Nesta cidade existe unha traballadora social municipal por cada 17.000 persoas, o que supón o dobre da carga para cada profesional que establece a lei galega
Familias sen teito, maiores, dependentes, mulleres que sofren violencia de xénero, persoas consumidoras, persoas con algunha discapacidade... Toda a poboación que pode estar nunha situación de vulnerabilidade nalgún momento da súa vida necesita a atención das traballadores sociais municipais que, no caso de Vigo, veñen de comezar mobilizacións para reclamar máis persoal que lles permita mellorar a atención cada día. Nesta cidade existe unha traballadora social municipal por cada 17.000 persoas, o que supón o dobre da carga para cada profesional que establece a lei galega.
Informan, orientan e valoran. E da súa rápida atención depende que unha persoa tarde máis ou menos en cobrar un axuda á dependencia ou que se produza finalmente un desafiuzamento por falta de pagamento. Adoitan traballar en situacións de emerxencia que requiren unha resposta profesional e rápida, con visitas nos domicilios e os correspondentes informes. Todos estes procedementos levan tempo e faltan mans. “Queremos dar un servizo de calidade, de acompañamento. Non ter citas de 20 minutos”, lamenta Teresa Elvira Muñiz, traballadora social do Concello de Vigo.
O seu traballo pódese asimilar, no eido sanitario, ao dos médicos de Familia e lamentablemente, a situación de precariedade que sofren por falta de profesionais e de tempo para atender as persoas ten moitos puntos en común.
Elvira Muñiz explica que actualmente hai 17 traballadoras sociais dos chamados servizos sociais comunitarios, que son a “porta de entrada” –segundo di o Concello- ou o punto de acceso normalizado –en palabras da Xunta- para atender a poboación que o necesite. Son cinco Centros Municipais de Servizos Sociais (Coia, Teis, Calvario, Princesa e Praza do Rei) que reparten os distintos barrios entre 17 profesionais. Segundo o Decreto 99/2012 de Servizos Sociais de Galicia a ratio por cada traballadora social non debería superar as 8.000 persoas. Porén, na cidade máis poboada de Galicia, as contan non saen, xa que con case 294.000 habitantes, existen 17.000 persoas, máis do dobre do estipulado por lei, para cada traballadora.
Da visita da traballadora social ao domicilio pode depender, por exemplo, que se pare un desafiuzamento
O servizo municipal está a outorgar citas cunha espera de dous meses de media, e hai zonas nas que se supera este período. “Eu levo a zona de Cabral e Candeán e teño abertos case 6.000 expedientes, con cousas de decembro que aínda no fun quen de atender”, lamenta Teresa Elvira, que tamén é delegada do sindicato CUT no Concello de Vigo. Elvira alerta de que na súa oficina había dúas persoas para tarefas administrativas, mais logo de xubilarse unha, só quedou outra e xa non se repuxo a baixa.
Os días da semana son os que son e cun cadro de persoal tan exiguo as traballadoras sociais municipais –que en Vigo actualmente son todas mulleres- teñen repartidos dous días para citas, outros dous para sacar adiante trámites e queda só un día para visitas. Mais desa visita pode depender, por exemplo, que se pare un desafiuzamento para unha familia vulnerable. “Nós temos que ir pola casa e facer o informe”, explica Teresa Elvira. E con este trámite a familia pode acceder a unha prestación económica que mellore a súa situación.
Tras a pandemia, o Goberno puxo en marcha o Ingreso Mínimo Vital, que multiplicou as citas para consultas. Tamén a modificación da Lei de Tutela, que elimina esta figura e insta á revisión dos casos, supón máis carga de traballo para as traballadoras sociais
As traballadoras socias actúan tamén no eido dos menores e a súa educación obrigatoria, acompañándoos, por exemplo, no Servizo de Educación Familiar do Concello; ou mesmo actuando de oficio nos casos de absentismo escolar.
A tramitación das prestacións económicas de emerxencia social como a RISGA (Renda de Inclusión Social de Galicia) ou a valoración para a concesión da axuda á Dependencia depende do informe que fagan as traballadoras sociais do Concello.
Elvira Muñiz detalla que as modificacións lexislativas dos últimos anos cargaron máis tarefas sobre as costas destas traballadoras, ao tempo que a poboación en Vigo seguiu a medrar e non se incrementan os postos de traballo. Tras a pandemia, o Goberno puxo en marcha o Ingreso Mínimo Vital, que multiplicou as citas para consultas. Tamén a modificación da Lei de Tutela, que elimina esta figura e insta á revisión dos casos.
“Nós sempre intentamos priorizar as emerxencias, pero hai moitas cousas urxentes”, alerta Teresa Elvira, traballadora social do Concello de Vigo
A modificación da Lei de Dependencia, que implica unha suba das axudas para as persoas dependentes coidadas no seu fogar e que a Xunta publicitou de forma confusa como un 'novo' bono de 5.000 euros para o coidado, supuxo tamén un aluvión de consultas para demandar esta prestación.
“Nós sempre intentamos priorizar as emerxencias, pero hai moitas cousas urxentes”, alerta Teresa Elvira. A traballadora social lamenta que nesta situación de retraso constante hai casos que se poderían solucionar axiña, pero acaban sendo tamén urxentes. “Igual ti debes un mes de alugueiro e para cando eu podo ir ao domicilio igual xa debes 4 ou 5. Os trámites levan o seu tempo”, subliña.
Os retrasos supoñen que os maiores poidan estar entre 2 ou 3 meses esperando por un informe para a Valoración da Dependencia e outro tanto pola Xunta, que é quen finalmente concede ou non a axuda. “Mentres tanto, a familia entra en crise”, alerta traballadora social.
Cansas de non poder ofrecer un servizo de calidade, as traballadoras sociais do Concello de Vigo van mobilizarse todos os venres de abril (comezaron xa o día 5) nas portas dos distintos Centros Municipais de Servizos Sociais. Non piden melloras salariais. Precisan máis persoal.