Vigo e A Coruña, dúas caras da mesma emerxencia da vivenda

Porta do Sol de Vigo e Praza de María Pita na Coruña CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal

O problema do acceso á vivenda agravouse en todo o país, co 25,5% da poboación galega en risco de exclusión social, segundo os datos do Instituto galego de estatística do ano 2023, a falta de inmobles no mercado e uns prezos á alza con condicións ao alcance duns poucos as cidades galegas con maior poboación están ao límite de declarar unha emerxencia habitacional para á que non hai remedios á vista.

O intento de suicidio dun home que ía ser desafiuzado do seu fogar a causa do impago do alugueiro e a nova de que as persoas afectadas polo incendio dun edificio no que morreron catro persoas o pasado ano en Vigo, ían quedar de novo na rúa e sen axuda nin por parte da Xunta nin do Concello, reviviron os recordos dos peores anos da crise económica, que semellan esquecidos tras a experiencia da pandemia da COVID-19.

Concentración convocada polo colectivo Os Ninguéns o 3 de maio en Vigo CC-BY-SA Os Ninguéns

A asociación Poten100mos da Coruña, que axuda a persoas vulnerables na busca de vivenda desde 2015, comunicou no mes de xaneiro que non podía aceptar máis derivacións de casos pola imposibilidade de atopar solucións para as familias coas que xa están a traballar. “Non é realista crear expectativas a ningunha familia das que apoiamos normalmente cando a realidade está como está. O noso traballo é difícil, pero sempre hai unha pequena luz de esperanza ao final do camiño; para que decidamos que non podemos acumular máis casos significa que esa luz xa se apagou, polo menos de momento”, explica Cristina de la Puente, directora e fundadora desta entidade.

Cristina de la Puente sinala que nas inmobiliarias se están levando a cabo "castings baseados en números, non no responsables que poden ser unhas persoas como inquilinas" para escoller a quen alugar

A realidade é que ningunha das familias coas que traballan en Poten100mos, que poden ser familias con traballo pero empobrecidas, alcanzan a pagar os prezos dun alugueiro na Coruña; e se conseguisen facelo, non pasarían as condicións para os seguros de falta de pagamento que se están a esixir na firma dos contratos de arrendamento. Segundo os últimos datos do Ministerio de Vivenda, correspondentes a 2022, a mediana do prezo dos alugueiros en Vigo está nos 500 euros mensuais e na Coruña nos 484 euros, o que os converte nos concellos galegos cos pisos máis caros. 

“Agora mesmo, para pasar os requisitos dun seguro de impago hai que ter un salario líquido do triplo do prezo do alugueiro a contratar. Se son 600 euros, hai que demostrar unhas nóminas de 1.800 euros. Isto quere dicir que as nosas familias, xa empobrecidas, non poden acceder a alugar por non poder facerse o seguro. Ademais, todas estas familias compiten coa dificultade que tamén están tendo familias normalizadas para atopar unha vivenda en alugueiro”, explica De la Puente, que apunta que nas inmobiliarias se están levando a cabo “castings baseados en números, non no responsables que poden ser unhas persoas como inquilinas” para escoller a quen alugar.

Algunhas entidades sociais da Coruña están tratando de atopar solucións conxuntamente, ante o que consideran unha “situación límite”. Tanto na Coruña como en Vigo hai máis de 20.000 vivendas baleiras, que representan o 15% do total en ambas urbes. “Non tiramos a toalla, porque senón xa non poderiamos seguir traballando”, di Cristina de la Puente.

Na asociación que dirixe De la Puente seguen a buscar alugueiros de habitacións para persoas en situación de exclusión severa, é dicir, en situación de rúa ou con grande dificultade pola súa exclusión social. Conta que no albergue de Padre Rubinos están desbordados e que a todo isto suman un novo perfil: persoas maiores que levan media vida vivindo nun piso de alugueiro e se ven na rúa porque os propietarios queren subirlles o prezo do piso ou ben porque queren trasladar a súa vivenda ao alugueiro turístico.

“Se as vivendas de alugueiro se pasan ao turístico, os bancos non dan hipotecas e os fondos voitre acumulan vivendas baleiras: que vai facer a xente?”, pregúntase Cristina de la Puente, que pide aos propietarios que sexan “consecuentes”

Cristina de la Puente asegura que isto está a suceder en todo o país e que cómpre instar os propietarios a seren “consecuentes”. “Se as vivendas de alugueiro se pasan ao turístico, os bancos non dan hipotecas e os fondos voitre acumulan vivendas baleiras: que vai facer a xente?”, pregúntase. “Creo que é preciso animar os propietarios que teñen medo á ocupación e aos impagos. As persoas que alugaron a súa vivenda a familias vulnerables non están a ter problemas porque o último que queren estas familias é verse na rúa cos seus fillos nesta situación. Hai garantías, nós facemos seguimento e estamos aí pendentes de que todo saia ben. Se unha persoa ten unha vivenda baleira e non a aluga a un prezo accesible está a aumentar o problema”, debulla.

“Agora mesmo hai familias enteiras vivindo amoreadas en cuartos de pisos compartidos, sobre todo sucede coas persoas migrantes, que atopan unha realidade moi diferente á que viviron as súas amizades que chegaron hai uns anos e as animaron a vir”, di Cristina de la Puente. Desde a Oficina dos dereitos da Marea Atlántica, Rodrigo Gil Cedillo ve unha “desprotección” destas persoas ás que se lle pon máis difícil cuestións básicas como o empadroamento, fundamental para acceder a moitas axudas públicas.

“Será cuestión de tempo que poida haber problemas. Se non se están a facer proxectos de vivenda municipal, reforzar a bolsa de alugueiro accesible, ceder solo público para iniciativas sen ánimo de lucro para que poidan tamén xestionar programas de vivenda ou mobilizar todas esas vivendas baleiras... Haberá que facer algo, comezando por poñerlle freo ás vivendas de uso turístico, senón irán ocupando cada vez máis espazo e haberá menor capacidade de acceso á vivenda por parte da cidadanía”, salienta Gil Cedillo.

De feito, este educador social moi implicado nos colectivos promotores dunha renda básica universal, advirte de que están a aumentar os “desafiuzamentos invisibles”, que son os casos de persoas ás que non lle queren renovar os contratos de alugueiro ou que lle ofrecen condicións imposibles de renovación co fin de botalos da vivenda na que están de alugueiro.

Rodrigo Gil Cedillo considera que a Xunta está “desaparecida” a pesar de ter as competencias en materia de vivenda: “Quizá só están a favorecer un modelo que entenden que é o axeitado: esta man invisible que se supón que vai regular todo e coa que todo vai saír ben sen facer ningún tipo de intervención. Iso non funciona. Temos casos no Estado de anos anteriores, como é o de Valencia, onde durante catro anos estiveron ampliando o parque público, utilizando a figura do tanteo e do retracto para poder adquirir vivendas a prezos moi accesibles e que esas vivendas pasaran ao parque público da Generalitat”.

Rodrigo Gil Cedillo advirte de que están a aumentar os "desafiuzamentos invisibles", que son os casos de persoas ás que non lle queren renovar os contratos de alugueiro ou que lle ofrecen condicións imposibles de renovación co fin de botalos

Unha das primeiras cousas que fan na Oficina dos dereitos da Marea Atlántica cando alguén acode por cuestións de vivenda é anotalo no Rexistro de demandantes de vivenda protexida, o que Gil Cedillo considera un bo exemplo da inacción da Xunta porque está “practicamente abandonado” e “obriga a estar pendente de renovalo, sen que che avisen de cando vai caducar”.

O goteo de desafiuzamentos mantense con 1.127 en 2023 e segue sendo maior en vivendas alugadas, sendo 963 durante o ano pasado, e un total de 164 en pisos con hipoteca. Un dos últimos casos tivo lugar en Vigo, onde un home de 43 anos tratou de quitarse a vida cando lle confirmaron que non se aceptaba o aprazamento da débeda solicitado e ía ser desaloxado da vivenda na que residía coa súa familia.

Por outra banda, a asociación viguesa Os Ninguéns denuncia que as familias desaloxadas do inmoble da rúa Afonso X o Sabio do barrio das Travesas tras o incendio no que morreron unha muller e tres menores de idade volven atoparse desprotexidas.

Edificios da rúa Vía Norte, na cidade de Vigo CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Foron realoxadas temporalmente nun hostal pagado polo Concello de Vigo, que optou por deixar de financialo sen ofrecer unha alternativa habitacional estable. Os albergues da cidade están as completo, só dúas mulleres conseguiron poder instalarse noutro hostal, mentres que o resto das persoas que quedaron fóra das súas casas o pasado outubro están agora de novo na rúa.

É esta a mellor cidade para vivir da que presume Abel Caballero? Merecen menos atención estas persoas que os peregrinos que pernoctan no albergue da Xunta no Berbés do que tanto fachendea a delegada Ana Ortiz”, manifestou o concelleiro do BNG Xabier Pérez Igrexas, quen considerou “moi miserábel que ambas administracións non estean a mover un dedo diante deste drama”.

"Teríamos que apostar por políticas que non poñen a tirita cando xa nos fixemos a ferida, senón por políticas que crean unha rede que non nos permita caer", destaca Gil Cedillo

Ademais, as traballadoras sociais do Concello de Vigo manteñen as mobilizacións para reclamar máis persoal que lles permita mellorar a atención diaria. Na cidade olívica hai unha traballadora social municipal por cada 17.000 persoas. Isto significa que soportan o dobre de carga de traballo do que establece a lei galega.

Para Rodrigo Gil Cedillo unha solución a todo este problema xa existe, “o que pasa é que non se aborda politicamente”. Fala da renda básica universal, á que considera que habería que virar tras comprobar que a Risga “non funciona” e que o Ingreso Mínimo Vital “non chegou a todo o mundo como se esperaba”.

“Teríamos que apostar por políticas que non poñen a tirita cando xa nos fixemos a ferida, senón por políticas que crean unha rede que non nos permita caer. Ademais, é moito máis caro facer esas políticas a posteriori, unha vez que xa fracasamos e quedamos nunha situación moi grave, en lugar de tomar medidas preventivas. Se todo o mundo ten a existencia material garantida, seguramente teñamos menos problemas nese sentido. Aínda que iso non quere dicir que a renda básica sexa infalible, porque se non amañamos a cuestión da vivenda, por máis que teñamos unha renda básica universal de 900 euros o mercado vai facer que o alugueiro sexa maior que iso. É preciso que as administracións públicas interveñan naqueles ámbitos estratéxicos que nos permiten ter unha vida digna”, argumenta Gil Cedillo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.