamento que ofertan disparáranse un 72%, ata as 5.849. O dato máis recente deste rexistro, correspondente ao pasado xuño, amosaba que a escalada non cesa: os pisos eran xa 1.291 e as súas prazas, 6.367 distribuídas en case 3.500 cuartos.
O rexistro da Xunta recolle case 1.300 pisos turísticos na Coruña, que en apenas un ano dispararon máis dun 70% as prazas de aloxamento que ofrecen na cidade
A normativa da Xunta referida aos pisos turísticos, que data de 2017, estipula que inscribir unha destas vivendas no rexistro "non exime" á persoa ou empresa que "comercialice a vivenda" da "obriga de obter as autorizacións, permisos, licenzas e/ou informes" que fixen as "distintas normativas sectoriais e municipais". É o caso das normas e licenzas dos concellos. En caso de "incumprimento", a mesma norma fixa a obriga de dar de baixa o piso turístico e cancelar a súa inscrición no REAT.
Malia á claridade deste esquema, son varios os concellos que veñen advertindo de que o REAT vén virando nunha caste de barra libre no que as baixas por carencia de permisos municipais son anecdóticas. Así o denunciou recentemente o concelleiro de Urbanismo de Santiago, cidade que nos últimos días concentra as olladas a respecto da limitación dos pisos turísticos. E así o sinala tamén o goberno municipal da Coruña, que se dispón a dar un paso máis na regulamentación desta actividade económica mentres reitera á Xunta a reclamación de que cumpra coa súa parte.
O goberno local notifica ás persoas propietarias que deben tramitar a pertinente comunicación da súa actividade económica ao Concello para, acto seguido, peneirar os pisos turísticos en función do seu axuste ao PXOM, que en función da zona só os permite en baixos, primeiros andares e edificios completos
Con este pano de fondo e mentres colectivos a prol do dereito á vivenda e tamén o BNG local reprochan ao gabinete de Inés Rey lentitude nesa regulación -o proceso comezou, en rigor, xa no pasado mandato, e o goberno local tamén chegara a acordos coa Marea Atlántica ao respecto-, o Concello vén de iniciar unha campaña de notificacións ás persoas propietarias destes negocios. Nelas advírteas da "necesidade de comunicación previa da súa actividade para a súa regulación".
Isto é, o Concello coruñés diríxese a quen explota pisos turísticos anotados no REAT para que cubra o impreso municipal e xustifique ademais que está ao corrente no Imposto de Actividades Económicas. Faino para, acto seguido, peneiralos en función da normativa urbanística, o PXOM, que en síntese "non permite implantar actividades de uso turísticos nin terciarios sobre pisos ou locais destinados a vivendas de uso residencial".
En función da zona da cidade -segundo a zonificación do Plan Xeral-, a marxe para os pisos turísticos é máis ou menos ampla. En xeral, poden funcionar en baixos ou primeiros andares ou, nalgunhas áreas, en edificios completos. O plan especial que protexe a Cidade Vella e a Pescaría restrínxeos a "edificios exclusivos" e no Ensanche e Pescaría Norte, a plantas baixas e primeiros andares "vencellados" a elas.
Colectivos a prol do dereito á vivenda e o BNG local reprochan lentitude na regulación dos pisos turísticos ao goberno de Inés Rey, que subliña ten en marcha a elaboración dunha ordenanza ao respecto e inst a Xunta a non inscribir no rexistro os que non se axustan á norma urbanística
Con estas notificacións en marcha e sobre a base das limitacións do PXOM, indica a alcaldesa, "proporemos unha ordenanza" para regular de vez os pisos turísticos. O bosquexo da nova norma chegará este xoves á "mesa de diálogo" co sector e entidades atinxidas, que xa se reuniu o pasado outubro. Neste tempo, resalta o consistorio, xa instaron "en dúas ocasións á Xunta para que teña en conta a normativa municipal á hora de conceder novos permisos para a apertura de máis vivendas deste tipo".
"Consideramos necesario" que nesa ordenanza reguladora "tamén se implique a Xunta e facelo conxuntamente co resto de cidades de Galicia", agrega Rey, quen lembra que dende 2022 as vivendas turísticas están gravadas na cidade cunha "taxa específica de lixo". Entre as claves políticas da normativa estará, como sucedeu en Santiago, se abre ou pecha a porta a un posible indulto total ou parcial a pisos turísticos que estivesen funcionando con anterioridade sen axustárense ao estipulado no plan urbanístico.