O Concello de Pontevedra quere contar coa información máis precisa para decidir a necesidade ou non da declaración de zonas de mercado tensionado
O Concello de Pontevedra vai encargar nas vindeiras semanas un estudo sobre a situación da vivenda na cidade nun momento no que a dificultade para acceder a unha vivenda de alugueiro, o aumento dos prezos de arrendamento e compra e as problemáticas derivadas da proliferación dos pisos turísticos gañan cada día protagonismo
O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña deu conta esta semana na Comisión de Urbanismo dos temas nos que o estudo, que se encargará proximamente, fará fincapé, e que percorren estas e outras problemáticas. O edil explicou que o estudo "vai poñer en riba da mesa moitos datos para poder seguir avanzando en diferentes eidos" e destacou que "imos analizar unha serie de parámetros que até o de agora non se analizaran, pero que son moi interesantes á para desenvolver políticas na cidade".
Realizarase un estudo das características das vivendas baleiras e segundas residencias, buscando coñecer o número exacto, localización e características das vivendas baleiras e dispoñibles para a alugueiro ou para a compra
Oubiña destacou que "non se trata soamente de estudar o ámbito da vivenda, onde as competencias do Concello son bastante limitadas, senón tamén aspectos como valoracións dentro do mundo do alugueiro, da compra-venda, estudos comparativos con outras localidades da comarca e do resto de cidades".
Tamén se afondará na situación da vivenda turística e se buscará coñecer o número de vivendas susceptibles de construción ao abeiro do PXOM actual e dun hipotético novo PXOM tendo en conta a normativa marco actual. Igualmente realizaranse estudos valorativos sobre a necesidade ou non de declarar zonas de mercado tensionado.
No estudo que se encargará "proximamente", nunha convocatoria cuxos pregos se están a redactar, realizarase por exemplo un estudo das características das vivendas baleiras e segundas residencias, buscando coñecer o número exacto, localización e características das vivendas baleiras e dispoñibles para a alugueiro ou para a compra e tamén o grao de ocupación das segundas residencias.
O estudo buscará coñecer o número de vivendas susceptibles de construción ao abeiro do PXOM actual e dun hipotético novo PXOM tendo en conta a normativa marco actual
Así mesmo, levarase a cabo un estudo das características da compravenda de vivendas nos anos 2021, 2022 e 2023, con distribución por zonas, prezos e perfís dos compradores e vendedores e tamén as condicións dos créditos hipotecarios concedidos.
Incluiranse tamén estudos relacionados co Plan Xeral de Ordenación do Concello de Pontevedra e coa proposta de extensión dos Entornos de Rehabilitación Integral no Centro Histórico, Estribela e Mouraría.
En canto ás axudas económicas para vivenda, quérese facer unha análise do impacto das axudas ao alugueiro, unha análise do impacto das axudas encamiñadas á mellora enerxética dos fogares e doutras axudas percibidas polos propietarios de vivenda.
Declaración de zonas tensionadas
"Imos analizar unha serie de parámetros que até o de agora non se analizaran, pero que son moi interesantes á para desenvolver políticas na cidade", sinalou o concelleiro Alberto Oubiña
Igualmente, afondarase na situación do mercado de alugueiro de vivenda habitual nos anos 2021, 2022 e 2023 tamén coa distribución por zonas, prezos e perfís dos arrendadores e arrendatarios, cunha valoración do estado das vivendas alugadas ou que se ofertan para o seu arrendamento.
O Concello de Pontevedra quere contar coa información máis precisa para decidir a necesidade ou non da declaración de zonas de mercado tensionado en base ao artigo 18 da Lei 12/2023 polo dereito á vivenda e do artigo 9 da Lei 10/2023 de medidas fiscais e administrativas da Xunta de Galicia. Neste senso, levaranse a cabo os estudos necesarios marcados pola normativa encamiñados á determinación (ou non) da necesariedade de declaración de zona tensionada. E, se fose preciso solicitar a declaración, completaríase a elaboración da documentación necesaria para o cumprimento da solicitude.
O Concello quere coñecer de primeira man e con detalle a situación dos alugueiros turísticos na cidade
Os pisos turísticos na cidade
Finalmente, o Concello quere coñecer de primeira man e con detalle a situación dos alugueiros turísticos na cidade: número, distribución por zonas, tempo medio de alugueiro e distribución temporal, engadindo ademais un estudo sobre afección dos pisos turísticos sobre a demanda e a oferta na vivenda en Pontevedra.